Os sindicatos deixan soa á Xunta co seu protocolo de regreso ás aulas

As 4 formacións que integraban a mesa de negociación con Educación abandonaron a negociación "nada máis comezar" porque consideran que "non asegura" a saúde do estudantado. O BNG tamén pide un protocolo e unha mesa de diálogo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2020 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

Sucédense as reaccións negativas ó protocolo de regreso ás aulas anunciado pola Xunta. Os sindicatos con representación na Mesa Sectorial de Educación levantáronse este xoves da mesma tras pedir á Xunta a retirada das medidas de adaptación ante a COVID-19 para o próximo curso. Durante o encontro coa Consellería de Educación, celebrado na mañá deste xoves, os sindicatos expresaron a súa oposición ao borrador presentado pola Administración educativa e reclamaron a súa retirada.

Entre outras cuestións, alegan que a súa aplicación é "inviable" e critican que "non hai vontade de negociación" por parte da Xunta, que non acordou " coa comunidade educativa" as indicacións. Por iso, decidiron levantarse da mesa sectorial. Neste sentido, o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, afirmou que este protocolo é "un despropósito cara ao conxunto da comunidade educativa" e alertou de que o curso, con el, empezarase "nunhas condicións que para nada aseguran unha atención á saúde e ás cuestións pedagóxicas".

A conselleira de Educación en funcións, Carmen Pomar
A conselleira de Educación en funcións, Carmen Pomar | Fonte: XUNTA

SÓ UN METRO DE DISTANCIA

Para a CIG, os criterios que rexen a proposta da Xunta "son exclusivamente de carácter economicista". En particular, Suso Bermello criticou a medida de reducir a distancia de seguridade nas aulas ata un metro, algo que "sería a escusa para non implantar medidas como un incremento do profesorado para atender a todo o alumnado" ou a "redución dos cocientes".

Do mesmo xeito, consideran que o protocolo non atende de forma suficiente a preparación para o caso de que haxa que retomar a "teledocencia". "Non hai ningún criterio que nos leve a unha situación diferente á do último trimestre do pasado curso", expresou Bermello. Finalmente, explicou, as indicacións deste borrador "non garanten o transporte nin o comedor para todo o alumnado", algo que rexeitan frontalmente e ao que, apuntan, responderán con "a mobilización social".

CRÍTICAS DE SINDICATOS E ASOCIACIÓNS

Na mesma liña que os sindicatos con representación na mesa sectorial (CIG, ANPE, CCOO e UXT), o sindicato Steg tamén expresou a súa oposición ha este documento, expondo modificacións que, na práctica, supoñen "case unha emenda á totalidade". Entre outras cuestións, Steg apunta que o documento "contén numerosas vaguedades" e "outorga unha responsabilidade excesiva ao profesorado e ás familias", á vez que non aposta pola redución de cocientes de alumnos por docente e a contratación de máis profesores.

Así mesmo, a Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos, Confapa Galicia, criticou que a Xunta non contase coa participación dos representantes das familias para conformar o protocolo e opúxose a medidas "asombrosas" como a de establecer grupos estables de ata 25 alumnos por aula sen que teñan que manter "ningunha medida interna de seguridade".

BNG

Por outra banda, o BNG denunciou a falta de diálogo da Consellería de Educación coa comunidade educativa, tanto cos centros como coas asociacións de nais e pais, que non foron tidas en conta para a elaboración do protocolo de inicio de curso nun escenario post COVID-19.

Así o asegurou nun comunicado a deputada electa Olalla Rodil, quen lembrou que o Bloque reclama "desde hai meses" a constitución dunha mesa de diálogo entre a Xunta e a comunidade educativa para abordar o inicio do próximo curso.

"A Consellería actúa tarde e de costas á comunidade educativa, reiterando a mesma actitude que no curso anterior", sinalou a portavoz parlamentaria de Educación dos nacionalistas galegos na última lexislatura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta