Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/09/2019 | Actualizada ás 14:52
Toda a oposición concentrou a súa última réplica en atacar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a súa xestión, mentres que os populares, a través de Miguel Tellado, pecharon o Debate sobre o Estado da Autonomía cunha dura crítica a todos os seus rivais. Para Tellado, o que "necesita" Galicia é "máis" da política de Feijóo e non un "cuadripartito" que podería ser "terrorífico".
"Escoitamos con tedio as vellas propostas das catro esquerdas", lamentou Tellado, quen demandou aos seus rivais políticos que "non traizoen a Galicia" e apoien as medidas do PP, que defendeu.
En cambio, sinalou que non hai "nada novo baixo o sol" nos postulados do "rupturismo que empezou por romper a si mesmo", nin no "nacionalismo decimonónico", nin tampouco "no novo socialismo galego sucursal de Ferraz.
Con especial intensidade, fixo fincapé na situación do PSdeG e atacou ao seu líder, Gonzalo Caballero. Parafraseando o seu "chitón" do primeiro día da cita sobre política xeral, esgrimiu que "Caballero chitón" con todos os "agravios" do Executivo de Sánchez á comunidade.
"Señor Leiceaga, xa lle estamos botando de menos e aínda non marchou. Pero non marche moi lonxe, que igual lle demandan no seu partido", indicou, e pediu a Caballero que se poña de parte "de Galicia" e non do seu partido cando teña que "elixir". Finalmente, sobre as críticas da oposición en materia igualdade e contra a violencia machista, proclamou que "o feminismo é de todas e é de todos".
"CINISMO POLÍTICO" DO PP
Pola súa banda, na quenda de réplica, a deputada do Grupo Mixto Paula Vázquez Verao censuraron a intervención do popular Miguel Tellado e reivindicou a necesidade de adoptar medidas "estruturais" para mellorar a situación da comunidade. Tamén reivindicou propostas "serias" e "non partidistas" en materia de igualdade e de loita contra a violencia machista.
A continuación, a parlamentaria nacionalista Olalla Rodil cargou contra o "cinismo político" do PP en materia de igualdade e tamén aludiu á resolución sobre accións violentas. "Todos rexeitamos e condenamos calquera forma de violencia. Por que tratan de enfrontarnos?", preguntouse.
"Porque o obxectivo é tentar criminalizar o nacionalismo e o independentismo, e aí non nos terán nunca. Terannos sempre enfronte", aseverou Rodil. Tomoulle a palabra Luca Chao (Grupo Común da Esquerda) quen lembrou a Feijóo que "se fixo a foto co trío de Colón" e afeoulle a súa xestión económica, "a peor da historia".
Pola súa banda, Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG), censurou a actitude do PP, xa que, ao seu modo de ver, é sinxelo defender "a felicidade universal", pero as medidas deben ir acompañadas de orzamentos e de contido. Tamén lembrou que nas pasadas eleccións xerais o PSOE situouse por diante dos populares, salvo -ironizou-- se o PPdeG suma os votos de Vox.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.