Feijóo, o Austero
Alumno avantaxado da escola do liberalismo político, o rexedor galego encargouse de encoller ata o raquitismo a iniciativa pública para deixar campo libre ao rigoroso e xusto mercado. Galicia, unha comunidade con desigualdades intrínsecas, cada vez ten máis zonas escuras onde ao carecer a iniciativa privada da cota de lucro necesaria non se dan servizos. A gadaña de Feijóo nesgou as bases de Estado social logradas durante corenta anos en Galicia en nome da austeridade, que por estraña coincidencia, é totalmente intercambiable en calquera frase por desmantelamento do público. Co príncipe dos austeros dixemos adeus a Preescolar na casa, ao Programa na Rúa, á loita contra a sida, á axuda a domicilio.... A racionalidade dos populares tradúcese en non enfermar para non repagar os teus medicamentos, non ser empregado público para evitar ser pobre, rezar os deuses para que chova en caso de incendio, loitar contra a obesidade infantil pechando os comedores escolares e unha morea de medidas que nin son éticas - e o peor - nin son necesarias.
Máis alá de calquera exercicio de ironía, hai que ter moi presente que non se trata de recortes, ou polo menos, non son tesoiradas que busquen reducir un matizable déficit sen máis. Trátase de impulsar un modelo ideolóxico mercantilizador que premie o esforzo individual da elite separando o gran da palla: distinguindo os emprendedores e os cumpridores do sono occidental, dos loosers que non queren nin traballar, nin estudar. Diñeiro en mans privadas para que, segundo a túa posición, decidas que educación dar os teus fillos: a masificada onde non hai relevo nas baixas nin apoio escolar, ou unha asistencial de pagamento. Ou que sanidade é mellor, a que tarda 6 meses en diagnosticarte e 6 en operarte ante a falta de dotación, ou na que desbalden gastos nunha atención paternalista para logo enviarte ao sistema público ante complicacións que superen o arrefriado. Non se trata de austeridade, trátase de darwinismo social, pois só os máis evolucionados economicamente logran o paraíso terreal.
Pero Feijóo, o Austero, goza conversando cos seus colegas autonómicos mostrándose como o espello onde mirarse para logra o equilibrio presupostario. Modelo que empeza a desbotar á altura de Ponferrada, cando nun exercicio orwelliano, transforma a realidade afirmando que os machadazos son ordes de Madrid pola herdanza socialista recibida.
Feijóo, o Urbano
Cada vez máis e sospeitosamente ao final do seu mandato, o Presidente Autonómico se remanga a camisa en festas labregas. Cunha man reparte caramelos aos nenos mentres lle agarran a vaca para que non se movan na foto e, coa outra, asina a sentenza de morte dos colexios rurais, pechando unidades e eliminando profesores. Para Feijóo non todos os cidadáns son iguais; están os que viven nas cidades, aos que se lles dá acceso a escasos servizos - iso si, tras pagalos ou repagalos- e, os que viven fóra dos núcleos urbanos destinados ao máximo abandono educativo, sanitario, asistencial e, condenados ao illamento máis severo. A pesar de todo, Feijóo, o Urbano, adquire un ton solemne cando afirma ser o Presidente dunha Galicia eminentemente rural.
Feijóo, o Centralista
Título adquirido cun grande esforzo. A gran Xunta abrángueo todo supeditando ás deputacións e anulando os concellos. Sen programa de servizos sociais, sen prestacións e sen recursos económicos, os municipios non teñen iniciativa política e, en consecuencia, non serven para nada máis que para organizar festas patronais e recadar tributos. Fronte a catro anos de descentralización e eficiencia sectorial, o goberno de Feijóo non atende o concreto ao intentar abranguelo todo.
Feijóo, o Populista
Parece que no Partido Popular están a soar as alarmas ante a cita electoral. Unha vez tomada a decisión de non adiantar as eleccións á primavera deste ano, o Presidente da Xunta urdiu un plan para dificultar o cambio político. Baixo a pátina de aforro económico,Feijóo propón reducir de 75 a 61 o número de deputados autonómicos cun soterrado obxectivo: blindar a maioría popular impedindo medrar á terceira forza política. Non se trata só de demonizar a política e todo o que teña que ver coa esfera pública, senón que, de forma maquiavélica, os populares limitarían as posibilidades dun novo bipartito progresista. O votante debe entender que o recorte económico será nimio en comparación co tallo que pegará á democracia representativa o adaíl da austeridade. Polo tanto, populismo si, pero con altas doses de perversión caciquil.
Non podemos determinar cantos títulos logrará alcanzar o rexido galego ao final do seu mandato, nin sabemos se lle serán suficientes para catapultar a súa carreira cara á capital do reino. O que si que cabe recordalo é que non pode presentarse como o máis austero dos populares pola mañá - segundo onde amenza-, para transformarse nun bucólico defensor da asistencia pública pola tarde. A coherencia é o mínimo que cabe esixirlle a Feijóo, ou é que acaso a súa supervivencia depende dun camaleónico camuflaxe?
Óscar de la Parte