O turco de Castelán

No meu barrio de Cerasia compartimos solpores estivais un raparigo do Sáhara, un operario agrario pakistaní, unha rapaza filipina coa súa meniña e unha señora colombiana casada cun galego emigrado a Caracas.

Por Xurxo Ayán | Monforte | 18/08/2012

  • versión para imprimir

 

Noutras parroquias comezan a medrar como zarrotas as casarellas esborralladas mercadas por xubilados británicos e por xoves parellas que para a xentiña nosa entran no calificativo xenérico dos “jipis”. Dende hai uns meses na aldea de Castelán instalouse un matrimonio mozo cun pequeno, loiro trigueño. Mentres arranxan a vella casa, abandoada dende a morte dos petrucios, viven nunha caravana conectada a un xerador. O rapaz seica é turco e liscou do seu país porque non lle agradaba nada a deriva autoritaria do goberno de turno. Arrexuntouse cunha belga valona e deron cos seus ósos nestas terras guímaras, á que chegaron seguindo as liñas de fuga que marcan os clicks das viaxes por Internet.
 
Onte vinos pasar pola vila, en senllas bicicletas das que se estilan polos Países Baixos. Chamoume a atención o cadro da bici del, feito en madeira perfeitamente puìda e traballada con agarimo. Despois dixéronme que o Turco de Castelán era artesán e facía guitarras eléctricas. Na cantina xa se escoitou a voz da eterna descofianza: “Si hom, vai facer guitarras eléctricas e non teñen nin luz, xa me dirás como as proba!” 
 
Este luthier otomano canda a súa muller tamén se fixeron cargo das leiras da antiga casa. Convencidos da agricultura ecolóxica non deixan de recibir consellos dos labregos veciños, os cales intúen que son boa xente e están encantados con que a xuventude exótica repoboe Castelán, o que pasa é que non o din nin recoñecerán nunca. Somosvos así. Os da casa do lado acolléronos con hospitalidade nas primeiras semanas e mesmo lles foron fresar os eidos. O problema, seica, é que son un pouco testaláns. De teoría agraria disque controlan a eito, mais na prática non fan caso, e despois pasa o que pasa. O turco comentoulle ao veciño por mor da primeira colleita hortícola:
-“Os teus tomates son xigantes e os meus pequerrechiños”.
- “Vaia carallo, se os sementas por riba do suco en vez de embaixo non sei que esperas, que che imos dicir O Testalán de Castelán, como sigas así!
 
Estes diálogos lémbranme os que seica tiña o meu bisavó O Habanero vindo da feira de Monforte cos mouros que vivían por baixo do castro de Chavaga. Laretadas de bos veciños. O aquel é que O Turco traballa a madeira de marabilla. Outro veciño, estudiado e un pouco rallante, sempre lle vai co conto: “se fixeras ti os barcos do Turco non perdiades a batalla de Lepanto eh pillabán?” e o Turco de Castelán sorrí sen entender moi ben que carallo rosma o veciño.
 
Ao neno gálata-galaico seica lle gusta o xamón e o chourizo da casa. Todo un alivio para  a veciñanza.
 
Por certo, en Castelán, ninguén fala o castelán.

Xurxo Ayán




Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

1 comentario
1

falaciasnon

Estimado Xurxo: abraiado me tes propalando como andas por doquier a falacia do "multiculturalismo" neoliberal guachipachi. Que esa ideoloxía a leves ao mundo galaico, iso xa é de traca. Cada vez lémbrasme máis ao cranio privilexiado Pereira Menaut, facendo arqueoloxía ad hoc prás súas paranoias. Serán a peaxes que hai que pagar para seres o enfant chachi da Galician Neoarchaeology. En fins, unha peniña.

5 respostas
1

Por Antón: Pois a min gustoume ben o artigo. E o que non entendín foi a túa réplica. Será que és moi culto para min...

2

Por a donicela: os cans ladran, a caravana pasa ladran, luego cabalgamos, amigo sancho

3

Por falaciasnon: Para Antón: non, non son máis culto ca ti. Só falo dese canto de serea de conto infantil de paz y amor y el Plus pal salón da falacia do "multiculturalismo" das 200 culturas convivindo harmoniosamente no mesmo territorio, esa prosa melosa de brazos entrelazados contemplando o solpor nunha tarde de estío mentres o vento acariña a herba. A realidade non é así e esa "multiculturalismo" é unha estratexia neoliberal para poderen realizar movementos masivos de poboación a nivel mundial para obteren forza de traballo escrava. Por non falarmos dese complexo de inferioridade galego de que o que vén de fóra é superior e de como vai revitalizar a caduca Gallaecia dos fillos de Breogán, xa que semella que xa non existe a cultura galega e temos que facer un batiburrillo para ser máis progres e guais ca ninguén (sempre perdendo espazos a galega, claro) A doncela, que dicirche?... Ah, si, guau guau. Nos esquezas baleirar a fixa septica da caravana non vaia ser que afogues no cheiro.

4

Por donicela 2: decia caravana referindome a Grupo o comitiva de personas que, en cabalgaduras o vehículos, viajan o se desplazan unos tras otros non me referia o vehiculo. o que si e que deberia ter separado os dous refrans , hai si que me trabuquei , non volvera a pasar ou polo menos tentareino.

5

Por falaciasnon: Xa home xa. Xa o pillara á primeira, pero retruqueiche a leria con retranca. Pero vexo que non a pillaches. Será que es de Fachadoliz pra baixo e por aí andades a piñón fijo. En fin, déixote proseguir na túa caravana do deserto cos camelos (ou Yips Cheroquis ou Ranxes Rovers) ou de acabalo da Mula Francis. Outra cousiña, cando teñas que definir un significante non fai falla que mo poñas en español, que na páxina da RAG tes un dicionario de balde, e en galego non perde significado nin é inferior á definición castelá. Habémonos seguir vendo.


Xurxo Ayán

Xurxo M. Ayán Vila (Lugo, 1976) é arqueólogo e investigador do CSIC.