Grecia-Galiza: Avante Syriza!!!

Unha pantasma percorre Europa… e esa pantasma non é máis que a recuperación da soberanía e a democracia que encarna Syriza, a coalición de esquerdas que lidera Alex Tsipras, que o domingo se bateu nos comicios gregos non só contra os seus compatriotas rivais, senón contra toda un ala conservadora e reaccionaria de Europa.

Por Jorge M.de la Calle | Compostela | 19/06/2012

  • versión para imprimir

Non acadaron a maioría suficiente para gobernar, mais é seu o auténtico trunfo, co maior aumento de votos en termos relativos, fronte á victoria pírrica da dereita de Nova Democracia, que terá que aliarse coa socialdemocracia do PASOK para poder gobernar: o que indica que algo comeza a mudar. Agora terán que loitar dende unha auténtica oposición na que xa se posicionou Tsipras, por lograr o que estiveron a piques de conseguir dende o poder, e que de feito se atopa na conciencia de cada vez máis xente. Unha onda antiausteridade no corazón de Europa e no berce da democracia, que podería provocar un tsunami de dignidade en toda a Unión Europea. 

O Pobo Galego non debe ser alleo a estes movementos no seo da UE, pois nun mundo globalizado como o noso, nun mundo que sofre a escala macro os ataques do sector financeiro e o secuestro dos gobernos a mans daqueles, a estafa, o atraco e o expolio disfrazados de crise, e mailo avance da dereita máis salvaxemente neoliberal, o que pasa en Grecia nestes momentos debe ser un espello no que vernos e un camiño que seguirmos para saír desta situación, deixar atrás o medo e recuperar a soberanía, a dignidade e a democracia perdidas. 

E, salvando as inevitábeis distancias, Galicia ten bastantes semellanzas con Grecia, tanto na economía, dominada pola agricultura, a pesca e o sector servizos, entre eles o turismo, e con especifidades moi galegas dentro da industria como o naval; coma no político, cunha depauperación da vida pública caracterizada pola corrupción e o caciquismo, ademais do desmantelamento constante do público nos últimos anos, educación, sanidade, dereitos e liberdades sociais… (Casualmente, as cores da súa bandeira son as mesmas cá nosa, azul e branco, esta coa cruz de San Andrés -que casualmente di a lenda cristiá que foi martirizado en Grecia-, e a outra coa cruz da Igrexa Ortodoxa grega.)
 
Partidos como Syriza deben ser un exemplo para a nova forza política de esquerda que se está a formar en Galicia/Galiza. Unha forza con principios e ideoloxía, pero pragmática, plural e heterodoxa, non dogmática; non pechada e ensimismada, resistencialista e intransixente, senón aberta, tolerante e con vontade de gobernar, fornecendo así alianzas e entendementos para acadar o que debería ser obxectivo común de toda a esquerda, o que lle dá sentido: derrocar a dereita e comezar a desterrar, entón, todas as súas políticas anticidadás.
 
Unha esquerda “verde” que, no económico, rexeite os actuais modelos produtivistas tanto capitalistas como comunistas, sen deixar na cuneta ás clases obreiras pero que aposte polas enerxías renovables, a protección escrupulosa do Medio Ambiente e o decrecemento, e mais radicalmente anticapitalista no que atinxe á redistribución da riqueza;  e que no social, defenda con firmeza os dereitos humanos e a igualdade radical sen peros, tanto da muller con respecto ó home como do colectivo LGTB, inmigrantes, discapacitados, dependentes, e tamén todos os disidentes e perseguidos de calquera réxime, sexa capitalista ou comunista (supostamente comunista); que acredite e practique a democracia participativa, a transparencia e o diálogo permanente coa sociedade. 
 
Syriza, como outras esquerdas radicais europeas, é plurinacionalista. O que quer dicir que defende as diversas identidades nacionais que conviven no seu Estado, sexan legais ou ilegais. Isto tería que valernos a nós, se queremos formar unha nova forza nacionalista e soberanista, non só para autoafirmarnos como galegas e galegos, senón para aceptar e integrar toda a diversidade que comprende este concepto, e revisalo afastándose de debates sobre a maior ou menor galeguidade e polo tanto lexitimidade de cada suxeito; entendendo que hai moitas sensibilidades dentro desa idea, e que a de galego/a tería que ser unha carta de cidadanía ante todo. Apostando pola convivencia entre linguas, culturas e visións, sen deixar de potenciar a cultura e a lingua propias, e mailos signos de identidade que nos unen e diferencian doutros pobos. 
 
Como Syriza, o camiño que debemos seguir é o da amalgama de sensibilidades, propostas e ideas e movementos radicalmente de esquerdas, como os de raíz ecoloxista, pacifista, antimilitarista, feminista, queer, antiprohibicionista, laica, antifascista e, en definitiva progresista, revolucionaria ou simple e radicalmente democrática e cidadá. Este camiño implica tamén unha radical humildade e espíritu aberto, receptivo a todas as propostas minimamente éticas, nada egocéntrico nin paternalista e con vontade de integrar, facendo fronte común aos que queren submirnos máis neste neofeudalismo no que involucionou o capitalismo. Para iso, á parte de ser xustos, cómpre sermos intelixentes, e non dividir. Isto é o que ten levado a Syriza a superar á socialdemocracia caduca do Pasok e desputarlle corpo a corpo o poder á dereita continuista de Nova Democracia, para convertirse na única alternativa posíbel: atraer cun mesmo e sólido, mais flexible e tolerante, innovador discurso, a moi diversos e amplos sectores de poboación, algúns que non participaban nunca na política e outros que votaran por outras forzas que os acabaron defraudando. Niso pode residir a chave do éxito. 
 
Como di David Cabello, “o seu éxito é a victoria da diversidade da esquerda, do abandono da escenificación arcaica e cainismo dos partidos comunistas, da democracia participativa como instrumento para ilusionar a cidadanía e rexenerar a vida democrática (…), unha esquerda esperanzadora que amose alternativas reais ao bipartidismo”. 
 
Radical non é o mesmo que extrema, como a teñen chamado equivocada ou premeditadamente (nos dous casos, erroneamente) certos medios no Estado español. E así, o acrónimo de Coalición da Esquerda Radical o é, e orgullosamente, porque vai á raíz, ten principios e vai até o fondo con eles. O que non quere dicir que non sexa unha esquerda moderna no mellor sentido da palabra, adaptada aos novos tempos, non ancorada no pasado nin máis papista, ou marxista que Marx. Se Marx vivise hoxendía daríase conta diso. Como dicía Bob Dylan, “os tempos están cambiando”. Se non o fixeron xa hai moito.
 
Vexo, polo tanto, con ilusión, tanto a victoria simbólica de Syriza, como a constitución na nosa terra dunha nova forza de esquerda nacionalista e galeguista para o vindeiro 14 de xullo, que, por cousas do azar, coincide co aniversario da Toma da Bastilla e o Día Nacional de Francia, no que se conmemora a recuperación da dignidade e a toma de poder do Pobo naqueloutra revolución, tamén pioneira e iniciadora de moitas outras. O lema do país heleno é “liberdade ou morte”, grito de guerra contra o Imperio Otomano e contra todo tipo de opresión e tiranía. Onte de momento venceu o medo, tería sido moi positivo unha catarse por fin das vontades contra os recortes: mais algo comeza a moverse. Oxalá vaia gañando terreo a liberdade, e o Pobo Grego retome o camiño de recuperación de soberanía para que vaia liberándose pouco a pouco do xugo da “troika”. Se for así, sería un facho para pobos como o noso, que non debería perderse de vista. E o virus da liberdade e a democracia real podería estenderse por toda Europa e máis alén.

Jorge M.de la Calle




Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

64 comentarios
  • Páxinas
  • 1
  • 2
  • 13

    SOLIDARIEDADE CON L'AQUILA

    Se virades este vídeo polo menos, deixariades tantas leas, e caeríasevos a cara de vergoña: http://www.youtube.com/watch?v=dyHg... Tanta política, máis ben politiqueo, tirándose os trastos á cabeza uns ós outros, en vez de atender o realmente importante... unidos, coño! Vivide e deixade vivir.


