A marca Galicia

Hai a penas seis anos, o moderador dunha mesa redonda en Madrid na que eu participaba exclamou: “los gallegos os salís”. E mencionou como exemplo a Inditex e Caixa Galicia. Para aquel home, e posiblemente tamén para os máis de 200 asistentes, a marca Galicia cotizaba alto no mercado español do prestixio.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 04/04/2013

Comparte esta noticia
A situación mudou en pouco tempo, e de que maneira! Hoxe en día, unha expresión coma aquela soaría, cando menos, retranqueira. A depreciación da marca Galicia é un feito que lastra a presenza das nosas empresas e profesionais nos foros sectoriais e, sobre todo, a capacidade de entrada dos nosos produtos e servizos nos mercados español e foráneo. 
 
A competitividade adquírese pola combinación de factores funcionais obxectivos (basicamente, prestacións, calidade e prezo) con elementos referenciais subxectivos entre os que salienta o valor da Marca. Como se determina o valor da Marca? A partir de dous variables esenciais: a Diferenciación e a Visualización. Vexamos como está a marca Galicia atendendo a estes dous conceptos. 
 
A diferenciación da marca Galicia haberíase sustentar nos moitos atributos salientables do País, dende unha cultura e un idioma propios ata unha paisaxe privilexiada e unha imaxe próxima á idea de ecoloxía, saúde e benestar. Estes atributos habíanse complementar con conceptos vinculados á innovación e á iniciativa. Tristemente, cada un dos elementos anteriores está sendo desprezados, cando non castigados e anulados, dun xeito irresponsable pola actual Administración, o cal implica un durísimo lastre para o valor da marca Galicia. 
 
Respecto á Visualización, que podemos dicir? Coas noutrora entidades financeiras galegas vivindo o seu particular vodevil, Pescanova pondo de manifesto a insostibilidade do seu modelo, e o presidente Feijóo (quen debería ser primeiro representante da marca) enlamado con narcotraficantes, a imaxe do País nas súas distintas dimensións dificilmente pode caer máis baixo. Mais alén dos exemplos puntuais, por moi graves que sexan, é a posición xeral o que causa un maior dano. Esa actitude de subordinación a intereses que transcenden a nosa problemática, de renuncia aos valores identitarios, a nula reafirmación de noso, incluso o abandono dos nosos símbolos (que difícil resulta encontrar unha bandeira galega “sen compañía”), están a provocar a perda de valor da nosa marca tanto no mercado propio como no exterior. 
 
Máis alá da crise global, a economía e a sociedade galegas están a experimentar un proceso de deterioro que a súa marca reflite con nitidez e que haberiamos de nos ocupar de deter e reverter  canto antes. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego