Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2019 | Actualizada ás 19:22
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou este martes a retirada do recurso interposto contra a aprobación provisional do plan xeral de ordenación municipal (PXOM) realizada en xunta de goberno local polo PP no anterior mandato, cando gobernaba en solitario.
Jácome, que goberna en coalición cos populares, explica nun comunicado que adoptou esta decisión porque o documento será presentado a aprobación no pleno do Concello, en lugar de facelo na xunta de goberno. "Retiramos a demanda porque xa se vai a facer como nós queriamos inicialmente", aclarou o alcalde.
"CRÓNICA DUNHA BAIXADA DE PANTALÓNS ANUNCIADA"
Pola súa banda, o BNG criticou a retirada do recurso a través do seu portavoz municipal, Luís Seara, quen cualificou a decisión de "crónica de baixada de pantalóns anunciada". Neste sentido, sinalou que, ao seu xuízo, a decisión se tomou "para levar a cabo os pelotazos urbanísticos contidos nas modificacións substanciais do PP na pasada lexislatura que reciben agora o beneplácito de Democracia Ourensá", partido que lidera o alcalde da cidade termal.
"Onde DO vía especulación por todas partes, agora deixa de selo. Unha incoherencia máis que Jácome e os seus amigos teñen", resolveu o portavoz nacionalista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.