Lamento dicir que non vexo saidas fáciles, nen sequera saidas que non sexan moi duras; os niveis de endebedamento público e privado, a contumacia do estado (PP e PSOE) evitando o seu necesario redimensionamento á baixa para salvagardar intereses partidistas, as selvaxes subas de impostos que van asfixiar ainda máis a actividade produtiva, o mantimento de todo tipo de privilexios e inflexibilidades na economía. Todo isto non me permite albiscar nengunha saida de nengún tunel e si me permite afirmar que estamos nun pozo, no que agora PP e antes PSOE continuan sachando a destallo para facelo máis profundo. O cúmulo de ineficiencias e de buracos é aterrador, por iso comparo no título, ao Estado español cun queixo gruyere, que por unha confusión co emmental se cria que tiña moitos buracos.
Hai buracos para todos os gustos, a partitocracia creounos para fomentar intereses espurios do propio estado e dos grupos de interese que sustentan a PP e PSOE, a situación de bancarrota actual fai que non se poidan seguir ocultando eses buracos e haxa que ir buscando fórmulas para voltalos a encher o polo menos para paren de medrar, precisamento no peor momento é cando os cidadáns e empresas non nos poderemos beneficiar dunha das consecuencias secundarias que normalmente acompañan ás recesións e que permiten sobrelevalas con algo máis de alivio, estou a falar da deflación ou baixada de prezos que adoita acompañar ás recesións e en maior medida ás depresións, como a que estamos atravesando.
En España este fenómeno de deflación non se produce, ao menos en certa medida, porque agora o estado vese obrigado a compensar, obviamente con cargo aos contribuintes e consumidores, os desequilibrios que eles mesmos xeraron; o pufo das caixas de aforro, que se estima nuns 60.000 millóns de euros, a débeda que o estado ten coas compañías eléctricas, o que se coñece como déficit tarifario ascende a 22.000 millóns de euros, o buraco da sanidade estímase en 17.000 millóns de euros, AENA, a empresa pública que xestiona os aeroportos é o operador aeroportuario máis endebedado do mundo, a sua débeda ascende a 14.000 millóns de euros, as televisións públicas entre orzamento e débeda supoñen case 5.000 millóns de euros, as autoestradas de peaxe radiais que saen de Madrid en paralelo ás autovias gratuitas, pasan dos 3.000 millóns de euros de débeda.
É dicir o estado español, ao servizo da sua megalomania, da sua incompetencia e da sua corrupción acumulou un défice só nestes grandes buracos que menciono do 12% do PIB español, é dicir, fai falta un 12% de todo o que se produce en España nun ano para encher eses buracos, pero porque foron creados eses buracos? Foron acaso creados na procura do noso benestar, serian creados acaso na procura dunha maior eficiencia? Hai algún fin louvable que agachan os buracos na sua profundidade?
Repasemos un por un seguindo a orde do tamaño do buraco, de maior a menor, comecemos polo megaburaco das caixas de aforro, do que obviamente podemos responsabilizar a quen as xestionaba (consellos de administración controlados por PP e PSOE) e a quen supostamente as debía controlar, o Banco de España (cuxos directivos tamén foron nomeados por PP e PSOE), na actualidade e mentres os directivos apoiados pola partitocracia estarán no caribe desfrutando das indemnizacións millonarias cobradas por quebrar as entidades que dirixian, os contribuintes-consumidores xa estamos tapando ese pufo con rescates públicos e con enganos como o das preferentes, non esquezamos que o das preferentes foi unha manobra deliberada para captar fondos non liquidos, o común dos clientes tamén estamos pagando a nosa parte através de subas de comisións, é dicir, outro aumento de prezo, neste caso dos servizos bancarios, xerado pola ineficiencia estatal.
