Feijóo votará BNG

Non é unha boutade senón a conclusión dun exercicio de lóxica e oportunidade. Aínda non o sabe pero eu creo que si, que despois dunha última semana de dúbidas e malos momentos, Feijóo darase conta de que o mellor para el mesmo e para o país dende logo, é que perda as eleccións.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 06/07/2020

Comparte esta noticia

Feijóo chegou á presidencia da Xunta por mor dunha campaña de calumnias convenientemente expandida a través dos medios afíns. Mantívose na presidencia sobre montaxes de calibrado volume mediático coma o suposto acordo con PEMEX que terminou por resultar unha groseira operación de propaganda. Nas vindeiras eleccións do 12 de Xullo, Feijóo pretende revalidar a maioría absoluta sobre a base da menor incidencia relativa da Covid19 en Galicia malia el non ter feito nada relevante para a contención da pandemia. Velaí a arte e o talento de Núñez Feijóo: atopar unha boa razón en cada momento coa que poder seguir convencendo o electorado.

papeleta, votación urna, eleccións, Xerais, municipais
papeleta, votación urna, eleccións, Xerais, municipais | Fonte: EP

Pódese afirmar con datos obxectivos que a evolución de Galicia nestes dez anos con Feijóo á fronte do goberno resultou unha calamidade. O dato máis evidente: a perda de case 50.000 postos de traballo comparado co aumento superior ao millón no conxunto de España. Eses postos de traballo perdidos transformáronse en traballadores no paro ou na emigración. Cómpre lembrar que un traballador emigrado sae das listas do desemprego do territorio de orixe; inda que é algo obvio non o semella tanto se un escoita a Feijóo.

O goberno Feijóo careceu de política económica e industrial nestes dez anos. As súas iniciativas estrela foron os cen millóns que destinou aos drons no aerodrómo das Rozas, unha experiencia esotérica que demostra a nula capacidade de diagnóstico do executivo do PP, ou os intentos por crear unha industria que xustifique a patética e ruinosa eucaliptización do país. Isto ao tempo que se demostraba incapaz de poñer en marcha un plan de desenvolvemento baseado nos tres eixos críticos para o progreso de Galicia: o sector agroalimentario, a economía verde e o investimento en I+D+i.

Estes dez anos longos de Feijóo supuxeron o estancamento, no mellor dos casos, cando non o retroceso de realidades críticas para o desenvolvemento económico e social de Galicia. Velaí a evolución da poboación (perda de 75.000 persoas fronte ao medre de 733.000 en España), do medio rural (produción e superficie agraria á baixa), da sanidade pública (mínimo histórico de camas hospitalarias e privatización masiva dos servicios sanitarios), do persoal docente (1.616 profesores menos entre 2009 e 2018, último ano publicado), dos recursos culturais, do uso da lingua autóctona... en fin, de calquera manifestación de actividade transcendente para o país.
Núñez Feijóo revelouse unha especie de presidente estatua, un home que se pon de perfil ante cada problema salientable e se limita a xestionar a súa presenza nos medios. Feijóo compórtase ante todo coma o xefe de prensa de si mesmo, e nada máis.

As eleccións do 12 de Xullo definen a auténtica dimensión de Núñez Feijóo: convocou os comicios para sacar rédito dunha situación de emerxencia social; enganou e segue enganando cando afirma que as votacións non implican riscos para as persoas; actuou tarde e mal no brote da Mariña luguesa; e, noutra orde de cousas, amosouse avergoñado do seu propio partido cuxo logo nin sequera aparece nos cartaces da propaganda electoral.

En Galicia coma en ningunha outra parte, PP significa Pasado e Parálise, e iso Feijóo empeza a asimilalo. Por iso eu creo que, nun momento de lucidez, cando vaia depositar o seu voto na urna, as súas mans buscarán a alternativa dun partido galego, progresista e ceibe das presións de Madrid, a dun partido con desexos reais de inverter a situación e colocar a Galicia de vez na senda do futuro. Pensará: en efecto, Galicia é moito, e daquela collerá a papeleta do BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego