Venceredes, mais non convenceredes

O Paraninfo da Universidade de Salamanca foi testemuña privilexiada un 12 de outubro de 1936 do enfrontamento entre Miguel de Unamuno e o xeneral da lexión José Millán Astray, unha aceda discusión sintetizada neste titular para a historia e que acabaría supoñendo o desterro do intelectual nos últimos meses da súa vida.

Por Xosé Lois Carreira | Ourense | 16/12/2012

Comparte esta noticia
É o titular mesmo da nosa intrahistoria, españois ou non polo imperativo que sexa, suxerinte onde os haxa e que dada a factura social da crise que padecemos, maniféstase cando menos de rabuda actualidade pola súa forza semiolóxica e idoneidade. O caso é a quen aplicarllo, non hai semántica de abondo para tanta desfeita, tanta responsabilidade negada a ser asumida.
 
Podiamos aplicarllo ao PP, as súas maiorías absolutas e a súa política xenocida que sobrecarga sen reparo nin pudor precisamente nesas maiorías, nos estamentos máis débiles da sociedade, o custe dunha crise da avaricia da que a xente non ten a culpa que se lle imputa.
 
Podiamos tamén aplicarllo a socialdemocracia pola súa metamorfose nunha auténtica ruta xacobea europea da claudicación, por axeonllarse neste purgatorio das conciencias ao servizo exclusivo da oligarquía financeira, dos mercaderes bursátiles dun e doutro lado do charco. 
 
Podiamos aplicarllo tamén ao incandescente fulgor dunha rutilante estrela chamada Beiras, unha milenaria supernova que aínda brilla con tal forza na area social e política que o temor mesmo da extinción de semellante intensidade dificulta calibrar o seu impacto real nos vindeiros tempos.
 
Podiamos aplicarllo tamén os dirixentes de Compromiso por Galicia que conscientemente estragaron miles de vontades dun cambio pola hipótese do 1% do respaldo electoral. Ao fin ían gañar os de sempre.
 
Ou podemos aplicarlle o titular directamente o BNG, esta maltreita fronte que anda a dixerir o peor batacazo electoral da súa historia sen moita esperanza de exame de conciencia como tampouco de recuperar xa aquela exclusividade mediadora dun País e un tempo que se foron.  E sen ter aínda nada claro que para consolidar un pequeno espazo propio no novo terreo de xogo hai poucas marxes posibles. Máis aló da resesa dicotomía esquerda-dereita, superada xa polas atrocidades de ámbalas dúas, semella que do que se trata é máis ben de degrañar proxectos, alternativas de goberno co único obxectivo de non fastidiar máis a vida da xente. 
 
O BNG certamente tópase nunha difícil encrucillada. Coller o camiño dun espazo propio cun discurso nacionalista nítido, interclasista e integrador, e sobre todo que loite contra unha crise que afecta con desigual virulencia mais si de xeito indiscriminado tanto a traballadores, autónomos, pymes, grandes empresas, funcionarios, parados, amas de casa, doentes ou universitarios.
 
Dende esta posición meridiana liderar a indispensable e urxente reunificación de todo o nacionalismo galego, sexa cal sexa o seu espectro ideolóxico ou fundacional, co epicentro do seu discurso no autogoberno, meirande soberanía, máis competencias e máis capacidade decisoria como vía inmediata para a solvencia real dos problemas da xente. Ata chegar ao esgotamento da última franqueira administrativa do estatuto de autonomía antes de postular calquera outro chanzo xurídico territorial. Sobre todo nun contexto xa de aberto cuestionamento do modelo e de recorte competencial das comunidades por mor desa falsa austeridade coa que veladamente preténdese unha descarada recentralización da arquitectura autonómica; esta é a táctica dun goberno central reaccionario, esgotado, sen tino nin alternativas e xa preto dos 6 millóns de desempregados.
 
E unha vez garantido todo elo, por suposto, seguir a traballar pola emancipación nacional como blindaxe do noso benestar.
 
 O outro camiño que lle queda o BNG é simplemente atrincheirarse no teimudo discurso do nacionalismo de esquerda, inquebrantable esquerda, ou da esquerda da esquerda, facéndolle fronte como ben se poda a OPA non hostil de AGE e lanzando o cohete sideral galego da república do imperio contraataca como aval que garantise a descolonización e a desalienación total dos galegos e as galegas. Velaquí a nosa salvación.
 
Sexa cal sexa a escolla, o BNG non está para moito dispendio de forzas. A decisión será tomada por unha militancia que, como en Amio, pode vencer mais non convencer nin a unha boa parte desa propia filiación nin moito menos despois a inmensa sociedade a que se dirixe. 
 
A brutal escisión, a hemorraxia masiva da perda de respaldo electoral, a notable diminución tanto de militancia como de base de cadros efectiva obriga cando menos ao BNG a tomar, desta volta si ou si, o camiño axeitado.
 
Adicado á Teresa,Paco e Berto, desculpas pola miña vehemencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Lois Carreira Nado en Parada de Ribeira, Xinzo da Limia, Ourense, en 1971. Licenciado en Belas Artes pola Universidade do País Vasco. Artista plástico e concelleiro do BNG en Xinzo da Limia. Presidente da Asociación Cultural O Muíño da Lama.