Celaá insiste en que non haberá aprobado xeral: "Rotundamente non"

A ministra de Educación argúe que "non serviría para o principio de equidade". Pola súa banda, as Anpas Galegas piden a Educación que prorrogue a vixencia dos libros de texto polo menos un curso máis.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 21/04/2020 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

A Ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, mantivo este martes que non haberá aprobado xeral como solución á paralización das clases presenciais provocada pola crise sanitaria.

A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá
A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá | Fonte: Europa Press.

"Rotundamente non", respondeu Celaá nunha entrevista en 'Los Almuerzos' de TVE ao ser preguntada por esta posibilidade. A titular de Educación manifestouse "absolutamente en contra (do aprobado xeral)", tanto por tratarse dunha "categoría moi anticuada", como por resultar inservible "para diagnosticar o déficit de alumnos aos que hai que reforzar en coñecementos".

Para a titular de educación é "preciso avaliar ao alumnado para facerlle un diagnóstico". No entanto, mostrouse partidaria de ter en conta a excepcionalidade deste curso. "Sería absolutamente inxusto e non serviría para o principio de equidade, tratar de avaliar aos estudantes coma se nada ocorrese", indicou.

Celaá incidiu na fenda social que deixou ao descuberto a crise sanitaria. "Hai miles de alumnos que non están conectados e o de menos é que teñan unha tableta, porque iso podería resolverse con recursos económicos, o que ocorre é que a fenda dixital enmascara a social e necesitamos máis tempo para solucionalo", indicou a ministra.

Por iso, a titular de Educación defendeu que os equipos docentes avalíen ao alumno "na súa globalidade vendo se desenvolveu capacidades para superar a avaliación" no canto de cinguirse ao curriculum. "Non nos entreteñamos noutros contidos que non son acordes á situación que vivimos", concluíu.

LIBROS DE TEXTO

A Confederación Anpas Galegas, unha das entidades que aglutina a unha parte das asociacións de pais do territorio, remitiu unha solicitude á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para que se prorrogue a vixencia dos libros de textos utilizados este ano polo menos durante un curso máis.

A asociación emitiu un pronunciamento ante a previsión de cambios de manuais en 3º e 5º de primaria no próximo curso e enviou un escrito dirixido ao departamento de Carmen Pomar para pedir que se adopte esta medida "tendo en conta esta situación excepcional e extraordinaria" provocada pola crise sanitaria da COVID-19, tanto polas súas repercusións no sistema educativo como nas economías familiares.

Anpas Galegas advertiu de que moitas familias viron empeorada a súa situación económica "de forma repentina neste estado de alarma", ao perder os seus postos de traballo ou ao non poder manter a súa actividade e fontes de ingresos.

Todo iso, lembra, mentres se están adoptando medidas que apuntan a un necesario cambio dos currículos educativos para compensar a falta de actividade e a alteración dos contidos previstos para este último trimestre.

A adquisición de libros de texto suporía, así, "un gasto difícil de asumir", e estes manuais "non se adaptarían ás modificacións provisionais que se fagan" ante as circunstancias actuais e á hipotética aprobación ou impulso dunha nova Lei Educativa do Goberno Central, que tamén implicaría unha actualización. Ao mesmo tempo, a Xunta tería que realizar un desembolso "importante" para adquirir manuais para os 'fondos solidarios' que xestiona a Consellería de Educación.

É por iso que a confederación propuxo a Educación que permita o uso dos libros de texto actuais durante o próximo curso. Ao mesmo tempo, pediu que se aproveite esta circunstancia para recuperar o sistema de préstamo universal, modelo implantado durante a época do 'bipartito' e que foi refugado polo PP.

Anpas Galegas considera que o contexto actual xustifica que se recupere un modelo deste tipo, no que se tería que incluír todo o material adaptado para o alumnado con necesidades específicas, e que se promovan así criterios "de equidade e igualdade" para os estudantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta