A Xunta non contratou a 1.200 profesores pese a contar cos fondos do Goberno para facelo

Cifras da CIG indican que a Xunta ten sen gastar uns 50 millóns do fondo covid outorgado polo Goberno, máis da metade. Feijóo sinalou uns meses atrás que destinarían os orzamentos de Educación “ao que queiramos”.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2020 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

As contas de Educación, en dúbida. A CIG-Ensino vén de denunciar un “déficit” nos orzamentos recibidos pola Xunta para xestionar a contratación de novos docentes de cara ó curso da pandemia. Segundo sinala nun comunicado a formación sindical, os 93 millóns de euros achegados polo Goberno Central “darían para uns 2.325 contratos” fronte ós 1.087 que finalmente foron realizados.

Feijóo intervén ante a Xunta Directiva do PPdeG na Coruña.. PPDEG
Feijóo intervén ante a Xunta Directiva do PPdeG na Coruña.. PPDEG

Se ben os orzamentos do goberno non chegaron aínda ás arcas autonómicas por cuestións loxísticas do Minsiterio de Facenda, a CIG defende que a Xunta coñecía a contía antes de realizar as ampliacións docentes. “As contas dan un déficit de contratación máis que evidente”, destacan ó respecto nun comunicado. As dúbidas da CIG sobre o emprego de fondos por parte da Consellería chegan logo da intervención da formación na Mesa Docente do Estado, onte a intervención do secretario xeral Suso Bermello se centrou en “desmontar todas as mentiras da Xunta”, segundo destacan.

Neste aspecto, o representante sindical cargou tamén contra parte das ampliacións de persoal que si foron realizadas. De xeito concreto, Bermello afeou ó órgano autonómico que “pretenda vender como contratacións” os 240 docentes que se sumarán á educación infantil e primaria. “Como denunciamos varias veces é simplemente acatar a normativa de ratios máximas en primaria e infantil”, situada nos 25 alumnos por aula por parte do Goberno central.

De xeito paralelo, critican á Xunta por "vender" as contratacións dos programas ARCO e PROA+ como se se tratasen dun "reforzo" contra a covid. "A realidade é que estes programas teñen lugar dende hai moitos anos", destaca Suso Bermello. Segundo o sindicato, o número "real" de novos postos docentes quedaría en tan só 650, fronte ós 2.000 anunciados pola Consellería.

50 MILLÓNS DE EUROS POR GASTAR

A confirmación destes datos por parte do Ministerio de Educación bota novas sombras sobre a moi cuestionada xestión da Consellería no tocante ó inicio do curso escolar. Ante estas circunstancias, a CIG afirmou directamente que, trala reunión “quedaron ao descuberto todas as mentiras da Consellería” no que tacharon de “artificio contábel á hora de vender contratacións”.

"A Xunta non incrementou o persoal docente nin autorizou os desdobres porque non quixo”

Deste xeito, para a formación “ponse de manifesto que a Xunta non incrementou o persoal docente nin autorizou os desdobres porque non quixo”. A pregunta que deixan os cálculos da CIG é, pois, sobre o destino do restante do orzamento. Dando por boas as cifras do sindicato, que cifra en 40.000€ o custo de cada contratación, a Xunta dispoñería de case 50 millóns de euros máis para gastar en Educación.

O feito de non ter investido máis da metade do fondo do Estado antes do comezo das clases chega logo de semanas de protestas dos centros en demanda de máis docentes e medios para poder cumprir o protocolo da propia Consellería. Por outro lado, Feijóo xa sinalou o pasado mes de xuño que estaba aberto a destinar os fondos de Educación “ao que queiramos”. O sindicato xa anunciou que promoverá o “control e fiscalización” do fondo, sen descartar denunciaR “por todas as vías necesarias” a hipotética “deriva” deses recursos a outros fins.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Xabrega

Hai que pagar o Xacobeo...

2 Evidentemente

Madre mía como deben de ser los otros cuando este arrasa elección tras elección.

1 Faiscas

Máis ben como debe ser a xente que lle vota

1 Moine

Um povo culto e ilustrado nom suportaria a este governo de incompetentes e lacaios. Por isso odiam a cultura e a ilustraçom. Som tardo-franquistas.