    12

    Montenegro

    NPC: Nin Puto Caso (aos trolls resentidos e mediocres do BNUPG)

    13 respostas
    1

    Por PAZ: Por favor, Montenegro, non lles deas motivos para seguir trolleando... Non é o BNG, nin sequera o UPG... partidos moi respectables: son "particulares", xente que pasa a súa vida diante do ordenador, porque non ten nada máis interesante que facer, saltando cando hai algunha referencia ao NPC, para provocar e seguir co seu... PAZ e AMOR, por favor.

    2

    Por Guerra de clases: Todo é culpa do efecto malino da U. Non tedes mais argumentación. Syriza non é mais que un intento de recuperar a socialdemocracia de toda a vida. Non hai ruptura nin alternativa por ningures cos males do capitalismo actual. A socialdemocracia é impracticable no contexto actual i eso sabeno ben os socialdemócratas de sempre. Eso é o sustancial o outro só son florituras.

    3

    Por socialdemócrata : A socialdemocracia de toda a vida está hoxe en Venezuela, Brasil ou na Arxentina. O KKE nas anteriores eleccións dixo que a conciencia de clase aumentara co 1% máis dos votos. Poucos meses despois a metade deses concienciados votantes votou Syriza, por algo será... Pero non, aínda as condicóns obxectivas non están dadas... E respecto a U dá risa que se comparen co KKE, cando pactan gobernos co PSOE (que non é precisamente a socialdemocracia de toda a vida senón a de novo cuño social-liberal) e xa demostraron a súa obra no bipartito.

    4

    Por Guerra de clases: En Venezuela, Brasil e Arxentina, ti mesmo o dis. Países que grazas a explotación das suas riquezas naturais poden facer políticas socialdemócratas. Qué riquezas naturais temos aquí?. Facer cantos a socialdemocracia é non ter p. ídea de economía, eso o saben ben os socialdemocratas de toda a vida: Blair, Zapatero etc. Qué temos unha crise ecolóxica e de estoupido demografico con sobreproducción con esgotamento de recursos naturais, cona! Todo o que non pase por decrecemento, consumo responsable, millor e mais xusto reparto da riqueza i economía planificada non é mais que un elixir milagreiro.

    5

    Por socialdemócrata: Non son incompatibles decrecemento en plan medioambiental cun crecemento do gasto en Sanidade e educación, e unha estimulación do consumo, por exemplo, na vivenda. Hai diversa propostas sobre iso como as de xente provinte da onda socialdemócrata de ATTAC. Blair e ZP non son a democracia de toda a vida nin homologable a Syriza senón ao PASOK. E o "there is not alternative" e a resignación é vello lema neoliberal.

    6

    Por socialdemócrata: e respecto ás riquezas que temos aquí: temos un PIB en relación habitante dos máis elevados do planeta. Mais como dis ti: "millor e máis xusto reparto da riqueza", o que vén sendo a socialdemocracia de toda vida, polo menos desde Lenin até os anos 70.

    7

    Por Guerra de clases: Xa, imos a voltar e abrir zanxas, facer aeroportos e aves cos novos fondos de cohesión e darlle cartos os bancos para que estimulen o consumo e a merca de vivenda. Un que teña un mínimo de coñecemento económico sabe que toda inversión ten que ter unhas plúsvalias, unha revalorización, dar crétos a unha economía productiva que devolva os cartos con xuros, para voltar a dar outros créditos, porque a economía capitalista senon sigue en expansión colapsase. Non podes ter unhos investimentos en políticas sociais simplemente, sen ter unhas revalorizacións productivas. Por outra banda vivimos un desfase nas forzas productivas, cunha inmensa cantidade de man de obra na reserva e poiucos recursos. productivos. Todo o que non pase por un reparte socialista mais xusto da riqueza e afondar no neo liberalismo.

    8

    Por Socialdemócrata: Claro, socialismo. O das zanxas e aeroportos e aves, enfin: puro trolleo. Xa che digo que podes buscar en ATTAC ou o libro de Navarro, Torres, Garzón que anda por aí "Hay alternativa". Que vai ben!

