Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 07/05/2020
A portada dun álbum de fotos da dereita tería que ser aquela imaxe nas Azores na que Aznar se xuntou con Bush e con Blair para organizaren unha cacería humana a cal provocou, ademais de centos de miles de mortos, un penoso enfrontamento entre culturas que dura ata os nosos días.
A entrada de Galicia no álbum podería ser aquela instantánea na que Fraga e Rajoy elevaban cadansúa copa en honor de don Laureano. A relación entre o PP de Galicia e os narcos, Fariña mediante, quedou ilustrada de novo cunha imaxe posterior do xa presidente Rajoy no barco dun dos capos máis populares. Esa fotografía, por certo, supuxo o peche do periódico Xornal de Galicia, e o borrado do seu arquivo dixital tralas presións, seica financeiramente insoportables, contra o empresario promotor do proxecto.
De Fraga habería incluírse outrosí a imaxe do momento no que impón a medalla de ouro de Galicia –a súa máxima condecoración– a Álvarez Cascos após a traxedia do Prestige. Ningunha outra reflite con maior crueza a aldraxe continua que supón o goberno do PP en Galicia, o cal adoita antepoñer os obxectivos do partido ás propias necesidades do país. Nesa liña de gobernar en contra dos intereses de Galicia, atopamos a imaxe doutra aldraxe, cando Rueda (a carón de Rosa Díaz) e outros membros do PP galego participaron na manifestación convocada en 2009 contra o uso e difusión da lingua galega.
Ao igual que Fraga e Rajoy, Feijóo tamén presumiu nalgún momento da súa relación co tráfico ilegal de estupefacientes. A aventura pola ría de Arousa na lancha de Marcial Dorado, mailo rastro de crema solar na omoplata, perseguirán ao presidente dos populares galegos toda a súa vida. Feijóo necesitaría un capítulo propio no álbum. A imaxe do abrazo co presidente de Iberdrola na toma de posesión en 2009 deixou ás claras quen eran os beneficiados da súa vitoria electoral (conseguida, por certo, sobre a base de calumnias e infamias). Esoutra estampa na praza de touros de Pontevedra con Rajoy, Rueda e Louzán ratifica a súa devoción pola causa españolista máis rancia. Por rematar unha listaxe que podería ser interminable, velaí a fotografía da mangueira con camisa e zapatos castellanos que retrata como ningunha outra o cariz do personaxe.
Falaba ao principio dalgunhas imaxes que nos está a deixar a crise da covid19. Pensaba nesa fotografía patética de Díaz Ayuso aos pés dun avión que acababa de aterrar en Madrid cargado de mascarillas. Pensei que non se podía caer máis baixo ata que vin a estampa kennedyana, en branco e negro, dun Casado supostamente desbordado polos acontecementos; pregúntome canto tempo lles levou a montaxe. Penso de novo que non se pode caer máis baixo ata que peto co primeiro plano dunha choromiqueira Díaz Ayuso quen, tal que María Magdalena ao pé da cruz, deixa caer unha bágoa –negra para maior patetismo– pola meixela.
O PP sempre tentou tirar proveito do sufrimento malia demostrar ata a náusea a súa nula compaixón pola dor das persoas. Abondaría con lembrar a instrumentalización dos mortos nos atentados do 11M, no accidente do Yak 42 ou na traxedia do metro de Valencia, ademais da permanente utilización das vítimas do terrorismo mesmo nove anos despois de cesamento daquela tan mortífera actividade...
So penso en cal será a seguinte imaxe que anda tramando esta xente da dereita?