As anpas plántanse ante a Xunta por non garantir unha distancia de seguridade nas aulas entre o alumnado

Critican que o protocolo de regreso ás aulas contempla unha separación mínima dun metro cando o esixido polo Ministerio de Sanidade son 1'5. "Estiran as costuras do sistema educativo para non ter que investir un céntimo", denuncian.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2020 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

Logo de longa espera, a publicación por parte da Consellería de Educación do protocolo que regula o regreso ás aulas en setembro vén de levantar as primeiras mostras de rexeitamento na órbita da comunidade educativa. Os primeiros en erguer o berro foron as nais e pais de alumnos, que estas xornadas puxeron de manifesto a súa disconformidade a través dun comunicado emitido pola Confederación de Anpas Galegas.

Aula
Aula

Dende a organización cuestionan especialmente a data de publicación do protocolo -xusto despois dos comicios autonómicos -que, afirman, foi demorada por "motivos claramente electorais". Nun sentido paralelo a confederación afea que a distancia mínima entre alumnos esixida pola Xunta sexa de apenas un metro, mentres que no caso das salas de profesores esta mesma dimensión sobe ó metro medio, máis acorde ás recomendacións dos organismos sanitarios, entre eles o Ministerio de Sanidade.

Neste aspecto, as anpas da confederación consideran que a escasa distancia social esixida pola Xunta ten por obxectivo "estirar as costuras do sistema educativo para non ter que investir un céntimo". "A distancia de un metro de separación nas aulas é absolutamente insuficiente segundo as recomendacións que estamos vendo publicadas para a cidadanía xeral, mesmo no propio documento dáse o paradoxo de esixiren 1,5 metros nas salas de profesores mentres que o alumnado estaría a un escaso metro de distancia", destacan no nomeado comunicado.

AS DIRECCIÓNS, DE NOVO RESPONSABLES

O segundo dos múltiples puntos que afea a confederación ten que ver coa "utilización" das direccións, que segundo apuntan as anpas terán que recoller boa parte da responsabilidade delegada pola Xunta. Neste aspecto, denuncian que as direccións dos centros "non son especialistas" en materia sanitaria e que, en consecuencia, "non teñen que ser responsables do que aconteza nese ámbito". 

Precisamente, nos últimos días a comunidade docente galega aproveitou para manifestar a súa solidariedade ás familias que nos últimos meses tiveron que facerse cargo da educación da rapaza ante a "ausencia case total de información e de directrices oficiais" por parte da Consellería de Educación. Fixérono a través dunha carta aberta publicada pola organización Profesorado en Pé, na que recolleron o seu "agradecemento ás familias polo esforzo realizado". Á parte, destacaron que, grazas ao apoio de familias e profesores, "o sistema educativo nunca deixou de funcionar", malia as problemáticas que, sinalan, tiveron lugar no seo dos fogares galegos como consecuencia desta circunstancia.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta