E a moita distancia das últimas CC.AA. seguintes. Poucas veces unha cifra agocha unha realidade máis terrible. O Agro Galego absolutamente abandonado. As políticas agrarias completamente ineficaces. A estratexia de desenvolvemento rural, cruelmente inútil. A incapacidade dos gobernos do PP, posta de manifesto como poucas veces.
Non fai falta espremer as neuronas. Os números son claros e explícitos coma nunca antes. A porcentaxe de superficie agraria en España é dun 59% sobre a total. En Navarra esta porcentaxe chega ao 77%, en Estremadura ao 74%, en Castela-León ao 69%. Cal é a cifra en Galicia? Fagan apostas: o 29%!!
Tomemos agora a variable máis significativa: a chamada SAU, Superficie Agrícola Utilizada. A media española é do 46%, similar a Alemaña e algo por riba de Francia, por exemplo; un dato, diríase, razoable. Hai Comunidades Autónomas que amosan un índice máis elevado: Estremadura, un 58%; Castela-León, un 57%; Navarra, un 53%; Castela-A Mancha, un 51%; Andalucía, un 50%. Segundo o Eurostat, hai países coma Irlanda ou o Reino Unido que superan o 70%. Cal resulta ser a cifra de Galicia? Un ridículo, un patético, un lamentable 21%; nin sequera un terzo da superficie relativa que lle dedica Irlanda!!
Un dato comparativo complementario: o PIB per cápita de Galicia é de 22.497 € mentres que o de Irlanda é de 65.500 €, unha diferenza descomunal para dous países con semellanzas notorias. Ten algo que ver a utilización das súas terras? Pois claro, entre outros factores.
Esta é a nefasta fotografía actual. Cabería preguntarse se a situación estase a corrixir. Miramos a primeira enquisa similar do INE, correspondente a 2003, e comprobamos ter perdido 103 mil hectáreas de SAU, un 14%. Nese ano, a porcentaxe de superficie agrícola utilizada en Galicia era o 25% polo 50% de España, unha relación 2:1. En 2016, última enquisa ata agora, a relación é 2,2 (46/21), é dicir, lonxe de diminuír, incrementáronse as diferenzas.
Un debería preguntarse polo que ocorre con todas esas terras carentes de explotación agraria. A resposta é sinxela: están abandonadas –a monte– ou ocupadas polo eucalipto, especie exótica invasora de mínimo rendemento. A Xunta defende o eucalipto porque “produce rendas”; non falan das rendas moi superiores que produciría o agro (agricultura e gandería).
A xibarización do agro en Galicia incide no despoboamento do rural, evidentemente. Pero tamén provoca a ruptura das moitas e diversas cadeas de valor que se inician coa produción agro-gandeira. Hai que rachar de vez coa visión retrógrada da agricultura e a gandería como actividades non rendibles e habemos falar da “agroindustria”, de “agroinnovación”, de “agrotecnoloxía”, de “agro 4.0” co obxecto de superar a idea dos sectores como entes estancos e integrar as distintas actividades en función do valor engadido que producen. Mentres Galicia prosiga á cola en superficie agraria utilizada, o desenvolvemento do país continuará a ser unha utopía.