Xunta e Costas do Estado levan desde que comezou este verán tentando "adecentar" algunhas das principais zonas turísticas do país. Sen embargo, a asociación ecoloxista Adega denuncia que estas administracións "non dubidan en pasar a desbrozadora polos espazos costeiros máis valiosos e protexidos arramplando con hábitats prioritarios e especies en perigo de extinción".
Estes desbroces fixeronse xa no Parque Nacional das Ilas Atlánticas, o LIC de Corrubedo, Costa da Morte ou a Costa Ártabra todas elas, en zona de litoral. Unha das máis afectadas foi a lagoa da Frouxeira, en Valdoviño, na que se atopan 5 figuras de protección ambiental que non impediron que a Xunta pasara as máquinas sobre hábitats prioritarios e especies en perigo de extinción, segundo Adega.
"Seguridade e salubridade"
A xustificación da administración é por razón de "seguridade e salubridade" e di descoñecer a existencia dos hábitats e especies afectadas, malia a figuraren nos seus catálogos. Neste espazo protexido, ao igual que noutros moitos da costa, as rozas mecánicas afectaron "de forma significativa e moi negativamente" á composición, estrutura e funcionamento dos hábitats, tanto de interese europeo como prioritarios.
Por iso, Adega púxose en contacto coa Consellaría de Medio Ambiente que informou da non existenza de hábitats de interese comunitario e da inexistencia de especies protexidas nas áreas rozadas. "É unha falsidade e ponse en evidencia contrastando cos datos oficiais da propia Xunta de Galiza", responde Adega. E é que no Atlas e Libro Vermello da Flora Vascular de España inclúese unha información básica sobre unha especie endémica do NW Ibérico, o Antirrhinun majus subsp linkanum, e recollida no Catálogo de Especies Ameazadas de Galiza (Decreto 88/2007) na categoría de "En perigo de extinción". As rozas en Valdoviño afectaron a esta especie, segundo os ecoloxistas.
Adega anuncia que poñerá estes feitos en coñecento fdos organismos europeos e internacionais competentes (Comisión Eurpoea, Parlamento e Secretariado de RAMSAR) pola "incompetencia, ignorancia e desleixo" da Xunta e Ministerio na xestión dos espazos protexidos.