    9

    Por Guerra de clases: Non son extrapolables os termos de economía domestica a macroeconomía, mais neste caso, si. Ti non podes gastar gastar en mediciña senon tes ingresos por outra banda. Non hai as condicións que fixeron posible a socialdemocracia e o keynesianismo. Non hai o bloque do leste, non hai países que den os seus recursos naturais a cambeo de nosa tecnoloxia,. Coa globalización as empresas fuxeron a esos paises do 3º mundo. Keynes morreu, só poucas políticas keynesianas teñen cabida agora (se queres chas digo). Non temos un Teneessee Valley, nin unha 2º guerra mundial. Temos sobre stock de todolos productos i esgotamento de recursos.

    10

    Por Guerra de clases: Pero ti vive autista, socialdemocrata, como decía o procer: a felicidade é patrimonio dos simples. Supoño que debe ser ben fodido soñar coa clase media perdida sendo un paria.

    11

    Por socialdemócrata: Perdoa pero ese discurso de que non se poden obter máis recursos é o dp PPSOE, de que liscan capitias e non sei que leiro máis. Se tivesemos os mesmos impostos que en Suecia o estado ingresaría 200.000 millón de euros máis ao ano. Eu soño cunha sociedade sen clases. Pero non dentro de 700 anos. Autista creo que é aquel que non le, que di quen non hai economistas serios que propoñan alternativas. Evidentemente que hai que considerar as cousas desde unha perspectiva global...

    12

    Por Guerra de clases: Mira meu, sigo con interes as intervencions no congreso do amgnifico economista Garzón, e o seu blog Pijus Economicus e abonda no que eu digo. Está para descargar o libro de Torres e o ex asesor da administración Clinton, Navarro. O que propoñen son medidas temporais para agoantar a crise. Medidas coma as que sacaron o crack do 29, baseadas no investimento no sectot público e políticas fiscais expansivas as rendas altas (basanse en analisews simplistras de que os paises nórdicos con mais investimento en políticas sociais e mais impostos os ricos resisten millor a crise). Garzón recoñece (podes ollar o seu blog) que toda alternativa de futuro vai nos meus termos. Outros keynesianos cin mais prestixio coma Roubini, Stigliz ou Kruger limitanse a calar e citar a Marx.

    13

    Por socialdemócrata: Navarro foi asesor de Clinton aínda que non lle fixo caso finalmente. Tamén foi asesor de Allende e da Cuba de Castro contribuíndo a construír nese país o seu modelo sanitario que é envexado por moitos. E claro que propoñen solucións temporais, como Marxo fixo cando falou do socialismo. Pero enfin, como dis "abonda no que eu digo".


    11

    PAZ

    E mentres os benegadictos seguen a mallar nos "escindidos" (que son máis, son todos os que non estaban cómodos dentro, e moitos máis que nunca chegaron a entrar), dando lugar a espectáculos, Feijóo frota as mans... Que intelixentes, de verdade, algúns "hooligans" do BNG, dividindo en vez de sumar.

    1 resposta
    1

    Por AMOR: Home mallar... Que se vos conteste despois de que vos levarades 10 anos mallando sí no BNG e agora vos poñedes así. Pobriños! Paz y amor meu, pero acepta a critica se vas de criticon pola vida.


    10

    Chossudovsky

    Na web La Conquista de la Civilización Socialista ten boa documentación sobre quén son os neo socialdemócratas de Syriza. Hai tamén teredes unha foto do lider de Syriza dandolle a man ós representantes da OTAN e asegurandolles que Syriza non é tan radical e que en ningún caso pensan sair da OTAN. Por outra banda hai que ter ben poucos recursos para botar man de desprestixiados filosofos troskos e maoistas coma Zizek,Lowy, Ranciere, Petras etc. Sobre Badiou penso que debe estar ben senil para asinar tremendo exendro.


    9

    Esquerda plural

    Abáfame a altura intelectual dos comentaristas do Galicia Confidencial.


    8

    loitador

    A culpa de todo é do fillo do Cuiña. O futuro de Galiza pasa por anexionarse a Portugal.


    7

    pinchorla

    Todo é bon menos o que temos na casa,nin Galiza é Grecia,nin o NPC si se fai é Syriza.Como tampouco hai, según dá sensación o escrito tanto comunismo e sí moita dereita,nomeada só unha vez.Creo que hai que estudar máis o País e ásúa Xente, e non creer no que non existirá.Claro que ser Utópico está ben.

    1 resposta
    1

    Por Unidade da Esquerda!!!!: Que "altura intelectual" de comentarios, os do Galicia Confidencial. En fin, penso que vou emigrar, e nacionalizarme arxentino ou doutro país máis digno... Dáme vergoña tanta prepotencia e mala baba.


    6

    milhocorvo

    Namentras iste lixo de eleccións amañadas pola UE e o sopicaldo dos partidos politicos que collen posicións, percorre os medios de comunicacion , barrios enteiros, aldeas, pobos e veciñanzas optan por un forma de vida libertaria e formas de vida cooperativas e autoxestionadas , o anarquismo exténdese, faise práctica ao marxe do estado e das corporacións, día a día, como única forma de supervivencia.


    5

    Xoelho

    A min paréceme bastante acertado o artigo que publica Jorge M. de la Calle, e algún dos seus críticos debería tragarse e autoaplicarse algún calificativo que lhe dedica. En canto a Freixo, tenho que dicirlhe que a agricultura grega SI que ten un peso importante na súa economía e na da Unión Europea: http://www.madrid.org/iestadis/fija... "Uno de los aspectos a destacar de la economía griega es la importancia de la agricultura, la construcción y la rama de comercio, transportes y comunicaciones en cuanto a su participación en el valor añadido total. Estas ramas de actividad son, salvo el comercio, las que menos peso tienen en el conjunto de la Zona Euro. La agricultura representa el 8,9% de la estructura de producción griega, valor que triplica la media de la Zona Euro, siendo los siguientes países en la tabla: Portugal (4,8%), Irlanda (4,7%) y España (4,6%)".

    1 resposta
    1

    Por Freixo: xoelho, calqueira que coñeza Grecia sabe que Grecia é un país montañoso e arido. Eu por motivos de ocio e traballo estiven mais de 40 veces. Grecia semellase mais aun pais balcanico que mediterraneo, por orografia. Percorrin Grecia dende o Polopones ate Macedonia, dende Inguminisa ate Tesalonica, e o que ves e montanas no interior con 4 cabras. A maioria da poboación vive no litoral e illas. Só ves cultivos nalgún val e na propia costa. A maioria viñedos e olivos. Tampouco ten moita industria, a maioria en Atenas-Pireo, ten si, moita refineria e unhas grandes navieras.


    4

    aaaaaaaaaag

    Viva Cuiña, viva o Porche Syriza, viva o viño¡¡¡¡

    2 respostas
    1

    Por Meeeeeeeeeee: Canto pastor doente polas ovellas descarreiradas... Canto medo a perder o sustento cando imos por libre.

    2

    Por 9u37: E canta ignorancia... Porque mira que no BNG había (e segue habendo) xente de dereitas, posto que é (cada vez menos, só quedará a UPG) unha fronte de partidos nacionalistas de todas as tendencias. E precisamente Cuiña de dereita só tiña o carné, e xa nin iso, porque os seus amigos lle dicían que era "de esquerdas" e "non se daba conta", e que "como era que estaba alí". Claro que tampouco Cuiña é o NPC, só unha persoa, nin a mellor nin a máis importante (nin sequera a máis famosa!!!) e forma parte dun conglomerado de partidos (Compromiso) que aínda non se sabe se vai formar parte do NPC. O dito, ignorancia. Moito ruído, e poucas noces.


  • Páxinas
  • 1
  • 2
  • Jorge M. de la Calle

    Jorge M. de la Calle, “Moz” (A Coruña, 1982), é xornalista e fotógrafo, licenciado en Xornalismo pola Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, na especialidade de Xornalismo Electrónico. Traballou breve e precariamente en La Región, La Voz de Galicia, Xornal de Galicia, Revista ECO e Cadena Ser, aínda que a mellor maneira de exercer a profesión para el é por libre e de xeito independente, con colaboracións habituais para Galicia Hoxe, Praza, Diagonal, GC e Mundogaliza.com, dinamizando as redes sociais coas súas fotos e reportaxes, e implicándose en calquera causa social na que pague a pena ser activista. Mantén esporadicamente dous blogues, entre o sentimental e o actual, entre a música (a súa gran paixón), o cinema, o político e o literario, ou todo xunto: Fifteen Minutes with you e As outras voces, este integramente en galego.