Feijóo sobre Sánchez: "ou lle obrigan a cambiar o rumbo no PSOE ou iremos cara ao precipicio"

O presidente insiste en que Sánchez "volva á casa de saída" ou augura un mandato que "pode acabar mal e rápido".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2019 | Actualizada ás 12:57

Comparte esta noticia

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, instou este martes ao presidente do Goberno en funcións e líder do PSOE, Pedro Sánchez, a "volver á casa de saída" e deixar de lado "ao populismo e ao indepedentismo" para negociar coas forzas "constitucionalistas". Pola contra, augurou unha lexislatura marcada por unha "enorme inestabilidade" e que "pode acabar mal e rápido".

Así se pronunciou tras ser preguntado, despois dun acto en Santiago de Compostela, acerca de se está máis coa postura do 'non' de Pablo Casado ou o posicionamento da expresidenta madrileña Esperanza Aguirre, quen pediu ao líder popular que axude a investir a Sánchez para "evitar custe o que custe" que dependa de ERC e populistas.

Respecto diso, Feijóo subliñou que "hai un desexo e unha realidade". O "desexo" sería, remarcou, o de ter "unha lexislatura estable", cun goberno "útil" que "afronte as dificultades e as curvas que veñen na economía" e, en consecuencia, "as curvas que veñen para as familias e traballadores galegos".

Tamén "desexaría" que fose un mandato no que se "volvesen a respectar os intereses de Galicia" e no que o Executivo central "priorizase" dar solución "aos problemas creados na lexislatura anterior". "Que buscásemos e atopásemos a solución para Alcoa, para a central térmica (das Pontes), para as electrointensivas e para as infraestruturas galegas. Ese é o desexo", apelou.

Con todo, contrapuxo que "a realidade" é que "o abrazo a Podemos e a poxa independentista de PSOE e ERC" non augura "nada positivo". Ao seu modo de ver, todo indica que será "unha lexislatura de enorme inestabilidade e fraxilidade" do presidente do Goberno, Pedro Sánchez. E mesmo dun mandato "que pode acabar mal e rápido". "Gustaríame quedarme co desexo, pero insisto, eu teño un desexo e a realidade vai doutra banda", admitiu.

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa tras o Consello da Xunta.. XUNTA
O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa tras o Consello da Xunta.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta