O 'aprobado xeral' recomendado pola ministra Celáa pon en pé de guerra ó profesorado galego

Docentes de institutos cargan contra unha proposta "superficial" pensada para que "os pais calen a boca". Aseguran que a medida "sairá cara" aos alumnos: "algúns din que non estudarán porque van titular igual".

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2020 | Actualizada ás 21:57

Comparte esta noticia

Se algo é seguro do 'curso da covid' é que será recordado por moito tempo. Tanto polas dificultades vividas -que aínda acaban de dar comezo- como pola tensión que se respira entre docentes e Administración. A fenda que a día de hoxe separa ambos mundos parece agravarse con cada medida anunciada polos executivos galego e español

A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, nunha intervención parlamentaria. EUROPA PRESS
A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, nunha intervención parlamentaria. EUROPA PRESS | Fonte: J. Hellín. POOL - Europa Press

O último golpe na mesa vén de dalo o Ministerio de Educación. Isabel Celáa, máxima representante da carteira, anunciou o pasado 29 de setembro un decreto-lei para permitir ás CCAA "flexibilizar" os criterios de avaliación para adecualos á situación de pandemia. Na práctica, o texto abre a posibilidade de que o estudantado pase de curso con máis de dúas mateiras supensas.

O anuncio de Celáa -na liña seguida polo Goberno dende a 'nova normalidade'- non consiste nunha lexislación precisa senón nun xesto para que sexan as comunidades as que escriban a norma. Isto implica que en última instancia será a Xunta a que decida se flexibiliza os criterios da LOMCE. Aínda que -polo de agora- o executivo de Feijóo rexeitou a medida, a tensión segue a medrar entre o profesorado galego, que xa está a ver as posibles consecuencias negativas da noticia.

"PARA QUE VOU ESTUDAR?"

"Está claro que vai haber abandono de materia", resume outra docente que dá clase nun centro privado na provincia de Pontevedra que prefire non especificar. Para ela, o principal problema da medida será a "desmotivación" que xerará no alumnado, un conflito que xa se está a apreciar nas primeiras semanas de curso. "Os rapaces len titulares que din que van poder promocionar con materias suspensas. E pensan: 'para que vou estudar Física e Química, que me horroriza, se vou titular igual?'".

Aula con alumnado
Aula con alumnado | Fonte: arquivo

A problemática apuntada por esta docente non é nova. Os docentes consultados por Galicia Confidencial explican que foi fundamentalmente o mesmo que aconteceu nos meses do confinamento, cando a Xunta indicou que o curso xa rematara. A nota dos alumnos, deste xeito, xa non "podía ir para abaixo", un feito que fixo "moi complicado" motivalos para que non abandonaran o curso; explica Carlos Lens, profesor no IES Rafael Dieste da Coruña.

UN CURSO "DE REGALO"

As medidas da Xunta levaron a que á hora de poñer as notas houbera que abrir a man máis que de costume.  "Vivimos un curso que foi case de regalo", subliña Manuel Rei, profesor de Galego no IES Concepción Arenal. Como explica Norma Fariña, docente de Castelán no mesmo centro, os criterios aplicados foron moi distintos ós de outros anos. "Para os de segundo de bacharelato fíxose a media de todas as mateiras, e se daba 5 estaban aprobados. Pensa que tamén computa relixión, que adoitan ter un 10...".

Estes criterios permitiron avanzar de cursos a alumnos que, segundo os docentes, non aprenderan contidos suficientes. "Se algún tiña máis de 3 materias suspensas preguntábase se alguén estaba en conta de que progresara. E manda a maioría", explica Norma Fariña. Neste aspecto, Manuel Rei apunta á Xunta como impulsora da relaxación dos baremos: "a inspección deu indicios de que calquera alumno ou pai que reclamara tiña as de gañar". "Non todo o mundo tiña conexión, así que a ver quen era o valente de suspender en masa", engade.

PARA QUE OS PAIS "CALEN A BOCA"

A impresión dos docentes é que a medida da Xunta -posibilitada polo Goberno- pretendía calmar os ánimos da opinión pública logo de meses "a velas vir", en palabras de Manuel Rei. "A medida é un caramelo, trátase de contentar", explica o docente. A visión de Rei é compartida, entre outros, por Norma Fariña, que ve no xesto "un xeito de facer que os pais calen a boca".

