Lonxe de lanzar un órdago contra CiU na defensa da lingua cervantina, González Pons afastouse de discursos maximalistas (cousa que non fixo coa promesa dos 3,5 millóns de postos de traballo) e fíxolles as voltas mostrando o seu desexo de estar moi preto de CiU, polo que non farían nada que puidera entorpecer as súas relacións. Evidentemente, dous non rifan se un non quere.
Éche unha mágoa que na sede madrileña do PP non pensaran o mesmo con respecto aos seus compañeiros de Santiago cando estaban dispostos a se sumar ao consenso para reformar o estatuto, nomeadamente no tema da lingua galega. Non: neste caso non lles facía falta amornar as augas co PP(deG?). Deron ordes e desde aquí aceptaron obedientemente. Ben se viu despois co decreto contra o galego no ensino.
Cando un país defende os seus sinais de identidade síntese orgulloso do seu e tamén loita polos seus sectores produtivos, pola súa xente. Velaí a Artur Mas, a toda a sociedade catalá, defendendo o seu. Ultimamente tamén lles deu polo AVE do mediterráneo. Pero claro, en tempos de crise, o diñeiro non dá para todo. E coa escusa do teito do gasto, tan ben argallada por PP e PSOE, e da eficiencia das inversións, poñen enriba da mesa o seu Mediterráneo, e dan de menos o Atlántico. Por certo: non só CiU, tamén as doce capitais de provincia do Mediterráneo, do PP. Non é prudente fiarse, a pau seco, da palabra dun ministro. Non hai nada coma os feitos. E os do PP están aí: non facer nada que prexudique as súas relacións con CiU. E a maiores, as alcaldías populares no Mediterráneo pedindo o AVE para eles.
Como no 1996, semella que o PP de Feijoo vai quedar fóra de xogo; lembren o nivel de inversións de Aznar en Galiza: pésimo. E agora Cospedal, o novo presidente valenciano, Arenas dentro de pouco en Andalucía… E Feijoo e os deputados galegos en Madrid… como unha procesión de caladiños. Non é de estrañar que Rajoy non se queira comprometer máis a fondo co AVE galego. Datas?! Para que? Deixa pasar as eleccións… e despois estacazo que te criou.
Farruco Graña
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Nacido en 1966, é licenciado en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor de secundaria en Tapia (Asturias) En 2007 publicou a novela "O bosque de Nadgor".
Galicia Confidencial 2013 | Contacto | RSS | Legal | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | BLOG | Co apoio técnico de dinahosting