"O colectivo de galegas da diaspora Herbas de Prata, que xurdiu o ano pasado na Arxentina coa intención de conformar unha verdadeira rede mundial de asociacións de mulleres galegas, conmemorará en Bos Aires o Día das Letras Galegas cunha charla aberta do poeta arxentino, fillo de galegos, Rodolfo Alonso e un recital de poemas de María Mariño -autora lembrada nesta data- a cargo das integrantes do grupo. O acto vaise realizar o día xoves 17 de maio na Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina (FSG) e engadirá ás homenaxes unha voz feminina dende a diáspora.
Convocado polo colectivo de galegas e a Federación, o acto comezará cunhas verbas de benvida dos organizadores (Francisco Lores Mascato, pola FSG; e a psicologa social Adela Fernández Cruz, por Herbas de Prata) e unha lembraza de María Mariño, a cargo dunha das integrantes do colectivo de mulleres e que contará tamén cun video editado para este acto.
De contado, o encontro contará cunha presentación titulada "Galiza, Muller" que o célebre poeta Rodolfo Alonso adicará a María Mariño e ás mulleres de Herbas de Prata. Alonso naceu en Bos Aires no 1934. Foi o integrante máis novo da legendaria revista arxentina de vangarda "Poesía Buenos Aires". Leva publicados pouco menos de trinta libros, moitos deles de poemas e outros de ensaio e narrativa. Unha interesante edición das "Aguafuertes gallegas" de Roberto Arlt pode atoparse nas Edición do Castro. Primer traductor de Fernando Pessoa en América, engadiu moitas outras de poetas e escritores franceses, italiáns, portugueses e galegos. Dirixíu a súa propia editoria na que publicou máis de douscentos títulos. Foi Premio Nacional de Poesía (Arxentina) e Premio Andoriña (Galiza) e director por moitos anos da Revista Galicia do Centro Galego de Bos Aires.
Para rematar, e antes da queimada coa que pechará a xuntanza, as mulleres que integran o colectivo Herbas de Prata poñerán voz a unha escolma de poemas de María Mariño. "Será no galego «bonaerense» que falamos, dende logo con erros. Sen embargo, queremos facelo coma homenaxe pero tamén coma proclama, como chamamento a falar a lingua galega. Unha lingua que, fai non tantos anos, se escoitaba polas rúas da cidade de Bos Aires e que foi desaparecendo. Será un xeito de comprometernos coa presencia da lingua dos nosos neste lugar", explican as responsables do colectivo.
O colectivo Herbas de Prata (nome que remite a un dos seis poemas galegos escritos polo poeta Federico García Lorca) xurdiu da vontade dun grupo de galegas emigradas e descendentes de xuntarse para traballar por e para as mulleres non só dese colectivo. Fundado pola psicóloga social ourensana Adela Fernández Cruz o ano pasado, achega a mulleres de todas as idades e profisións. Nas últimas semanas, xa viu xurdir o colectivo de Uruguai, nun camiño que se propón dar corpo a unha rede no mundo.
"A nosa idea é a de tecer unha rede de mulleres emigradas e os seus descendentes que permita a colaboración con elas nas problemáticas propias. Para iso, algúns dos nosos propósitos son promover a capacitación das mulleres, a atencións dos seus problemas (lembremos que moitas nen sequera coñecen os seus dereitos), a posible vinculación coas institucións públicas e privadas pertinentes segundo os casos e todo canto veamos que se pode medrar nesas direccións", explica Fernández Cruz.
O Día das Letras Galegas é un día de homenaxe á lingua de Galicia através da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Este ano, a autora lembrada será a poeta María Mariño Carou."
Estreamos sistema de comentarios. Agora tamén podes respostar directamente ás opinións de outras persoas. Buscamos un sistema social no que poidas expresarte máis naturalmente. Se tes problemas ou suxerencias, escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Galicia Confidencial 2009 | contacto | rss | legal | publicidade clocwatches.com