Que dicir do défice tarifario, o custo da electricidade en España é un dos catro máis altos da UE, xunto co de Irlanda, Malta e Chipre, sí, efectivamente, todas son illas, o que encarece a distribución da electricidade, pois ben, o custo do kilowatio en España está á par do das illas e por riba do resto, pero non dubiden en que serán continuadas as subas do recibo da luz que nos agardan, porque a pesar de que somos os que máis pagamos, segundo nos din desde o Estado, non chega para cubrir os custos de xeración, dai a débeda do Estado coas eléctricas, esta débeda foi xerada polo intervencionismo público no sector, fixando os prezos e fundamentalmente polas primas ás renovables e as axudas ao carbón español. Desde logo, un moito de compadreo entre varios lobbies e os gobernos de PP e PSOE existiu, non é casual que Felipe González esté no consello de administración de Gas Natural e que Aznar e Elena Salgado estean no de Endesa. Sairanos moi caro.
Que podemos dicir da sanidade? hai tempo que as farmacias non cobran da administración cun mínimo de puntualidade e aturano porque gozan doutro privilexio estatal, a de ser un mercado pechado ao que só se entra por concesión estatal ou por traspaso multimillonario dunha farmacia, un caso claro de intercambio de favores a custa do funcionamento eficiente dunha sociedade; "eu manteñote o privilexio e ti financiasme". Aqui non se buscou tampouco xamais a racionalidade e eficiencia, o lobby farmaceutico e o Estado intercambiaron favores e a mentira goebbeliana, unha mentira repetida un millón de veces por PP, PSOE, IU, BNG, etc, de que a sanidade é gratuita pasou a considerarse unha verdade incuestionable, cando o seu custo, de media, é de 1.900 euros por ano, para cada cidadán. Preparen as suas carteiras se é que ainda están con fondos, estamos comezando a pagar este pufo tamén.
AENA, o modelo megálomano do centralismo aeroportuario, único caso no mundo de centralización nunha empresa pública única dun sistema aeroportuario da importancia do español, e todo para permitir que os políticos puidesen meter os fuciños no reparto do pastel, decidir que aeroportos se priman a custa de cales e en definitiva por en prática unha política arbitraria e corrupta de ampliación aeroportuaria, en número, capacidade e instalacións, absolutamente ineficiente, irracional e innecesaria. As tarifas aeroportuarias xa están subindo para pagar a débeda e continuarán facendoo, mentres tanto e para "consolarnos" poderemos observar a magnitude dos aparcamentos vacios de Peinador e Alvedro.
E as TV's públicas?, RTVE e as autonómicas, pois podemos dicir que custan fortunas do diñeiro dos contribuintes en aras a manter o control da comunicación e portanto o control de como pensan os votantes, ferramenta fundamental para manterse no poder e evitar que os cidadáns coñezan as propostas alternativas ao statu quo, cousa que tamén garanten subsidiando aos medios privados. Parte das brutais subas de impostos á que nos someten son para pagar isto, para pagar que sigan tratando de controlar o que pensamos e como pensamos, non dubidarán en arruinarnos para manterse nun poder parasitario. A Xunta acaba de anunciar publicidade en medios privados por valor dun millón de euros, as eleccións autonómicas están ai e hai que asegurarse o apoio, naturalmente co diñeiro dos demais.
Enfin, estes son só algúns dos buracos, seguro que hai máis que irán aparecendo e supondo que vostede non sexa vítima da estafa das preferentes, co que o seu caso seria máis sangrante, a partir de agora cobraranlle máis comisións nas ex-caixas, tamén será máis caro enchufar unha estufa ou cociñar, coller un avión, ir ao médico, apañar as autoestradas, as subas de impostos repercutirán fortemente na suba dos prezos, incluindo o dos combustibles e alimentación, que non lle conten mentiras, que non lle digan que é culpa do capitalismo, nengunha empresa privada teria sobrevivido a semellante cúmulo de ineficiencias, xusto no momento, en que un mercado libre estaria reaccionando á perda de poder adquisitivo cunha baixada xeral de prezos, por obra e graza do estado e da intervención pública de PP e PSOE e dun estatismo corrupto e atroz, encontrámonos con subas de prezos, xusto cando a capacidade adquisitiva de cidadáns e empresas máis debilitada está, teremos que pagar a factura dos favores que PP e PSOE se fixeron a si mesmos e aos seus amigotes para manterse nun poder parasitario.
Os que levan 30 anos gobernando ininterrumpidamente o estado gruyere deben ser claramente responsabilizados dos desequilibrios xerados, hai que ver o carísimos que nos saen o PSOE e o PP.