Inditex é unha organización con ánimo de lucro que contribue a financiar o Estado a través dos impostos que paga, e o Estado é á sua vez é unha organización sen ánimo de lucro ainda que rodeada e inflitrada de buscadores de “lucro improdutivo”, e que cubre deficientemente algunhas necesidades da sociedade que deberia cubrir de forma moito máis eficiente, o que non significa gastando máis; como por exemplo a xustiza, a seguridade e as infraestruturas, e metese en moitos sitios onde non se debería meter, como ter medios de comunicación propios, a cultura, a enerxía, e un longo etcétera. Inditex é unha organización eficiente xa que ten que competir todos os días no mercado e a sua sobrevivencia e crecemento depende da sua eficiencia e competitividade, depende das escollas de compra de millóns de consumidores en todo o mundo, está sometida a un duro e permanente escrutinio, o Estado é unha organización terriblemente ineficiente xa que non ten incentivos para ser eficiente e para reproducirse como tal aparello ineficiente crea uns mecanismos que evitan tramposamente a libre concorrencia política como son a lei electoral, o control dos medios de comunicación, o monopolio dos curriculos escolares, a creación de inmensas redes clientelares pagadas polos contribuintes, etc.
Quizá non estemos habituados a velo así, pero unha empresa galega é a que viste de forma máis conveniente do mundo ao maior número de persoas, son moitos millóns de persoas en todo o mundo as que coas suas decisións de compra poñen a Inditex onde está, eis a ética do capitalismo, aqueles que logran satisfacer da mellor maneira posible as necesidades dos seus conxéneres son quen se enriquecen, non hai forma de éxito que se poida comparar en termos de meritocracia co mercado libre. Un señor que hai 40 anos vendia batas nas feiras das vilas galegas é hoxe o máis rico de Europa, pode haber mellor exemplo de éxito através do mérito e de mobilidade social?, podemos imaxinar unha sociedade máis meritocrática e xusta que a que surxe das forzas do mercado libre? Lembremos tamén, que ao contrario do que pensan algúns, a economía non é un xogo de suma cero, o señor Ortega non é rico por ter empobrecido a ninguén, é rico grazas a ter enriquecido, en diversos graos, a moitísima xente.
É todo isto para que? que consecuencias se derivan deste éxito? pois temos moreas de consecuencias positivas, en primeiro lugar a xeración de emprego, a empresa emprega a máis de 100.000 persoas en todo o mundo e este mesmo ano creará, só en España, 900 postos de traballo máis, e isto só tendo en conta os postos de traballo directos, estou seguro de que moitos centrarán a sua crítica en que os salarios son moi baixos, cousa que cando menos é discutible, xa que dentro dunha empresa como Inditex encontrámonos cunha escala de diversos niveis salarias fixados polo prezo de mercado de cada un deses postos, en todo caso o relevante é que todos e cada un deses postos de traballo suporán, sen nengunha dúbida, unha mellora relativa nas vidas das persoas que os aceptan libre e voluntariamente.
Son tremendamente inconscientes e inconsistentes aquelas críticas que obvian o significado da mellora relativa, non é nengunha coacción a que leva a persoas a aceptar un traballo nunha empresa, se o aceptan están logrando unha mellora relativa nas suas vidas, unha mellora que supón un degrao necesario na escalada por tratar de mellorar a sua vida, recomendo o documental "globalization is good" de Johan Norberg que parte da terra natal do autor, Suecia, para visitar posteriormente Taiwan, Vietnam e Kenya.
O que pretende mostrarnos este documental son diversas etapas de desenvolvemento capitalista, igual que para un labrego galego supuña unha mellora ir traballar para a Citroën en 1960, tamén o supuña para un empregado dun latifundio ingles que ia a Manchester a traballar a unha fábrica de algodón no século XVIII, ou para un vietnamita ou brasileiro que traballe hoxe para unha subcontrata de Inditex. Só teriamos motivo de preocupación se o inglés do século XVIII, o galego dos anos sesenta do século XX, ou o vietnamita de hoxe estiveran traballando nunha fábrica en contra da sua vontade, e sabemos que isto non é así, que os empregos industriais neses momentos na historia dos paises mencionados supuñan unha significativa mellora nas expectativas de vida das persoas que os aceptaban libremente.
Ademáis o éxito de Inditex e doutras empresas, permite tamén crear unha grande concentración de capital o que é fundamental para permitir aumentar a produtividade e portanto os salarios e a riqueza, non é a capacidade de traballo a que explica a brutal diferenza de produtividade entre os nosos avós, que traballaban de sol a sol o campo en Galicia e un labrego de hoxe en día, senón o capital disponible, o mesmo capital que permite investir en maquinaria (tractor, muxidora, etc) , instalacións, etc que permiten que un gandeiro hoxe sexa máis produtivo que unha ducia hai cen anos, podemos trasladar o mesmo exemplo á industria ou aos servizos, a diferenza salarial entre un operario alemán e un operario galego é debido ao diferente nivel de desemprego e á sua diferente produtividade e a sua diferente produtividade non se debe a que nos sexamos uns lacazáns, senón á maior intensividade en capital da industria alemá, o maior desemprego é consecuencia da inflexible regulación laboral española que defende a esquerda e que provén, só lixeiramente modificada, do franquismo.
Son moitos os motivos para alegrarnos que nos dá Inditex, un deles, é a tremenda importancia que ten que a maior fortuna de Europa se fixera desde Galicia, este éxito bota definitivamente por terra a visión, que do potencial económico da nosa terra teñen tanto a partitocracia española (PP e PSOE) como os marxistas galegos (BNG e similares), os primeiros teñen o absoluto convencemento de que Galicia é pobre e, o que é pior, cren tamén que non pode deixar de selo, ven polo tanto con compracencia e satistación a suposta solidariedade que nos chega das zonas máis ricas de España e de Europa, os segundos cren que Galicia é un País empobrecido e que a forma de que deixe de selo é permitir un correcto desenvolvemento do sector primario, facendo, desta maneira, especial fincapé na importancia da pesca e da agricultura.
Sen excepción PP, PSOE e BNG cren na importancia dun sector público omnipresente e pratican cando están no poder unha economía fortemente intervida e condicionada polas suas relacións co poder político e fortemente subsidiada, case sempre en función das suas afinidades políticas. Pois ben, que en Galicia nacese e se desenvolvese un lider mundial dun sector de certo peso na economía mundial e non grazas, senón a pesar, do intervencionismo público, algo absolutamente inimaxinable e imprevisible antes de que acontecese, indica que Galicia pode ser un País tan rico como calquera e que para conseguir esa meta hai que limitarse a liberar a capacidade criativa e o espirito emprendedor dos individuos, neste caso dos galegos, é dicir, o que debe facer ao respecto a administración pública é fundamentalmente molestar o menos posible, o futuro depende da capacidade innovadora e emprendedora de centos de millares de persoas e ningunha persoa individualmente, tampouco nengún político, ten tanta capacidade como todos eses individuos interactuando no mercado.
Vermos a coroación de Inditex, por riba de Telefónica e Santander, como a empresa do ámbito español con maior capitalización bursátil, ten outra implicación moi importante, unha empresa que chega a eses niveis sen lle deber nada ao poder político supera, nestes momentos, a outras que están nos niveis que están, ao menos, nalgunha medida, grazas ao poder político. É sabido que a grande banca, construtoras e enerxéticas son empresas moi interdependentes do compadreo co poder político, empresas que se moven a golpe de BOE e a golpe, en moitos casos, de diñeiro do contribuinte, e de intercambio de favores co poder político, como se viu, por exemplo, co indulto do goberno de Zapatero a un altísimo cargo do Santander, como puidemos ver cando un compañeiro de escola de Aznar se convertia en presidente de Telefónica ou na presenza de moitos ex-políticos, como Aznar, Gonzalez e Salgado entre outros, nos consellos de administración de determinadas empresas que, ás veces, non satisfan exclusivamente necesidades dos consumidores, como fai Inditex, senón dos grandes partidos políticos.
Grazas a Inditex, Galicia gáñalle a Madrid e Barcelona unha liga moito máis importante que a liga BBVA, pero neste País só un partido como Converxencia XXI se alegra publicamente, síntoma da grave carencia dos valores necesarios para prosperar en liberdade, que padece a nosa sociedade, e o que compre facer neste sentido é rachar esa espiral de silencio imposta desde certos sectores dispostos a insultar e calumniar a quen non acepte os seus dogmas.
Para rematar, permítome sinalar un campo no que penso que Inditex ten terreo para a mellora, é o da filantropia, o señor Ortega ou a señora Mera non se deben sentir obrigados a axudar á sociedade porque teñan unha débeda con ela, xa que foi a sua iniciativa empresarial a que redundou en beneficio da sociedade, á marxe da sua atividade filantrópica é a sociedade quen ten unha débeda con eles e non porque regalaran nada a ninguén, o que empresarialmente seguro que non fixeron, senón porque xeraron oportunidades de progreso para moitas persoas.
Calquera atividade filantrópica debería estar guiada polo desexo libre e voluntario de contribuir á prosperidade do entorno ou a calquera fin que o filántropo considere valioso segundo o seu criterio persoal, non hai máis que mirar para os EEUU para darse conta que, neste terreno, hai moito percorrido, recentemente a Fundación Ortega anunciou que financiaria nove escolas infantís que pasarían a integrarse na rede da Xunta, na miña opinión entregar a un mal xestor como a Xunta de Galicia un activo quizá non sexa a mellor opción, eu atrévome a lanzar unha suxestión; a creación dunha universidade privada en Galicia inspirada no modelo universitario norteamericano, de lonxe o máis exitoso do mundo, incluindo unha política de bolsas que contribua á mobilidade social e ao aproveitamento do enorme talento que as circunstancias fan que se perda en Galicia.