As primeiras pinturas rupestres de Galicia

A Universidade de Santiago anuncia o descubrimento en Triacastela das primeiras evidencias artísticas do Paleolítico en todo o Noroeste da Península Ibérica. Galería de imaxes no interior.

Por Galicia Confidencial | Triacastela | 20/08/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Durante os traballos arqueolóxicos desenvolvidos na última campaña de escavación da Cova de Eirós (Triacastela, Lugo) polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste (GEPN) da USC, xunto cun equipo do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social de Tarragona (IPHES), foron descubertas evidencias artísticas nas paredes do interior da cavidade que se remontan á época paleolítica.  A Xunta declarou a Cova Eirós, situada nunha parcela de Cementos Cosmos, como Ben de Interese Cultural (BIC) para garantir a protección deste sitio arqueolóxico.

A USC explica que Cova Eirós convértese deste xeito na primeira manifestación de arte rupestre paleolítico do noroeste peninsular, o que enche un importante baleiro neste ámbito, pois os paralelos máis próximos están nas representacións ao aire libre dos vales fluviais de Foz Côa e Alto Sabor, no norte de Portugal, e nas cavidades de La Viña, Peña de Candamo ou Pena Oscura, na cunca do río Nalón (Asturias).

Ramón Fábregas, investigador principal do proxecto ‘Poboamento durante o Pleistoceno medio/Holoceno nas comarcas orientais de Galicia’ do Ministerio de Economía e director do GEPN, asegurou que desde o comezo dos traballos neste xacemento "había a sospeita de que se podían atopar evidencias deste tipo", algo que finalmente se confirmou recentemente coa aparición das pinturas e gravados dados a coñecer.

Finalmente os codirectores da escavación, Arturo de Lombera (do GEPN) e Xosé Pedro Rodríguez Álvarez (do Institut de Paleoecologia Humana i Evolució Social - IPHES, da Universitat Rovira i Virgili) presentaron un vídeo sobre as características técnicas do achado e do xacemento de Cova Eirós.

No acto de presentación tamén participou Federico Martínez, director da factoría que a empresa Cementos Cosmos (propietaria dos terreos nos que se asenta a cova) posúe no municipio de Sarria. A Xustiza está investigar se a Consellería de Industria do bipartito cumpliu a Lei na concesión da licenza á mina, cuxa concesión data do franquismo.

Caracterísiticas das pinturas e gravados

Dado o estado de conservación dos motivos, que non ofrecen formas facilmente recoñecibles a primeira vista, xa se realizaron unha serie de estudos baseándose en criterios técnicos, analíticos, morfolóxicos e estilísticos, que constataron a antigüidade das manifestacións rupestres de Cova Eirós, algunhas das cales poden remontarse ao Paleolítico Superior.

A maioría dos motivos aparecen concentrados na gran sala do interior da cavidade, especialmente na parede leste. Nos estudos preliminares foron identificados dous tipos de manifestacións: pinturas en negro e gravados. As pinturas en negro, usando carbón vexetal como pigmento, atópanse nun panel principal formando contornos de animais incompletos (curvas cérvico-dorsais, cabezas...), ringleiras de puntos e marcas na parte inferior das paredes. Nalgúns casos estas marcas son usadas para resaltar morfoloxías naturais das paredes que suxiren figuras zoomorfas, recurso moi común na arte paleolítica. Os motivos máis numerosos son os gravados, caracterizados pola presenza de sucos con seccións en “V” (froito do uso de ferramentas de pedra para a incisión) e delineacións rectilíneas e sinuosas que configuran un repertorio moi amplo, entre as que destacan as representacións figurativas e segmentos anatómicos de zoomorfos, signos e paneis intensamente gravados con feixes de liñas superpostas.

Os estudos técnicos e estilísticos suxiren a presenza de varios períodos representados dentro destas manifestacións rupestres de Eirós. A presenza de certos motivos pintados e gravados (bóvidos, signos, etc.) fan pensar no seu encadramento dentro de dous momentos do Paleolítico superior: o Graveto-Solutrense, e o Magdalenense, o que nos remonta a hai arredor 30.000 anos, no caso dos vestixios máis antigos.

Porén, non se debe desbotar a existencia doutras manifestacións correspondentes a outras etapas, menos históricas ou da Prehistoria recente, dado ao longo período de uso da cavidade. Será necesario un detallado estudo estilístico e a realización dun programa de datacións absolutas para establecer a antigüidade e diacronía das manifestacións rupestres da Cova Eirós.

Un xacemento con moita historia

Os traballos arqueolóxicos en Cova Eirós comezaron no ano 2008, e desde entón o xacemento proporcionou achados de grande importancia para ampliar o coñecemento sobre a época prehistórica en Galicia. Un colgante atopado neste xacemento e elaborado a partir dun canino dun pequeno carnívoro pon de manifesto a presenza humana no noroeste peninsular desde hai uns 26.000 anos, en pleno período álxido da última glaciación.

Entre outros achados encontrados nesta cova destaca a aparición de máis elementos de industria ósea nos niveis do Paleolítico superior, nomeadamente a presenza dunha azagaia decorada. Por outra banda, nos niveis do Paleolítico medio, cando a cova estaba ocupada por neandertais, foron recuperadas numerosas ferramentas líticas en seixo e cuarcita.

