Alcoa e a Xunta

Alcoa leva dende 2014 ameazando co peche da factoría de aluminio de San Cibrao. A postura da Xunta foi dende sempre botar balóns fóra. Unha vez se desencadea a crise, pasa a pensar directamente en clave electoral.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 31/05/2020

Comparte esta noticia

Dende a chegada de Feijóo á Xunta, Galicia non fixo máis ca perder, por distintas razóns, empresas importantes. O presidente galego non se inmuta. Demostra unha e outra vez a súa incompetencia estratéxica e a súa nula capacidade para reverter o deterioro continuo da economía galega. O que lle preocupa é agochar a súa incapacidade e para iso o mellor remedio é culpar a calquera outro; neste caso, ao goberno central que está en mans do partido contrincante.  

Os traballadores de Alcoa queiman pneumáticos horas antes de iniciar a folga na fábrica de aluminio da Coruña. M. Dylan
Os traballadores de Alcoa queiman pneumáticos horas antes de iniciar a folga na fábrica de aluminio da Coruña. M. Dylan | Fonte: Europa Press - Arquivo

O problema de Alcoa procede de 1998 cando o goberno de Aznar vendeu Inespal á multinacional americana. Como curiosidade, Alcoa vén significar Aluminum Company of America (por America enténdase Estados Unidos). É o que teñen as privatización de industrias esenciais. O capital privado non entende de beneficios comunitarios nin é sensible aos efectos das súas decisións sobre a sociedade civil. O único factor que move a súa estratexia é a maximización das ganancias. O valor dunha empresa é moito máis ca un número no estado de perdas e ganancias, un concepto que a dereita desbota historicamente.

Dende 2014, que podería ter feito a Xunta de Feijóo? Unha acción sería presionar ao goberno central para pechar o estatuto das industrias electrointensivas co cal se dotaría de maior estabilidade ao prezo da enerxía. Isto non garantiría a resolución do conflito pero si debería ir na boa dirección. O goberno central non avanzou, entre outras razóns, polas dúbidas que existen na Unión Europea respecto das chamadas “poxas  de interrumpibilidade”. Esa suposta presión da Xunta foi a única opción que presentou Feijóo: a única ante un problema da extraordinaria dimensión que suporía o peche de Alcoa.

A Xunta de Feijóo podería ter feito moito, moitísimo máis. Podería terse comportado coma un goberno preocupado realmente pola economía e emprego do país e non por aparecer ben no relato que trasladan os medios. Podería ter explorado a posibilidade de entrar no capital de Alcoa nunha operación conxunta co goberno español. Podería ter buscado un adquirente para a planta con vocación de permanencia. Podería ter artellado fontes de aprovisionamento enerxético complementarias. Podería ter negociado a catro bandas –goberno central, compañías eléctricas, empresa e a propia Xunta– un contrato de aprovisionamento a longo prazo. Podería terse comportado coma unha parte activa para a solución do problema e non simplemente coma un mero observador pasivo.

Chegan os despidos e que fai a Xunta por medio do seu conselleiro de economía? Lembrar as alegacións ao estatuto do consumidor electrointensivo (así de cativo é este goberno galego) e manifestar que “estarán ao lado dos traballadores”. Como frase queda moi ben pero cal é o valor real dese posicionamento? Dá a impresión de que a Xunta de Feijóo desconta xa a perda da empresa e tenta sacar partido de cara as vindeiras eleccións. Só se me ocorre unha palabra: patético!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego