Villares anuncia que En Marea se presentará como "espazo propio" e non dependerá de Podemos

O Consello das Mareas aprobará este sábado o calendario de primarias para elixir os candidatos ás xerais. O seu líder advirte aos posibles aspirantes: deben "crer nesta oferta" e "aclarar" os seus principios políticos, tras romper os deputados de Podemos, IU e Anova a consigna do grupo.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 15/02/2019 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

O Consello das Mareas aprobará este sábado o seu calendario de primarias para elixir os candidatos que concorran ás eleccións xerais do próximo 28 de abril, segundo avanzou o portavoz de En Marea, Luís Villares. A reunión xa estaba prevista de antemán tras a votación dos orzamentos xerais, para a que a dirección decidira o non, algo que só respectou a deputada Alexandra Fernández.

Nunha comparecencia ante os medios, con motivo dunha visita a Vigo para reunirse co secretario xeral do Eixo Atlántico, Villares proclamou que En Marea está "preparada" para "asumir o reto político" dunha nova cita electoral.

De feito, indicou que o máximo órgano de decisión entre plenarios aprobará este sábado o calendario de primarias para elixir os candidatos ao Congreso e ao Senado, e "facer fronte a esta situación". No entanto, matizou que este escenario era unha "hipótese de traballo" que En Marea manexaba "desde hai tempo".

Cuestionado acerca das medidas políticas que se anunciaron con respecto aos catro deputados que votaron a favor dos Orzamentos Xerais do Estado, Luís Villares resolveu a cuestión apuntando que "a lexislatura está acabada e agora "o que toca é a composición política dunha oferta que sexa defendida por deputados e deputadas que crean nesa oferta".

CANDIDATOS QUE "ACLAREN" OS SEUS PRINCIPIOS POLÍTICOS

Así, o portavoz de En Marea incidiu en que "para iso se fan as primarias" e sinalou que as persoas que se candidaten "deberán aclarar os seus principios políticos" en defensa de Galicia. Unha clara indirecta aos deputados de Anova, Podemos e IU que non seguiron as consignas do grupo. "En Marea ten tres eixos, o democrático, o social e o nacional, que deben estar presentes", engadiu.

A preguntas dos medios, sobre se En Marea concorrerá ás eleccións en solitario e se haberá pacto con Podemos, Villares afirmou que o partido se presentará "como formación propia". Ademais, lembrou que En Marea é un "espazo político plural e diverso que acolle a dobre militancia, pero de adscrición individual".

A ese respecto, convidou a "compañeiros e compañeiras", aínda que militen "noutras forzas políticas", a "participar activamente" no proceso de primarias e na conformación de candidaturas.

FIN DA LEXISLATURA

Con respecto á convocatoria de eleccións, Luís Villares lembrou que En Marea mantivo, durante a negociación dos Orzamentos, os principios recolleitos na súa 'axenda galega do cambio', que o PSOE "non quixo aceptar", o que levou a "dicir un non rotundo" ao PGE.

Segundo sinalou, esa axenda marca como fundamentais os eixos da rexeneración democrática, do impulso social e da defensa de Galicia. "Preferísemos continuar a exploración deses vectores, pero acollemos este momento con moita esperanza, porque nos permite explicar as nosas propostas (...) e saímos a gañar, a por todas", concluíu, con respecto á convocatoria electoral anunciada este venres por Pedro Sánchez.

Por outra banda, Luís Villares referiuse ao acto que, este xoves, reuniu en Vigo a Pablo Casado e Alberto Núñez Feijóo, e que cualificou como "acto do odio". "Vimos a Feijóo e a Casado facer votos por un pacto coa extrema dereita", lamentou, e advertiu de que "non se pode estar con Galicia e coa Falanxe ao mesmo tempo, coa igualdade e co machismo ao mesmo tempo, defender Galicia e pactar cos que queren a supresión da Comunidade Autónoma".

Xoán Vázquez Mao, secretario do Eixo Atlántico, e Luís Villares, portavoz de En. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS
Xoán Vázquez Mao, secretario do Eixo Atlántico, e Luís Villares, portavoz de En. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

O secretario xeral do Eixo Atlántico é un cargo VITALICIO ?

1 Cirigaitas

O Fuciño deste par de Vividores da Política (Yolanda e Fernan Vello: por certo, este Enchufado na Lista Lucense por Beiras e no seu dia) parece non ter límites....xa están pensando (co Q a facer-se-lle gaseosa) na Soldada dos próximos Catro anos sen, aínda, ter sido elixidos pola Masocomilitancia. O Lóxico, dado o Fraude que supuxo a súa presenza nas Cortes e por Hixiene Política, e que deixaran paso.......mais, a que se ían adicar e quen llo ía remunerar tan graciosamente??.