Todo o que atopemos entre estes dous abominables feitos disque do pasado alicerzan a permanencia na actualidade de moitas reminiscencias propias desta zarracina. No medio deste marasmo senil destaca un modelo sobre todos, a relación de filiación gregaria patrón-protexido enramada nos resortes de poder político e archicoñecida como o caciquismo clásico. Un fenómeno multiforme e universal que na muidenza do “que hai do meu?” condensa a deturpación total da esencia da democracia, a vulneración do sufraxio universal e da proporcionalidade representativa en favor só de quen se somete a súa autoridade.
No caso galego compre engadir a estes arrepiantes antecedentes outra podente variable para o análise, o todopoderoso pantocrátor da ultradereita española e galega, Manuel Fraga Iribarne, connotacións tardo franquistas e indulxencias engadidas para o xenocidio, a brutalidade e o sadismo da ditadura e o postfranquismo, aínda nunca repudiado nin condenado nin tan sequera censurado nin polo PP nin por Alberto Núñez Feijoo. O que en Alemania por lei suporía directamente a inmediata inhabilitación para todo cargo político.
E no tocante a Ourense e o caso Baltar resulta indispensable engadir outra galla máis á árbore, o aparello piramidal das cooperativas agrogandeiras dos centristas galegos do moi respectable Euloxio Gómez Franqueira, fundador de COREN, que teceu o ecosistema axeitado para o medre e engorde dunha nova especie de cacique disposto a achegar o seu peso específico non só á irreversibilidade da propia alma ou familia, senón tamén tentar podrecer a alma enteira dun país. E que cos personaxes Baltar sénior e júnior, acada o cumio da especialización encarnando o xeito de partidismo máis noxento, agresivo, mordaz e descarnado posible, o exercido con tódalas garantías legais, con todo o peso do goberno e dos resortes de poder das institucións públicas, de xeito reiterado e consciente, e sempre en discriminación e detrimento do outro, o diferente.
E neste punto da hipótese é onde cumpría establecer o agravante preciso para unha sentenza xusta. Un comportamento desta magnitude dado o seu impacto social xa non pode cinguirse só o eido da prevaricación e corruptelas dun cacique clásico. Estamos a falar dunha práctica sistemática, reiterada, rigorosamente orquestrada desde o propio goberno, de consciente e intencionada segregación sociopolítica e comparable ao mesmo apartheid surafricano cando comparten dous mesmos obxectivos básicos: a fenda total na equiparación de plenos dereitos e a teima obsesiva da perpetuación dun determinado colectivo cun estatus de privilexio mentres outros sofren sen reparo a marxinalidade absoluta.
Apartheid é separación. Democracia é equiparación, redistribución baixo os principios inquebrantábeis da igualdade, mérito e capacidade. O exemplar sempre debe estar por enriba do legal, e no caso da denuncia da trama sucesoria e das prácticas nepotistas de Baltar sénior e júnior é cando se fai máis necesario que nunca sentar un precedente xudicial nítido, limpo, claro e de contornos ben definidos das gravísimas e irreparables consecuencias socioeconómicas que pode deparar a putrefacción total dun sistema de crenzas, valores, normas de convivencia, dereitos e deberes.