Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/11/2012 | Actualizada ás 14:19
A líder de EU en Galicia estase revelando como un dos principais crebacabezas do Goberno de Feijóo. Desde que saíu elexida como deputada as súas críticas a Xunta e ao seu presidente teñen sido moi duras. Unha dureza que Feijóo criticou esta fin de semana.
"Compracencia ningunha, dureza toda. Non hai ninguén máis antidemocrático que quen condena á fame", contestoulle este martes a deputada de AGE que, nos últimos días, está sendo moito máis activa, tanto nas redes sociais coma nas súas declaracións públicas, que Xosé Manuel Beiras.
"Violencia verbal"
De feito, no PPdeG comezan a temer máis a oposición que poida realizar Díaz e EU que a de Anova, precisamente, pola súa contundencia verbal, aínda que cren que, á longa, lles prexudicará. Precisamente, Feijóo criticou a "violencia verbal" de Díaz e "carencia democrática" dos membros de AGE.
Por iso, Díaz volveu a insistir en que AGE realizará unha "dura" oposición porque as "políticas" que aplican só "empobrecen aos de abaixo". "Sabe perfectamente a oposición que imos facer porque non temos ningunha complicidade coas políticas da troika, e si a man tendida coas persoas que están a sufrir".
Futuro de AGE
Díaz tamén se referiu ás declaracións dalgúns dirixentes do BNG que apostan por un achegamento a Anova. "Cando se propuxo unha Syriza galega de toda a esquerda, o BNG non tivo a habilidade de recoller a luva", dixo.
Por iso, insistiu en que AGE está para "quedar", xa que EU e Anova traballarán conxuntamente na Cámara. "Son momentos de excepcionalidade política e de converxencia" dixo e lembrou que o propio Xosé Manuel Beiras falou "alto e claro" en días pasados sobre a coalición.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.