Título: Cando partín unha mañá de verán
Autor: Laurie Lee / Traduce: Mª Fe González Fernández
Editorial: Trifolium
A lectura que hoxe comentraemos figura en varias listaxes como un dos mellores libros de viaxes de todos os tempos (concretamente o Daily Telegraph situouno como segundo detrás do No camiño de Kerouac). Os editores, e a tradutora, cando se poñen ao labor, non escollen calquera título. Porque, ademais, por se iso non abondara, esta viaxe de Laurie Lee ten lugar xusto antes do Golpe Militar franquista que tumbaría a Segunda República. E a viaxe comeza en Vigo. O interese que presenta a lectura, xa de primeiras, é máximo.
Aínda sen coñecer estes datos, o lector que abra a novela de Laurie Lee dificilmente non se sentirá atraído polas descricións vai verquendo, descricións moi atentas ao pormenor, descricións que saben salientar (poeticamente) o pormenor e facelo extraordinariamente relevante; concretemente, a descrición de Londres cando o autor, de 19 anos, chega, é das mellores que temos lido sobre ese lugar. Mais, cómpre aclarar antes de continuar, este non é o caderno de campo dun viaxeiro ( que descoñece a lingua, a cultura, a historia, do lugar receptor) cun violín e o ceo como teito, a novela foi editada en 1969 ( trinta e pico anos máis tarde).
Cómpre dicilo porque, esas descricións, pois logo, non se poden considerar primeiras impresións, non teñen esa frescura. En realidade as descricións da meirande parte da novela están cetradas en dar conta da sordidez. O mozo da aldea de Stroud (Gloucestershire) deica chegar a Segovia non atopa nada que escape a esa considración, nin no físico nin no humano, mais só será desde Madrid desde onde alimente novidades positivas e sen abandonar o pouso en que viña instalado. Evidentemente, un mozo, con poucos estudos, descoñecedor dos lugares que pisa e movéndose por onde o azar, o instinto e os poucos cartos o levan, vén sendo lóxico que escriba o que escribe.
Cómpre dicilo porque doutro xeito tampouco se entende ben que o viaxeiro se ache sorprendido pola rebelión do golpista xeneral Franco, ou que non haxa mínimas referencias ao conflitivo ambiente que nestes días se respiraban. Neste aspecto, a novela decepciona ao ser pouco fiel ao seu tempo. Igual que decepciona tamén o feito de que non ache nada que se saia da sordidez, en tanto espazo e tempo, non sendo doado que o lector acepte, sen máis, o feito de que as metáforas, imaxes, comparacións (propias de poeta, notábeis, esmeriladas por unha cultura que xa non é a do mozo aldeán que se botara ao camiño) que se suceden estean tan centradas no decadentismo sórdido expresivo dos ambientes marxinais e miserentos polos que o mozo aldeán inglés deambulou, calquera sabe que, non negando a visión que na novela se achega, iso non era o único que había. Do mesmo xeito que as impresións que deixa da Galiza de daquelas tamén decepcionan. Está dous días en Vigo e, deica chegar a Zamora, sorpréndennos poucos lugares nos que se detén. Un podería pensar na Caniza, Carballiño, Rivadavia, Ourense, Allariz, Xinzo, Verín, etc… mais debíalles escapar ás entidades de poboación grandes…
Cando saín unha mañá de verán, xa desde o mesmo título recolle a impronta poética que o caracteriza, e descobre un narrador que, no remate dos 60 do pasado século, facía un pouco convencional uso da titulación pois é contrario á máis frecuente práctica que anuncia ou resume; neste caso, facendo só referencia ao momento da partida e nada ao viaxado, convida a soñar. Se xuntamos este convite co uso dun narrador que sabe o que fai, moi atento ao pormenor, capaz de imaxes, comparacións e metáforas moi poéticas e non repetitivas a pesar de se inseriren no campo semántico antes determiando, velaí temos as razóns que prenden, malia as eivas sinaladas, o libro ás mans do lector.
Porque, repetimos: malia as eivas sinaladas, non é unha lectura desaconsellábel, nin moito menos, todo o contrario, resulta unha contrastada pedra contrastiva para avaliarmos unha literatura galega que foi quen de nos ofrecer O canto do muecín ( Lois Diéguez), o Fin de século en Palestina ( M. A. Murado), literatura de viaxes de impronta realista, ou O libro das viaxes imaxinarias ( Xabier DoCampo) no eido da viaxe fantástica. Por só citar tres exemplos, e actuais.