Por Xurxo Salgado | Compostela | 16/12/2019 | Actualizada ás 14:40
A asemblea de Anova celebrada esta fin de semana abriu moitas portas e distintas posibilidades para configurar alternativas de goberno en Galicia. Anova animou aos seus socios, Podemos e EU, a abandonar posturas "de parte" para continuar na súa alianza con eles, mentres que tanto o BNG como En Marea buscan sumar esforzos nunha nova proposta nacionalista na que tamén inclúen a Anova, ou, cando menos, a unha maioría de militantes descontentos. A única incognita está en saber se esa nova alternativa é baixo as siglas do BNG, ou pivotada polo BNG pero non exclusivamente baixo as súas siglas.
E é neste punto, no das siglas, onde poden xurdir os principais problemas no bando nacionalista. Hai moita xente de En Marea e de Anova aos que non lles importa sumar co BNG nunha gran fronte nacionalista, pero, sempre e cando quede claro que se trata dunha fronte ou unha alianza de forzas irmáns, pero non dunha absorción. De feito, segundo as fontes consultadas por GC, nas últimas semanas intensificaronse as conversas entre distintos actores do nacionalismo para abordar esta gran fronte.
E o único que teñen claro no BNG, en En Marea e no entorno non oficialista de Anova é que nesa gran fronte non hai espazo para Eu ou Podemos. E niso foron contundentes este luns tanto a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, como o de En Marea, Luís Villares. "O BNG non comparte a liña aprobada por Anova este fin de semana porque aposta por seguir traballando en alianzas con forzas estatais", dixo en declaracións no Parlamento.
Respecto diso, mostrou o seu rexeitamento a "facer de comentarista" das decisións políticas acordadas por outras organizacións políticas e aproveitou para reivindicar o proxecto "sólido" que o BNG ofrece aos galegos. "Un proxecto pensado desde Galicia e para Galicia, que está a recibir cada vez máis apoios electorais. Estamos a traballar xa para a preparación do reto de 2020, dando pasos no proceso de designación da candidatura á Presidencia da Xunta, e imos seguir sumando, igual que sumamos ao longo deste ano a moita xente que quere participar deste proxecto", indicou.
"PATRIOTISMO DE SIGLAS"
Precisamente, Ana Pontón ten claro que é o BNG quen ten que asumir e "sumar" á xente que queira entrar, pero non nunha nova fronte ou con siglas diferentes. "Temos a man tendida a todos aqueles que queiran fortalecer a alternativa fronte ao que representa o PP en Galicia", suliñou. "Entón mantén que as siglas teñen que ser as do BNG?", preguntoulle GC. "Nós temos claro que a alternativa é o BNG. Se sumas fóra, se cadra, restas", indicou.
E foi neste punto onde diverxe con Luís Villares, para quen, está claro que Galicia necesita unha lista nacionalista forte sen forzas "estatais" e na que as siglas "son o de menos". De feito, e preguntado por GC se cre que tanto a xente de Anova como os de En Marea poden presentarse só baixo as siglas do BNG, a súa resposta foi clara: "Non se trata de exercer un patriotismo de siglas, senón que todos esteamos cómodos".
"Nós estamos abertos a un proxecto común e a renunciar as nosas siglas. Pero renunciar non significa asumir as siglas doutra forza, senón estar nun proxecto que nos serva a todos os nacionalistas máis alá de siglas", suliñou. E, ao igual que Ana Pontón, tamén ten claro que nesa alternativa non hai sitio para Podemos ou EU, pero si para a xente de En Marea, Anova o BNG ou outras forzas nacionalistas. Unha opinión que tamén comparten destacados xa ex militantes de Anova.
ANOVA
Está claro que tanto no BNG como En Marea, e destacados aínda afiliados e ex afiliados de Anova, teñen claro que é necesario "unificar" o nacionalismo que se rompeu tras a asemblea de Amio, pero sen contar con Podemos e Eu. E aí a "oficiliade" de Anova é a que pode poñer chanzos.
Pontón xa ten claro que Anova irá con Podemos e EU e Villares deixouno caer, aínda que agarda que, finalmente, a fórmula que escolla Anova sexa a das súas esencias nacionalistas. "A fórmula é o de menos pero o que non pode pasar é que haxa unha tomadura de pelo como aconteceu nos anteriores comicios", suliñou. "Temos que aprender da experencia e por iso é importante que Anova tamén teña un barniz diferente", indicou quen conviviu ata hai pouco con Anova, Podemos e EU no mesmo grupo parlamentario.
Desde Anova, o seu portavoz nacional, Antón Sánchez, apelaba este luns a abrir un "diálogo" entre "todas" as forzas políticas que se atopen "á esquerda do Partido Socialista" para explorar unha posible alianza de face ás eleccións autónomicas.
PODEMOS E EU
Ben diferente é a visión desde Común da Esquerda. A deputada desta foza e membro da dirección de Podemos Galicia Luca Chao ten claro que "coinciden" con Anova no importante: a necesidade de articular "unha alternativa o máis diversa posible para derrotar a Feijóo" nas autonómicas do próximo ano.
Ademais, sobre as conversacións para a creación dunha candidatura de unidade --Esquerda Unida chama a iniciar os contactos nos primeiros días de 2020-- non afectarán o funcionamento de Grupo Común da Esquerda na Cámara, onde está representados Anova, EU e Podemos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.