Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2019 | Actualizada ás 19:35
O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia denunciou que a Xunta permita que calquera titulado nunha licenciatura ou grao da rama de ciencias poida optar a unha praza de biólogo na administración autonómica.
O Colexio cualifica de "disparatado" que "a homologación de todas as titulacións da rama de ciencias" permita que á convocatoria de emprego público para a praza da especialicidade de bioloxía poidan concorrer "tan dispares opcións académicas".
E é que, segundo denuncia o Colexio galego de biólogos, a convocatoria está aberta a calquera persoa que conte cun título universitario na rama de ciencias: bioloxía, bioquímica, ciencias ambientais, ciencias do mar, ciencias e ténicas estatísticas, física, xeoloxía, matemáticas, química e enoloxía.
"Existe unha regulación específica da profesión de biólogo, perfectamente definida e diferenciada das demais da rama de ciencias, o que permite concluír que á especialidade de bioloxía debe accederse exclusivamente coa titulación de bioloxía", incide o colectivo.
Así, instan á Administración autonómica a rectificar esta convocatoria "absurda" e que se limite aos titulados en bioloxía o acceso a estas prazas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.