Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/02/2020 | Actualizada ás 20:35
Eldiario.es abrirá unha delegación propia en Galicia. Será dirixida polo co fundador e adxunto á dirección deste medio, Gonzalo Cortizo, e contará cun equipo propio de xornalistas contratado para o este novo proxecto.
Eldiario.es levaba xa desde finais do verán pasado coa intención de abrir esta nova delegación en Galicia, falando con actores sociais e políticos e buscando unha sede na que instalarese. A decisión materializouse agora, meses despois e en plena precampaña tras o adianto electoral de Feijóo.
“A redacción de eldiario.es encara este novo reto coa intención de facer un xornalismo independente e contribuír con información a mellorar a vida dos cidadáns. O arranque da nova redacción prodúcese a poucas semanas das eleccións que decidirán o futuro da Galicia que vén”, apunta eldiario.es nunha nova sobra a súa saída en Galicia na que pide xa a colaboración dos lectores para apoiar este novo proxecto xornalístico.
Coa apertura desta nova delagación, mudará completamente a relación de colaboración que mantiña con Praza Pública, que se encargaba do proxecto editorial deste xornal en Galicia desde o ano 2012. “Praza.gal e eldiario.es terán de agora en diante unha nova relación, xa establecida de mutuo acordo e marcada como ata agora pola colaboración, pero con termos diferentes aos destes anos tanto no eido xornalístico como no comercial”, apunta Praza nun editorial que deu a coñecer este xoves. “Praza.gal mantén a súa estrutura xornalística e económica e os seus plans de futuro intactos”, engade.
Gonzalo Cortizo será o encargado de pivotar a nova edición de Eldiario en Galicia. É membro do equipo fundacional deste medio, desempeñou as funcións de xefe de política e na actualidade é adxunto ao director. Antes de marchar a Madrid, Cortizo traballou na Cadena Ser en Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.