En Marea propón un novo Plan Eólico fronte á "lexislación feita á medida das multinacionais"

Antón Sánchez vén de presentar unha Proposición para "democratizar a enerxía" como resposta ás políticas dunha Xunta, "criada das multinacionais", que aplica un modelo "en mans duns poucos e contra o interese xeral".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/08/2019 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

En Marea vén de presentar unha Proposición non de lei para elaborar un novo Plan Sectorial Eólico de Galicia co gallo de conseguir un "modelo respectuoso coa conservación dos valores ambientais, paisaxísticos e patrimoniais", que fomente a "xeración distribuída", o "autoconsumo" e o "retorno social dos beneficios producidos". 

Antón Sánchez. EN MAREA
Antón Sánchez. EN MAREA

Así o explicou este luns en rolda de prensa o membro do grupo parlamentar de En Marea, Antón Sánchez, como resposta á "oleada de proxectos eólicos en man de grandes empresas" que asolaga actualmente Galicia. Segundo Sánchez, amparados nunha lexislación "feita á medida" e que prima a "implantación masiva de parques eólicos cuns criterios laxos a nivel paisaxístico e mediambiental".

A XUNTA, "CRIADA DAS MULTINACIONAIS"

O deputado apunta á Xunta como cómplice directo deste negocio do vento que factura ao ano "600 millóns de euros" e que vén "acaparado por fondos buítres". "O goberno achaiaron o camiño ás multinacionais, sen importar pasar por riba do patrimonio", asegura. A Xunta, entendida segundo Sánchez como "criados das multinacionais", condicionan a súa actividade en función das súas demandas: "a ampliación da rede natura está paralizada para non entorperecer a oleada de parques eólicos, un total de 21", critica. 

Segundo En Marea, o Goberno galego actúa como "principal obstáculo para a información e participación das persoas e colectivos que se defenden das agresións ambientais, económicas e paisaxísticas". Un exemplo deste xeito de proceder, para Antón Sánchez, está na implantación do parque da Serra do Oribio, espazo que - recorda - pertence á rede natura. Está "construído cun proceso administrativo escurantista e opaco para beneficio da empresa", sinala o deputado.

En definitiva, cualifica o modelo do PP para o vento como "un modelo en mans duns poucos, contra o interese xeral, que causa impactos ambientais e que non deixa beneficios para a poboación local".

DEMOCRATIZACIÓN DA ENERXÍA

Fronte ao modelo actual, En Marea propón "políticas que reduzan a dependencia enerxética". Esixe, xa que logo, un "modelo sostible e democratizado", "sen arrancar a riqueza das mans á xente para entregala ao gran capital", asegura Sánchez. Instan a traballar nun modelo que sirva de "instrumento de desenvolvemento rural", a incorporar "fórmulas de participación da poboación local nos parques eólicos", e a adaptar o desenvolvemento da tecnoloxía ás características propias do país, "cunha poboación diseminada".

Aseguran unhas garantías ambientais que deben traducirse, segundo explica Sánchez, "nunha ampliación da rede natura". Priorizar as enerxías renovables e as plantas de produción de pequeno tamaño e de "xeración distribuída", respectar os valores ambientais e paisaxísticos e promover o "retorno social da riqueza que se produza, con fórmulas de financiamento público para que xurdan de iniciativas cooperativas" son algúns dos eixos que En Marea defende no camiño cara a "democratización da enerxía".

NOMEAMENTO DA VALEDORA DO POBO

Noutra orde de cousas, Antón Sánchez reiterou que "non lles vale" que se repita a mesma metodoloxía de nomeamento da Valedora que deu lugar á situación anterior, que tamén foi froito "dun pacto do bipartidismo". "Non entendemos como o PSOE, despois do acontecido, volve pactar ás escuras co PP o nomeamento dunha nova valedora". "Haberá que ver a actividade da valedora, pero non nos parece de recibo que non se buscase un consenso amplo entre as forzas de esquerda", sentenza Sánchez. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta