Por Galicia Confidencial | Teo | 06/12/2018 | Actualizada ás 11:00
Os documentos foron presentados pola Plataforma Casalonga Limpa de Residuos esta semana. Os tres escritos piden cambios lexislativos para impedir a construción dun vertedoiro de 9 millóns de metros cúbicos de residuos na canteira en desuso da Casalonga, no Concello de Teo.
Os 4 de decembro no rexistro do Parlamento achegouse un escrito dirixido a cada un dos grupos políticos parlamentarios, instando á protección do solo rústico, das canteiras en desuso e unhas distancias mínimas ás casas.
Un día despois, o 5 de decembro, a Plataforma presentou no rexistro do Concello de Teo, outro escrito dirixido ao alcalde con copia a todos os grupos políticos municipais, instando á modificación do PXOM para protexer o monte da Casalonga.
Ese mesmo día presentouse outro escrito para o Ministerio de Transición Ecolóxica no que se insta ao goberno a cambiar a normativa estatal. Concretamente os reais decretos 975/2009 e 105/2008 que obrigan a restaurar as canteiras en desuso con calquera tipo de materiais, chamándolle “materiais valorizados” só polo feito de enterralos.
Segundo comunica a Plataforma na súa nota de prensa “as empresas que xestionan residuos aproveitan estes resquicios legais para instalar vertedoiros altamente contaminantes en lugares totalmente inapropiados como aqueles cercanos ás casas, densamente poboados e cun gran patrimonio histórico e cultural como é o caso do entorno da Casalonga, no concello de Teo”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.