Polo momento, a Xunta de Galicia vén de rexeitar a medida de Celáa, de xeito que -en principio- non se repetirá o escenario vivido nos meses do confinamento. Con todo, Fernando Lacaci, presidente da Confederación de Anpas Galegas, advirte que a flexibilización xa está traendo problemas, especialmente ós rapaces que precisan apoio, xa que "se ocultan" as súas carencias. "Un alumno que non acade a preparación suficiente debe ter atención especializada. Ao aprobalo, as súas dificultades para promocionar quedan ocultas, e xa non se lle presta a atención suplementaria que precisa", explica.

Esta problemática, destaca Lacaci, veríase agravada pola "precarización" do ensino sufrida ao longo dos últimos anos. "Se os departamentos de orientación estiveran sempre cubertos e sen tanta mobilidade, os profesores poderían contar con esa información", pondera. O Sindicato de Estudantes ofrece unha visión máis taxante: "no sistema actual traballar as competencias é imposible. En aulas con 25, 30 ou 35 alumnos a atención individualizada non existe".

REFORMAS QUE NON SEXAN UN "PARIPÉ"

Aínda que os profesores confían nas avaliacións iniciais para detectar estes problemas, as eternas demandas para ampliar persoal e medios tamén veñen de xurdir dos institutos galegos. Fronte ó "paripé" da flexibilización, Manuel Rei defende reformas "profundas", comezando por "cambiar a LOMCE" e ampliar recursos. "A pandemia debe ser o punto de inflexión para reducir a masificación nas aulas", subliña.

De xeito paralelo, profesores e pais censuran que a medida non resolve as desigualdades vividas durante o confinamento, das que xa informou Galicia Confidencial. "O que hai que facer é dotar de medios suficientes e avanzar en competencias online", puntualiza Fernando Lacaci, que apunta tanto a alumnos como profesores. "Poñer unha cámara na aula non é teledocencia", engade.

POR QUE NON MODIFICAR O TEMARIO?

Alén de cuestións xerais, a medida anunciada por Celáa comeza a ser replicada por docentes que ofrecen ideas para unha xestión distinta da educación pandémica. Carlos Lens, do Rafael Dieste, dálle a volta á formulación do Ministerio e lanza: "a cuestión de fondo non debería estar na promoción senón no currículum. Por que non o replantexamos reducindo contidos e obxectivos?".

"Parece que o importante é que o alumnado siga pasando de curso sen importar que aprenda ou non", reflexiona Lens. O seu enfoque discorre parello ás críticas de Manuel Rei, que ve un sistema educativo "baseado en programacións infladísimas e repetitivas". Dun xeito semellante, o Sindicato de Estudantes fala de "metodoloxía completamente caduca" que leva "á meirande parte de estudantes" a "perder o interese no estudo. 

A conclusión do profesorado é que a medida de Celaá supón pan para hoxe e fame para mañá, unha mala aposta cuxas consecuencias xa son apreciables.“Teño xente que non se decata de nada porque lles falta toda a materia do ano anterior”, relata Astrid. Lacaci, presidente das Anpas, xanza a cuestión: "este tipo de favores remátanse volvendo contra o alumnado."

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Ricardo R.

La izquierda lleva décadas poniendo el nivel de la Educación por los suelos. Resultado; cada ver más lerdos y manejables, infelices consumidores de consignas y iphones, sin más objetivo en la vida que vivir de papi, el sindicato o el partido.

3 Gamela

A ministra que renunciou a ser Deputada (vai sobrada!) https://twitter.com/00Gamela/status...

2 Gamela

A avaliación final faráse baixo mínimos curriculares e de xeito COLEXIADO (así esta muller que vive en Neguri conseguirá o milagre en 2 anos e sen ter que cambiar a lei de educación por enésima vez (sen consenso) de reducir o nivel de fracaso escolar ata o 12% grazas a converter a Educación Pública nunha especie de Gardería Sen Futuro ! Mentras os espabilados con posibles matricularánse en cursos intesivos on-line (Emiratos Árabes e demáis universidades privadas xa teñen moitos!) para que os seus fillos podan traballar e vivir coma viven os seus pais (en Neguri) https://twitter.com/00Gamela/status... Pero nós seguiremos falando de barcos de papel !

1 Marsultor

Xusto o que lle compre ó país, incultos e nugallás. As vindeiras xerazóns moveranse entre o "ninismo" e/ou a emigrazón. Vannos operar veterinarios de mascotas. Sempre lles quedarán os CEFSE (inzados de "gallegos" VOXeiros).