Cova Eirós consolídase como un xacemento de referencia no norte peninsular para estudar as similitudes e diferenzas entre dúas especies de homínidos (homo sapiens e neandertal) nun mesmo contorno e xacemento. Os traballos nesta escavación compleméntanse cos da Cova de Valdavara (Becerreá), onde os investigadores do GEPN da USC levan traballando desde 2007 nos seus tres xacementos.

Reitor, conselleiro e alcaldesa


O reitor da USC, Juan Casares, quen visitou o xacemento antes da presentación do achado, amosou a satisfacción da institución tras este descubrimento, "unha magnífica mostra dos resultados que ofrece a cooperación interuniversitaria en materia de investigación, co apoio recibido desde a Administración autonómica e mais a colaboración da empresa propietaria dos terreos". Ao remate do acto, Casares asinou no libro de honra do Concello de Triacastela, ao que pertence a parroquia de Cancelo na que se encontra o xacemento arqueolóxico.

Tamén asistiu á presentación do achado o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, quen salientou "o excelente nivel científico do equipo multidisciplinar que se ocupa das intervencións arqueolóxicas, e que de seguro permitirá contar en breve con máis información precisa e fiable". A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, agradeceu a presenza das autoridades nesta presentación deste achado que, segundo afirmou, "coloca definitivamente a Triacastela no mapa".

A TÚA ACHEGA FAI QUE GC POIDA PUBLICAR NOVAS COMA ESTA. SÓ DEPENDEMOS DE TI.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

20 comentarios
  • Páxinas
  • 1
  • 2
  • 13

    Loxo

    Coa complicidade do último alcalde franquista,expoliaron o monte comunal aos veciños pra a cambio de catro prebendas a complices e familiares, regalárlle o monte a Cementos del Noroeste.Perpetrando a maior desfeita ecolóxica xamais coñecida a veira do Camiño Reial.Desfacéndose de probas xeolóxicas e estaláctitas e estalágmitas milenarias no interior do monte. Agora coa cova de Eirós, buscan diñeiro público que lles indemnice outra vez polo saqueo perpetrado.


    12

    eusi

    E aproveitarám os pró-taurinos para reclamarem que na Galiza já havía touradas! Pois esses espanhóis para se fazerem as vítimas som únicos...


    11

    Chapuzas a domicilio

    Que gran noticia...espera...espera, creo que los de la Xunta tienen una oportunidad de negocio redondo. Contraten como asesor a Xerardo Estévez y pongan un par de botellas de Tio Pepe arriba y monten una Ciudad de la Cultura bis. Los peregrinos Xacobeos vendrán a miles y nos forraremosh. ¡Oh wait!

    1 resposta
    1

    Por DespertaGalicia: Non lle deas ideas que pasado mañan levan unha máquina pesada e arrincan as pedras para levalas a Cidade da Cultura a ver se vai alguén


    10

    Calístenes

    Ainda bem que atoparom estas pinturas: era bem complicado pôr em causa o axioma que diz que, mália as evidências, a Galiza é um lugar baleiro e sem história desde e para sempre... :-p


    9

    Solutrense

    Paralelos non sei, pero no Eo-Navia na Cova del Demo (Boal) hai pinturas. Creo que a nova está moi mal redactada con respecto a "noroeste", "Asturias", "Portugal", moi enredado.

    1 resposta
    1

    Por Galaico: Se dizer «Galiza» produz pruído, digam «Gallaecia», caralho!


    8

    anonimo

    Que as conserven. Se seguen a estar moito tempo os pepeiros non tardaremos en voltar a vivir nelas.


    7

    Iribio

    Parabéns!!! pero coidado coa indemnización que se vai levar a empresa, a que xa se lle regalou a concesión. É Curioso, a outra cova en estudo está tamen nunha canteira en Becerreá, aCova de Valdavara. Agora que o cemento esta de capa caida, non hai mellor maneira de pechar asa minas, cunha indemnización millonaria


    6

    Un de Cancelo

    A declaración de BIC ainda non saiu no DOGA. Terán que pedir permiso ao fulano de Cementos Cosmos...


    5

    ñu

    O estilo non é Paleolítico. Haberá que esperar polas datacións. A cova foi habitada en diversas épocas. Por outra banda, no noroeste hai arte paleolítica de abondo, por exemplo, Asturias ou Foz Côa.


    4

    Caciques

    Vejo as vacas muito fracas. Semelha que já daquela governavam os caciques do PP ;-)


  • Páxinas
  • 1
  • 2
  • Excanvando en Eirós /USC

    O colgante de 26.000 anos atopados en Eirós / USC

    Imaxe, tratada para destacar os elementos artísticos atopados na Cova Eirós de Triacastela (Lugo)

    Debuxo realizado a partir da imaxe na Cova Eirós (Triacastela - Lugo)

    De esquerda a dereita, Federico Martínez, Juan Casares, Olga Iglesias, Jesús Vázquez e Ramón Fábregas, durante a presentación das pinturas e gravados achados na Cova Eirós (Triacastela - Lugo)

    Fotografía dunha das paredes nas que se atoparon elementos de arte rupestre paleolítico

    Vista xeral do interior de Cova Eirós