Saraxevo e os silencios

20 anos. O pasado 6 de abril, tal e como os medios de comunicación nos recordaron con artigos e reportaxes, cumpríronse 20 anos do comezou da guerra en Bosnia-Herzergovina.

Por Emilio Martinez | Vigo | 10/04/2012

Comparte esta noticia

Durante os mais de tres anos e medio que o conflito bélico durou foron case diarias as imaxes de morte e destrución: o bombardeo do mercado de Saraxevo, os cadáveres tendidos nos rúas empedradas polos certeiros disparos dos francotiradores, a violación como arma de guerra, campos de internamento e morte, aldeas arraxadas, a ponte de Mostar caida  símbolo dun país roto… e en xullo de 1995 a matanza de Srebrenica. A actuación vergonzosa e covarde das forzas nas Nacións Unidas, os tristemente famosos cascos azuis holandeses, que consentiron, e coa súa fuxida facilitaron, a mantanza de 8.373 homes bosnios, mozos case nenos, homes adultos, anciáns, a mans das forzas criminais do Exercito da República Srpska, coa colaboración de paramilitares gregos, como ten ditaminado o Tribuna Internacional de Xustiza.

A matanza de Srebrenica foi o comezo do fin da guerra, a inicial morna postura dos países occidentais, na que Reino Unido e España xogaron o seu papel, foi sustiuida, por decisión de Estados Unidos e unha grande maioría da opinión pública, por un maior grado de intervención que puso contra as cordas ás forzas serbias, obrigandoas á sinatura dos Acordos de Dayton, en París, o 14 de decembro de 1995.

Tamén foi en decembro de 1995 cando o Bloque Nacionalista Galego celebrou a súa VIII Asemblea Nacional no recinto feiral de Ferrol. Eran os anos de crecemento e o futuro víase con evidente optimismo en canto ás expectativas de crecemento electoral e fortalecemento organizativo. 
Naquela asemblea, durante os meses anteriores á mesma, un nutrido grupo de persoas traballaramos na preparación de ducias de enmendas sobre temas diversos, en eidos como a obxección de conciencia e a insubmisión ou a política internacional. Unha daquelas enmendas facía referencia  ao conflito nas repúblicas da ex iugoslavia, en concreto á situación que no momento se vivía en Bosnia. O obxectivo da enmenda era recoller unha declaración clara do BNG a favor das vítimas da guerra e contra a barbaridade da violencia serbia. A enmenda non prosperou, nin sequera un terzo da comisión na que a defendín votou a favor dela. Nin sequera se chegou a poderse defender no plenario ao non acadar o apoio preciso en ningunha comisión. Ao dicir da oficialismo da organización nacionalista o tema era demasiado complicado como para que o BNG tomara unha posición. A anquilosada visión do mundo da organización hexemónica na fronte facíase valer. A falta de argumentos era tal que o único que se lle ocorreu ao defensor das teses oficias nunha das comisión, para sair do paso e zanxar o debate, foi ningunear a proposta,  xa que o qué a defendía,  tiña unha visión moi persoal e afectada debido aos meses que pasara en traballos de índole humanitaria en Croacia  apenas un ano antes. 
 
Aquela decisión, democrática, asemblearia, incuestionable segundo os parámetros ético-políticos da UPG, non fixo mais que poñer o broche de indignidade ao silencio que o BNG oficial mantivo durante todo o conflito nos Balcáns, só roto para protestar contra a inxerencia estranxeira que tentaba, demasiado tarde case sempre, deter á masacre de inocentes.
 
En 2002 a comisión do Parlamento holandés que se creou para investigar o comportamento do seu exercito durante a toma de Srebrenica conclueu en facer responsable último do acontecido ao presidente Wim Kok, tamén presidente en 1995. O gabinete dimite en pleno. No BNG permanece o vergonzoso silencio. Durante vinte anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.