Galicia ante o Fondo

Anda Feijoo falando cos uns e os outros á busca de ideas para captar a parte do inmenso Fondo de Recuperación Europea que nos corresponde. Mesmo tenta endosar a responsabilidade ás empresas a quen lles esixe proxectos.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 02/11/2020

Comparte esta noticia

Após once anos do goberno, seica non sabe o que precisa a economía galega. Debe de parecerlle que a cousa vai ben, que a continua perda de peso no conxunto da economía española tampouco non ten tanta importancia, que a marcha da xente nova cualificada a outros lugares non é para preocupar, que a nosa lamentable pirámide poboacional non é motivo de alarma (en último caso, deixar de aplicar os fondos que nos corresponden non sería algo novo: ano tras ano quedan sen utilizar inxentes contías europeas...).

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen conéctase á Conferencia de presidentes autonómicos celebrada este luns en Madrid onde se analizará a repartición dos fondos europeos de reconstrución, a 26 de outubro de 2020.. Pool
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen conéctase á Conferencia de presidentes autonómicos celebrada este luns en Madrid onde se analizará a repartición dos fondos europeos de reconstrución, a 26 de outubro de 2020.. Pool

A economía galega necesita unha transformación completa, ese é o gran proxecto. Un dos sinais máis evidentes: Galicia é a rexión europea cun peor nivel de aproveitamento dos seus recursos. Abonda con considerar unhas cifras elementais: ten menos de 400.000 Has. dedicadas a cultivo, unhas 450.000 a pastos, máis de 500.000 Has. de eucaliptos e arredor de 900.000 Has. de terra cultivable sen explotar. A súa SAU (Superficie Agraria Útil) é do 21%, menos da metade da media española. Este desastre incualificable é sistematicamente ignorado non so pola Xunta senón mesmo pola maioría de foros de análise económica do país.

Galicia presenta uns índices de I+D á cola de Europa, carece dun sistema integrado de innovación, amosa uns ratios de produtividade reducidos por mor da pequena dimensión media das empresas, un escaso uso da tecnoloxía, un comercio exterior concentrado no automóbil e a confección textil, unha deficiente (inexistente máis ben) rede de ferrocarril interna, unha precaria -en termos comparativos- rede de telecomunicacións, un medio rural abandonado, un medio natural maltratado con aleivosía... En serio Feijoo non sabe o que facer cos fondos que lle corresponden a Galicia?!

Se precisan ideas, velaquí lles deixo unha ducia deliñas poderosas nas que traballar dende hoxe mesmo para transformar o país:

Deseño dunha fórmula eficaz que permita mobilizar o terreo baldío hoxe en día, método que combine alugueiro agrupado de terras e participación (mesmo anticipada mediante rendas descontadas) nos beneficios derivados da súa explotación (inda que non imprescindible, unha fórmula así facilitaría levar a cabo os programas que se indican a continuación).

Reforzar absolutamente os precarios centros tecnolóxicos de especialización agroalimentaria que existen en Galicia tomando como referencia o Instituto de Investigación de Wageningen nos Países Baixos.

Cando menos duplicar a superficie dedicada a cereais, en coordinación con propietarios das terras, cooperativas e empresas de raíz agraria, centros de investigación e universidades, enxeñeiros e técnicos agrícolas e concellos.

Cando menos duplicar a superficie dedicada a hortalizas, tubérculos e legumes cun esquema de desenvolvemento similar ao exposto no punto anterior.

Substituír o eucalipto, especie exótica invasora de mínimo impacto nas cadeas de produción con valor engadido, por especies autóctonas que permitan, ademais da rexeneración do medio natural e a paisaxe, multiplicar o valor engadido da cadea de produción (castiñeiros, carballos, oliveiras, abeleiras, amendoeiras, froiteiras...).

Levar a cabo un programa amplo de recuperación do medio natural (unha liña destacada no Fondo), reforzando as reservas naturais, erradicando o eucalipto, rexenerando os ríos e saneando e recuperando as rías.

Programa de recuperación de especies mariñas (peixes, moluscos, crustáceos) con perda de exemplares nas últimas décadas, en especial aquelas en risco de extinción. 

Análise das cadeas de produción básicas da economía galega, dende a dispoñibilidade de recursos naturais ata a venda do produto de valor engadido, e cobertura dos chanzos intermedios mediante proxectos de cooperación público-privada.

Un programa ambicioso de rehabilitación de vivenda e de instalacións administrativas e fabrís co obxectivo de aumentar drasticamente a eficiencia enerxética. Programa específico para transformar en vivenda residencial os locais comerciais hoxe sen uso pola presión do comercio electrónico e as grandes superficies.

Programa a nivel galego de tratamento dos residuos fomentando a economía circular no conxunto dos concellos do país.

Programa para a implantación dunha extensa rede de enerxía distribuída que permita a produción descentralizada de enerxía e o autoconsumo e un programa complementario para despregue das tecnoloxías de almacenamento enerxético e do hidróxeno.

Crear o ferrocarril de proximidade entre as bisbarras galegas hoxe peor comunicadas así como o que enlace os portos, aeroportos e estradas galegas principais.

Vendo que por unha vez hai medios, é cuestión de engadir o que falta: actitude e capacidade. Veremos se o goberno galego está á altura ou se, como no pasado, coloca os intereses persoais e a submisión aos poderes centrais por diante do futuro do país.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego