Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 12/08/2020
Pois ben, dende hai xa bastantes anos e, sobor de todo, dende que a liberdade de expresión permite críticar as virtudes e salientar os defectos de moitos dos persoeiros que condiciónan a vida politica, a social, e mesmo a ética, as tornas trocaron moito.
Os grandes persoeiros, que noutros tempos non se podían pór e cuestión, agora por vivirmos nunha sociedade onde as novas saen á luz sen tantos atrancos, comezamos a ver que nin eran tan bos, nin eran guía de nada positivo. Eran a grande maioría, e son aínda, “xentes branqueadas” que no fondo nada positivo aportan. Ou sexa: persoas que diante a sociedade amosan unha faciana, mais no fondo do vaso, como diría Valle Inclán, son o contrario do que aparentan. O tema dos cartos, as posesións e o poder sempre son as causas que se agochan detras de todos istes persoeiros. E aquelo de “poderoso caballero es don dinero” ise que que ós cegos fai ver e os coxos andar, cúmplese de maneira radical impóndose sobre toda norma.
Xa cinguíndonos a esta España, á que algún glorifican tanto, pero que sisan canto poden, o cadro que vemos é realmente esperpéntico. Xogadores de futbol defraudadores, políticos comisionistas e prevaricadores, millonarios sen escrúpulos que por gañar cartos esplotan a menores nos paises do terceiro mundo; e reis que predicaban unha cousa e facían a contraria. Todo iso está no haber desta nosa sociedade.
Vivimos nun mundo cheo de fariseismos e de hipocresía. Vivimos nunha terra onde pra buscar un referente ético e social hai que baixarse á xente do común. Si, a esas persoas que apenas saen nos xornais e que viven e traballan con moita humildade.; que cumplen e pagan os impostos sen dfraudar. Estamos no tempo do mantemento da imaxe, aínda que o contido desa estea podre de merda e teña que fuxir do pais, pra ampararse na inviolabilidade e non ser condenado.
E digo eu, esta España, de pandereta e sacristía, como a definíu Machado, poderá sobrevivir esta pandemia de ladróns e defraudadores de fina estampa? Poderá aguantar moitos anos máis iste postureo absurdo e mentireiro de que todos somos iguais diante a lei?
Hai tempo que os referentes éticos e sociais e case todos os políticos caeron ó chan. Xa non existen. E esa carencia axuda a que a sociedade se desvalorice e camiñe aumentado a pillería e o ladroicio. Polo tanto, poucos son os referentes ós que mirar. En fin, de pena.