Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2019 | Actualizada ás 17:46
O Goberno galego aprobou este xoves o decreto polo que se regulan os criterios hixiénico-sanitarios das piscinas de Galicia . Un decreto no que ser recollen as obrigas e deberes das casas de turismo rural ou colexios maiores que teñan piscina, ademais doutros establecementos públicos, e que, tras a súa entrada en vigor, autoriza aos concellos para tarefas de inspección e vixilancia das piscinas unifamiliares e de comunidades de propietarios.
Así o explicou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen precisou que, no plano autonómico, a Sanidade quedará a vixilancia do cumprimento da lexislación en materia sanitaria das piscinas públicas e das piscinas privadas correspondentes a casas rurais ou de agro turismo, a colexios maiores, a residencias universitarias ou similares.
Ademais, prevense cambios en asuntos como as medidas de prevención efectiva dos riscos para a saúde asociados ás instalacións, o control da auga do vaso previo ao comezo da actividade, ou o criterio para o cálculo da temperatura ambiente para piscinas cubertas con varios vasos cuxa auga está a distinta temperatura.
Son algunhas das novidades dun decreto co que a Xunta, indicou Rueda, adapta a normativa estatal ás características do ámbito xeográfico galego, ademais de fixar os distintos aspectos técnicos e de seguridade para a protección dos usuarios, e asignar as competencias das administracións públicas neste ámbito. Coa aprobación desta normativa, derrogarase o anterior decreto, do ano 2005, no que se establecía a regulamentación técnico-sanitaria das piscinas de uso colectivo.
PISCINAS DE AGROTURISMO
O decreto destaca a equiparación das piscinas das casas rurais e de agroturismo, así como as de colexios maiores e de residencias, coas dos establecementos de aloxamento turístico en canto ás esixencias que deben cumprir.
Así, o titular deste tipo de piscina deberá facer controis de calidade de auga e aire, e colocar de forma visible para o público os últimos resultados destes controis, xunto co de situacións de incumprimento da normativa que se produciron na piscina.
A esta información hai que engadir material divulgativo sobre prevención de afogamentos, traumatismos cranioencefálicos e lesións medulares, e sobre protección solar no caso de que a piscina sexa ao aire libre.
Tamén ten que estar visible a información sobre as sustancias químicas empregadas no tratamento da auga, a existencia ou non de socorrista, as direccións e teléfonos de contacto de centros sanitarios e de emerxencias, así como os dereitos e deberes de usuarios.
DECLARACIÓN RESPONSABLE
Outra das novidades é a obrigación de que o titular realice unha declaración responsable antes da entrada en funcionamento da piscina por primeira vez, tras a realización de obras de construción ou modificación e cando se produzan cambios nas circunstancias ou datos que declarase con anterioridade.
Tamén hai que comunicar o reinicio da actividade tras máis de dúas semanas de peche en piscinas de uso continuo e a reapertura nas piscinas de uso descontinuo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.