Coñece como será o Ano Carvalho Calero que este ano viaxará tamén a Portugal

Haberá unha mostra itinerante, edicións conmemorativas e decenas de actos culturais. A RAG, Política Lingüística e a AGAL irán da man nos actos de homenaxe ao filólogo nos que tamén participarán concellos, asociacións e empresas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2020 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

O intelectual e académico Ricardo Carvalho Calero, primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega na universidade compostelá e pai do reintegracionismo, será o protagonista este ano do 17 de Maio e, como tal, de homenaxes, actos culturais, exposicións, debates e edicións conmemorativas da súa obra, que percorrerán a xeografía galega, traspasarán as fronteiras internacionais e difundirán e recuperarán a memoria do docente e estudioso ferrolán.

O ano en que se conmemora o centenario da revista 'Nós' foi o que a Real Academia Galega escolleu, finalmente, para recoñecer a 'Don Ricardo' co tan reclamado homenaxe no Día das Letras Galegas, nun momento en que se apela a incidir ao valor do idioma e da identidade galega a nivel económico e ás potencialidades que ofrecen os vínculos da lingua cos países da lusofonía.

Neste contexto, decenas de actividades difundirán a memoria e o papel de Carvalho Calero por todo o territorio, concellos ou centros educativos. Así se destacou este luns, na Cidade da Cultura, nun gran acto no que se detallou a programación deseñada para celebrar este 17 de Maio e que contou coa presenza do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez ou o presidente da RAG, Víctor Freixanes, ademais das fillas do homenaxeado e outras autoridades implicadas nesta efeméride.

O propio 17 de maio, o Teatro Jofre de Ferrol acollerá o pleno aberto da Academia Galega en honra a Carvalho Calero, e a institución impulsará outras iniciativas, como 'A Primavera das Letras' (espazo na súa web destinado o público infantil e de primaria) ou unhas xornadas de estudo para profundar no traballo do homenaxeado.

Unha das accións centrais será a mostra itinerante 'A voz presente', promovida pola Xunta en colaboración coa Associaçom Galega da Língua (AGAL) e que chegará a once municipios galegos e á localidade de Viana do Castelo, en Portugal. A través dos paneis da exposición analizarase tanto a dimensión artística como humana e lingüística do ferrolán, para pór en valor o seu legado.

'Don Ricardo de Fingoi' é outro dos proxectos expositivos que se enmarcan nesta efeméride, creada polo Colectivo Egeria e que lembra a vinculación do autor coa cidade de Lugo. Santiago e Ferrol terán, á súa vez, as súas propias mostras ('Imaxe de cen anos' e 'Ricardo Carvalho Calero, un autor e unha imaxe irrepetibles') e a Biblioteca de Galicia contará cunha selección de materiais bibliográficos e documentais do intelectual ferrolán, ademais de estudos e publicacións sobre a súa vida e obra.

OBRAS E ACCIÓNS EDUCATIVAS

En materia educativa, elaboraranse unidades didácticas sobre o traballo de Carvalho Calero (elaboradas por AGAL e o Concello de Santiago) e Política Lingüística impulsará iniciativas como o concurso-exposición Letras Galegas 2020, concursos de 'podcast' radiofónico, ademais das diversas accións desenvolvidas desde os equipos de dinamización lingüística.

Outras accións abarcarán certames como os Premios Ricardo Carvalho Calero, promovido por AGAL, e que consistirá na redacción dun novo capítulo de 'Scórpio', ou o X Concurso de Carteis do Día das Letras Galega, convocado pola Biblioteca Ánxel Casal de Compostela. Precisamente, AGAL deseñou unha imaxe icónica para a conmemoración do 17 de maio que se empregará en todas as súas actividades e porase a disposición de toda a sociedade.

INICIATIVAS SOCIAIS

O Parlamento de Galicia porá a disposición dos cidadáns a biblioteca e o arquivo persoal do autor que custodia desde 1997, e que está integrada por máis de 4.800 volumes de literatura, lingüística, historia ou filosofía. A Fundación Penzol tamén dará a coñecer os fondos que dispón sobre a obra do intelectual ferrolán.

Os concellos de Ferrol e Santiago organizarán 'roteiros' polos lugares relevantes na a vida de 'Don Ricardo', e o Consello da Cultura celebrará, o 16 de maio, o seu tradicional Concerto das Letras, que levarán ata a terra natal do autor.

Desde o ámbito empresarial, Renfe Viajeros, Gadisa, Vegalsa-Eroski ou Feiraco impulsarán diferentes iniciativas de difusión sobre a figura de Carvalho Calero, difundindo a súa imaxe en trens, en cartelaría, en bolsas de compra, ou regalando libros dedicados ao autor. Así mesmo, a CRTVG recuperará a voz do propio homenaxeado e realizará diversos espazos divulgativos da súa vida e obra nos diferentes medios públicos.

Presentación da programación conmemorativa do Día das Letras Galegas dedicado a Carvalho Calero. XUNTA
Presentación da programación conmemorativa do Día das Letras Galegas dedicado a Carvalho Calero. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta