Por Galicia Confidencial | Santiago | 21/06/2012
A cantante Björk visitará mañá, 22 de xuño, o Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, aproveitando a súa visita á capital galega con motivo do concerto que a cantante dará na Cidade dá Cultura a partir das 20.00 horas e que será a súa única actuación no Estado español este ano.
O restaurante Abastos 2.0, situado no Mercado de Abastos, e Adegas Martín Códax informan que serán "os encargados de darlle a benvida a Björk a partir das 11 da mañá, con elaboracións deste espazo gastronómico maridadas co albariño".
"Deste modo, a cantante islandesa poderá coñecer de primeira man a calidade e riqueza dos produtos gastronómicos galegos así como a autenticidade e tipicidade dos viños das Rías Baixas, ao mesmo tempo que percorre as instalacións da famosa praza de abastos da cidade compostelá", explican orgullosos os restauradores e a adega.
As entradas para o concerto, que se celebrará na Cidade dá Cultura, poden adquirirse ata o mesmo venres a un prezo de 45 euros, se ben a organización do evento recordou aos asistentes que os menores de 18 anos non poderán acceder ao recinto sen ser acompañados por un adulto que se faga responsable da súa seguridade, e que se identifique co carné de identidade.
A islandesa acaba de volver aos escenarios, e este fin de semana demostrou que a súa voz está perfectamente, despexando así calquera dúbida sobre o seu estado de saúde, no Festival de Músicas Sacras de Fez (Marrocos), onde, ademais de interpretar os temas do seu último álbum repasou a maioría do seu repertorio.
Autobuses
Para subir do centro da cidade de Santiago ata o Gaiás, a Xunta informa que os fans de Björk disporán dun servizo de autobuses especial desde as 19:00 horas, media hora antes de que se permita o acceso ao recinto do concerto e ata o seu inicio, previsto para as 22:30 horas. O punto de saída será a rúa Ramón Piñeiro (na rúa lateral do Parlamento de Galicia, nos soportais dos antigos Cines Compostela), haberá un servizo continuado e o prezo do billete será o das tarifas regulares dos urbanos de Santiago (o billete ordinario ten un custe de 1 euro).
Ademais, durante todo o día manterase a liña regular que sube diariamente ao Gaiás (Liña 9) cunha frecuencia aproximada de 60 minutos dende as 07:30 ata as 22:30 horas. O itinerario é Casas Novas, Santa Isabel, Galeras, San Clemente, A Senra, Virxe da Cerca, Porta do Camiño, San Pedro, Concheiros, Fontiñas, Piscinas do Sar, Multiusos Fontes do Sar e Cidade da Cultura de Galicia. Esta frecuencia só quedará interrompida entre as 15:00 e as 16:00 horas para facilitar a loxística do recinto.
O acceso tamén se poderá realizar en coche particular, para os que se habilitarán tres aparcamentos no complexo, aínda que haberá un número limitado de prazas. Por este motivo, a organización recomenda encarecidamente utilizar o transporte público para evitar posibles aglomeracións e atascos e facilitar un acceso fluído ao Gaiás.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
sería bó que cantara a de independencia http://www.youtube.com/watch?v=XLCF...
Por Hermerico: No vídeo levam a bandeira de Kalaallit Nunaat (Groenlándia), a outra nom a distingo. Se levasse no Gaiás a nossa bandeira poderiamos esquecer que actua no mausoleu.
Galicia Confidencial 2013 | Contacto | RSS | Legal | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | BLOG | Co apoio técnico de dinahosting