A pesar de que non mo pediu nen unha soa persoa, tomo esta decisión por responsabilidade cos afiliados e coa parte da cidadanía que confia no noso partido, se algo me ten demostrado a experiencia destes catro anos son as enormes dificultades que o sistema de poder estatal coloca á implantación de novos partidos así como o feito, en absoluto menor e dificilmente discutible, do refractaria que é a nosa sociedade, despois de décadas de propaganda proveniente da esquerda e da dereita, ás ideas liberais e libertarias.
Compre continuar traballando a longo prazo centrándose na xente nova, a Universidade é a clave, a algúns chamáballe a atención que eu falase na miña primeira entrevista como fundador de C21 dun horizonte de vinte anos para a implantación do partido, cando non facía falta ser un gurú para decatarse de que o espazo político que nos ocupamos ten que ser creado, non somos un proxecto deseñado en clave de marketing para cubrir un nicho preexistente, o noso proxecto supón unha innovación modernizadora na historia política de Galicia desde dous puntos de vista; a defensa dun liberalismo que finca as suas raices no liberalismo clásico de orixe anglosaxona e que bebe, entre outras, de correntes como a da escola austriaca, e dun galeguismo nunha clave que continua rachando preconceitos ao ser combinado co liberalismo. A potencial doutrinal que o liberalismo achega á defensa da liberdade individual e da liberdade nacional é moi grande e está ai para ser divulgada.
Que ninguén subestime a forza das ideas e o seu potencial transformador, desde Converxencia 21 sentimos a enorme responsabilidade de promover aquí as ideas que no mundo significan prosperidade, as ideas cuxa aplicación explican o éxito dos paises referencia no mundo para calquera persoa sensata, os valores da liberdade individual e da liberdade nacional, os valores que teñen levado e están levando ao éxito a paises como Suiza, Canada, Nova Zelanda, Australia, Singapur, Luxemburgo, etc. E que non haxa dúbidas, seguirémos promovendo estas ideas.
E sabiamos desde 2009 que non sería fácil, porque as ideas da liberdade son as que acabarían cos privilexios que nos impiden progresar pero que permiten a unha minoria ben conectada co Estado continuar vivindo fantasticamente da parasitación dos contribuintes, o que Acemoglu e Robinson chaman eufemisticamente “élites extractivas”. Naturalmente esa minoria concentra o poder e non teme en absoluto á esquerda, á que consideran unha parte máis que contribue a xustificar o enorme peso do Estado na nosa sociedade e portanto o propio sistema, a quen si temen esas “élites extractivas” é ao liberalismo e consecuentemente fixeron e farán todo o posible por impedir o seu avance.
É por isto que temos que continuar con mentalidade de relevista, garantindo que o noso proxecto manteña aceso o facho do liberalismo e do libertarismo en Galicia e para facer isto desde o amateurismo compre garantir un relevo nas persoas que permita manter un bo ritmo de traballo durante un longo periodo.
En relación á miña bagaxe persoal os resultados nas municipais en Tui ou o das autonómicas onde os resultados de Tui trasladados en porcentaxe a toda Galicia nos convertirían na quinta forza política do País coido que sirven para ponderar o desempeño persoal. Simplemente e a pesar de erros, que os houbo, e acertos, que tamén, fun o que máis traballou, esa é a forma na que eu concibo a lideranza, baseandoa no exemplo.
Desde logo non hai na miña decisión de non continuar asunción de culpa ou conciencia dun pobre desempeño, pero si de responsabilidade, no sentido da necesidade de manter o mesmo ritmo de traballo durante moito tempo o que non pode ser posible por parte da mesma persoa nunhas condicións de non profesionalización.
Desde logo facilitarei unha sucesión na Secretaria Xeral en clave de suma, evitando o tan común cainismo, quero contribuir a implantar en Converxencia unha cultura de respeito e de suma como a que non se soe ver en determinados partidos, nomeadamente os de cultura asemblear, onde o virus da destrución anda á solta.
A continuidade do proxecto está garantida, hai banquillo e de tanta calidade e capacidade como o que ate agora foi titular, ademáis permanecerei estreitamente vinculado ao partido na función que o novo Secretario Xeral e os afiliados me demanden no III Congreso, e desde logo poderei centrarme noutras actividades igualmente importantes para o proxecto do liberalismo galego como son o meu traballo no concello de Tui e a GALIDEM.
Quixera rematar esta carta agradecendo a axuda de todas as persoas que contribuiron á existencia, á estabilidade e ao crecemento de C21 ao longo destes catro anos, cunha mención especial aos que traballaron arreo nas municipais en Tui e aos compañeiros na executiva interina previa ao I congreso así como nas escollidas no I e no II Congresos.