Así era a activista Begoña Caamaño: muller volcánica, escritora dos amores diversos

Ela reinterpretou os mitos clásicos para lle dar voz propia ás mulleres, exerceu un xornalismo comprometido e combatente e converteuse nun referente da literatura. Agora, cinco anos após o seu pasamento, catro grandes amizades comparten as súas lembranzas con Begoña. Elas son Uxía, Goretti Sanmartín, Maika Aguado e Ana Romaní.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2019 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

"O meu nome é Morgana. Morgana de Cornualles. Morgana de Tintaxel. Morgana de Ávalon. Morgana de Camelot. Morgana, a filla de Garlois. A irmá do rei. A sabia. A druída. A meiga. A fada. A bruxa. A puta. Chamádeme como queirades, tanto ten, son todas e non son ningunha. Que de cada unha desas Morganas e de tantas outras como poidades imaxinar hai parte da miña esencia, pero que eu son máis, moito máis do que é a súa suma, ou o seu conxunto. Eu son Morgana, e esta é a miña historia, contada por min mesma, coa miña voz. A única historia en que me vexo e en que me recoñezo, por máis que haxa quen lembre doutro modo os feitos...".

Begoña Caamaño nunha viaxe a Cuba na década dos 90
Begoña Caamaño nunha viaxe a Cuba na década dos 90 | Fonte: culturagalega.org

Morgana en Esmelle (Begoña Caamaño, 2012)

Begoña Caamaño apuntaba coa palabra contra aquelas historias que sempre foran incuestionadas, aqueles mitos clásicos nos que as mulleres aparecían nun segundo plano, cedendo o protagonismo aos homes heroes. Ela reinterpretábaos coa súa óptica lilá. "E estas mulleres por que non falan?" - imaxinaba - "Gustaríame saber que están pensando". Así foi como Morgana, Circe ou Penélope, a través das súas dúas publicacións literarias - Morgana en Esmelle (2012) e Circe ou o pracer do azul (2009) - pasaron a facer o papel de protagonista da historia. Falaban, agora si, con voz propia. 

OS COMEZOS DA VIDA

Xa dende cativa Begoña Caamaño (Vigo, 1964 - Compostela, 2014) tiña a teima, quizais daquela máis inconsciente, de mudar os roles de xénero que a sociedade establecía. As nenas dos anos 60 e dos 70 xogaban coas bonecas ou ás casiñas, pero ela maquinaba outros xeitos de divertirse. "Espigadiña, co pelo loiro e revolto", a súa amiga Maika Aguado e mais ela artellaban unha morea de xogos dramáticos que consistían na representación de escenas de películas. "Case sempre pelexabamos porque as dúas queriamos interpretar os papeis de homes, os das mulleres parecíannos aburridos. Ao final as dúas queriamos ser Ben-Hur ou Tarzán", recorda Maika. "Son lembranzas inesquecibles aínda que pasaran case corenta anos". 

Fantasiosa, activa, rebelde, inqueda, tenra, intensa e cunha forte personalidade. A suma, ou o conxunto, de todas estas súas cualidades facían de Begoña unha muller amada por quen tiña ao carón. Dicía ela que todas levabamos unha Morgana dentro...

"...Nacín en Tintaxel, a data non importa, pois tampouco non importa a miña idade. O lugar si, o espazo que habitamos sempre nos marca de forma importante. Nacín en Tintaxel, cun pai e cunha nai amantes e que me amaban. O seu amor preservoume polo menos o comezo da miña vida de todo o amargor que me rodeaba. Eran tempos de guerra, mais iso tampouco ten excesiva relevancia. Sempre son tempos de guerra. Os meus, polo menos, foron sempre tempos de guerra".

Morgana en Esmelle (Begoña Caamaño, 2012)

Ela naceu no Barrio do Calvario, en Vigo. Segunda de catro irmáns, recibiu as súas primeiras clases de francés da man da escritora e referente do feminismo María Xosé Queizán. Naceu no Barrio do Calvario e dende alí comezou a súa andaina profesional, no 1986, na emisora Radio Noroeste. Ela estudara Maxisterio, pero devecía polo Xornalismo. Maika Aguado, que por daquela traballaba nesa mesma radio, recibiu a súa visita logo dun tempo afastadas. "Unha boa mañá Begoña entrou no locutorio e fundímonos nun abrazo largo. Comentoume que lle apaixoaba o mundo da radio, da comunicación, e que vía no xornalismo unha ferramenta para combater a inxustiza. Quedei abraiada. Dende aquel momento souben que viviría da palabra".

BEGOÑA 'ARTIVISTA'

"E así foi". Pasou logo por Radio Popular e pola delegación de Vigo da Radio Galega, e máis adiante, no ano 1992, comezou a traballar na sede central desta mesma emisora en Santiago de Compostela, onde foi redactora dos servizos informativos ata se incorporar no Diario Cultural. Nesta cidade, nestas rúas molladas que comeza a habitar Begoña, tece amizades para a vida enteira, entre elas, a escritora e política Goretti Sanmartín, a cantante Uxía ou a xornalista Ana Romaní. As noites composteláns e a radio foron os lugares nos que os afectos entre elas foron callando. Uxía non localiza na memoria ese primeiro encontro porque, botando unha ollada ao tempo pasado, di que Begoña sempre foi "habitual na vida". Ana Romaní lembra con saudade aqueles "debates apaixoados ao longo de horas e horas". Coincidían "nesa absoluta convicción e necesidade de procurar outras formas de vida e outro mundo".

"Begoña é unha muller que non pasa inadvertida" - conta agora Goretti - "Era un luxo observar unha persoa tan deshinibida, con tanta enerxía e capacidade de intervención e rebeldía. Unha muller volcánica, conversadora apaixoada, lectora voraz". Sempre do lado das revolucións, levaba por bandeira todas as loitas xustas: o feminismo, os dereitos laborais, o nacionalismo, a lingua, o país... "A súa vida foi puro activismo". Das conversas coas amigas nacían mil proxectos, ata idearan crear un sindicato de mulleres.

Que mundo desexaba Begoña? "Aquel sen explotación nin discriminacións, onde as mulleres fosen cidadás de primeira e os pobos tivesen o dereito de exercer a súa soberanía", solta Goretti con firmeza. Na procura desa realidade, o xornalismo abriuse paso coma cando lle abren as comportas ao mar. "Era unha muller rigorosa e esixente, desesperanzada porque esa honestidade profesionais chocaba coa realidade da profesión", recorda Romaní. O seu era un xornalismo comprometido e combatente. "Odiaba a manipulación e o conformismo". Goretti está segura de que hoxe sería unha gran "artivista" - mestura de artista e activista - de Defende a Galega. 

Amais de exercer no Diario Cultural [escóitaa aquí e mais aquí], tamén dirixiu e presentou os programas Andando a Terra, Club Cultura e Expreso de Media Noite. Festa da Palabra Silenciada, A Nosa Terra, Novas da Galiza, Tempos... foron tamén publicacións asiduas para ela. Begoña deu azos á Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación (MUGACOM), foi membro do comité de empresa da Radio Galega, de Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG) e da Marcha Mundial das Mulleres... Alí onde facía falta defender dereitos, estaba ela. 

"É o momento de non cambiar as regras, senón de xogo. É o momento de mudar o mundo, de cambios profundos e estruturais, pero tamén conceptuais; é o tempo do feminismo, é dicir, da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade, e tamén, por que non? Da felicidade".

Presentación do libro Morgana en Esmelle

MÚSICA NOS BEIZOS

"Nos seus beizos, continuamente letras de música", lembra Goretti. Begoña sabía todas as letras, tiña unha cultura musical amplísima: o mesmo che saía cunha ranchera coma cunha copla, coma cunha cación cubana, ou cunha de Fuxan ou de Voces Ceives... Así a recorda Uxía, que conta que mesmo chegou a entablar amizade con Silvio Rodríguez. Liliana Felipe, co seu 'Las histéricas somos lo máximo', tamén casaba ben con aquela Begoña máis irónica. Era unha namorada de Rosalía de Castro, desa Rosalía verdadeira - a rebelde, a irreverente, a "pirata" - e cando Uxía musicou os poemas da poeta en Rosalía Pequeniña, foi Begoña quen escribiu o Limiar. Naquelas verbas, unha vez máis, botou a andar a imaxinación.

“Rosalía pequeniña sería hoxe, como daquela, unha nena guerreira, gustaríalle o rock tocado con gaita e vestiría de punki. Porque as mulleres e as nenas de agora somos coma ela: (...) da tribo daquelas que non só cantas ás pombas e ás flores".

Limiar de 'Rosalía pequeniña' por Begoña Caamaño

A música, as súas viaxes a Cuba e aos países tropicais, o amor, a sororidade... envolvían as charlas das que Begoña formaba parte. "A maior das alegrías eran as xuntanzas, as festas, un bo viño e unha boa conversa. Bego espremeu a vida ao máximo, viviu cada hora coma se non fose haber outra", relata Goretti. Gustaríalle ter adurmiñado para sempre co Alalá das Mariñas soando de fondo e acompañada de todas as persoas ás que quería. Ese era o seu último desexo e así é como a quere recordar Uxía: "Na Illa de Arousa, ao carón do mar, celebrando a amizade". Na súa carta de despedida á cantante, "todo un manifesto de como pasar pola vida e de como afrontar a morte", Begoña recoñecía este seu último desexo e daba as grazas pola vida.

Eu levo xa tanto vivido, tanto aprendido, tanto amado e tanto amor recibido que non podo dicir que a miña morte sexa inxusta. Indesexada si, como todas... Que me encantaría vivir outros 47 anos, tamén. Sempre temos apego á vida, sobre todo porque sabemos que, pese aos seus mil amargores, a vida compensa".

Carta de despedida de Begoña Caamaño a Uxía (2014)

BEGOÑA PARA SEMPRE

"Creo que nada lle gustaría máis que que as novas xeracións soubesen da súa existencia e seguisen as súas pegadas", recoñece Uxía. Por sorte para nós, Begoña teceu palabras en Morgana en Esmelle e Circe ou o pracer do azul que quedarán para a eternidade, sempre ao noso servizo. Son a vontade de acción dela, esa súa personalidade, levada á literatura. Goretti admira que con só dous libros, fora capaz de se converter en referente. Ana agradécelle que "contara a historia que non foi contada, procurando outro relato do mito ou da materia de Bretaña".

 

Maika, pola súa banda, di que cando pensa en Begoña, non pensa na profesional de éxito, senón "naquela nena que xogaba a facer Tarzán con ela". De aquí en diante, a nós, o que nos resta, é lela e relela. Circe, Morgana e Penélope estannos esperando.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 xosé lois rúa

muller muller, amiga, creadora, profesional, solidaria, comprometida todos soñamos, máis dunha vez, coa sua amizade, cos seus poemas, e cos seus ollos (por qué non dicilo)