Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 08/10/2020 | Actualizada ás 13:26
A ANPA do CEIP Luís Seoane de Oleiros reclamou á Xunta que se abra unha investigación polo esquecemento dun menor de 4 anos no bus escolar, á vez que fai un chamamento ás familias para concentrarse este venres ás portas do centro, a partir das 14,00 horas.
Segundo informaron a Europa Press, esixen ás consellerías de Educación e Infraestruturas, a través de escritos formalizados este xoves, a apertura dunha investigación para saber as familias "que ou quen da empresa de transporte fallaron e que medidas se van a tomar para que non volva pasar".
"Porque aínda que ninguén desde a Xefatura Territorial de Educación, nin a Consellería, se puxese en contacto coa familia, en ningún momento, para interesarse polo estado do neno, a nós si que nos interesa que se esclarezan os feitos", sinalan sobre o sucedido o pasado 29 de setembro.
Entre outras cuestións, pregúntanse "como é posible que suciedera algo así"; que o coidador do bus "non pasase lista dos nenos para controlar se baixan todos" ou que o condutor "non fixese unha revisión para comproar que non queda nada nin ninguén no autobús". Tamén se preguntan "como é posible que ao facer a ventilación obrigatoria, entre viaxes, ninguén se dese conta da presenza do neno" polo que reclaman aclarar "en que momento se fai a limpeza de desinfección establecida pola Covid".
RESTITUCIÓN DO EQUIPO DIRECTIVO
En particular, á Consellería de Educación pídenlle a "restitución" nos seus postos de traballo de todo o equipo directivo anterior "coa finalidade de que o noso colexio volva funcionar e se peche unha ferida moi profunda na comunidade".
Ademais, piden unha investigación non só do sucedido ao menor, senón tamén sobre as actuacións da Xefatura Territorial e da Inspección Educativa. Mentres, a recollida de firmas na plataforma change.org para solicitar a readmisión da directora, tras unha dimisión cualificada de "forzada" por ela mesma e á que se uniu o resto do equipo directivo por solidariedade, solicitou xa case 4.000 firmas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.