Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 26/11/2020 | Actualizada ás 22:00
A finais do pasado mes de outubro a ministra de Cohesión Territorial do goberno portugués manifestaba que a conexión con Galicia era prioritaria. Ana Abrunhosa deixaba ver que os intereses lusos non ían tanto pola conexión ferroviaria Lisboa-Madrid, senón cara o norte, mesmo creando vías paralelas para alta velocidade e medias distancias. As posibles “eivas” que ten o proxecto son as “dúbidas” dos gobernos luso e español e a saída sur de Vigo. Outras serían a falta de capacidade de decisión por parte das rexións portuguesas, cousa que coas autonomías en España en parte está resolto e por último, que o Goberno español “impoñía” a prioridade da unión entre as capitais estatais.
UN CAMBIO PROFUNDO, PARA CANDO?
Economistas do Grupo Colmeiro de investigación económica achegaron unha serie de visións sobre as palabras da ministra portuguesa de Cohesión, Ana Brounhosa, quen declarou que no último cumio entre España e Portugal, a representación española insistía en abrir a vía Lisboa-Madrid fronte ao interese luso de fornecer a vía cara o norte ata a fronteira con Galicia. Deste xeito, segundo as avaliacións de expertos galegos e portugueses, a vertebración da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal con achegas para as comunicacións por terra, corrixiría o desequilibrio entre a zona noroeste e a mediterránea.
O temor dalgúns e dalgunhas economistas está en saber se se concretarán en feitos as palabras da ministra Abrunhosa. Así, José Costa, catedrático de economía da Universidade do Porto, cre que eliminará o centralismo crónico das políticas públicas portuguesas. O esperable para Costa son argumentos como mal uso dos investimentos ou a baixa demanda do servizo de transporte.
As opinións desde Galicia van no mesmo camiño criticando a postura de Madrid. “Lamentablemente o Goberno central parece que non consegue sacar as gafas de perto” di a profesora da USC, Isabel Neira, que lle pide ao goberno español que teña en conta e busquen o relevante para a economía e a cidadanía “neste lugar da península Ibérica, a economía e os cidadáns decidimos o noso camiño que pasa en grande parte polo eixo Atlántico e a conexión co Norte de Portugal”.
OS INVESTIMENTOS, UNHA RAZÓN PARA NON ACTUAR?
Se xa o Eixo Atlántico considera que se está fóra das políticas de investimento do Goberno central, analistas económicos cren que algúns obstáculos físicos estarían botando para atrás ao executivo de Sánchez. Un deses puntos é a saída sur de Vigo, cuxa solución “parece estar ligada aos investimentos en cuestións de enxeñería para levala adiante” di o economista Luis Caramés.
A saída sur “esixirá un importante investimento por parte española e tamén un esforzo financeiro notable da banda portuguesa” analiza Caramés. Aínda así, o economista sinala a opinión portuguesa de que todo o investimento se traducirá nun “cambio verdadeiramente estrutural” con resultados positivos, como declarou o ministro portugués de Infraestructuras, Pedro Nuno Santos.
O gabinete presidido polo primeiro ministro Antonio Costa anunciaba investimentos por 10.000 millóns de euros para o novo Plano Nacional de Investimentos 2030. O investimento en transportes será de 10.000 millóns de euros e deles 900 irán para a liña Porto-Valença-Vigo. A infraestrutura prevista dividiríase en dous, unha para a alta velocidade e outra para as liñas convencionais para aumentar a capacidade de mercadorías e de viaxeiros, tal como explica a profesora Natasha Silva.
Se este último punto se materializa, a liña que saia de Lisboa cara Porto comunicaría as dúas cidades nunha hora. Por outra banda, o transporte de mercadorías axilizaríase de tal maneira e movería tal volume que a área noroeste podería competir co Corredor Mediterráneo ademais de unirse ao Corredor Atlántico europeo, apunta Silva.
ALTA VELOCIDADE E MEDIAS DISTANCIAS
O investimento en liñas de media distancia e sobre todo, en loxística, responde á ineficiencia da alta velocidade para a mobilización de contedores. Así o entende o profesor da UNED Francisco Rodríguez Seijo, que ademais, en concordancia con Natasha Silva, entende que a vertebración pasa tamén por comunicar vilas e cidades medias en canto transporte de viaxeiros.
Rodríguez Seijo ve outra falla para desenvolver a alta velocidade. A rendibilidade da mesma pasa por comunicar poucos e grandes núcleos de poboación en tempos mínimos con distancias que permitan acelerar ao máximo. Os núcleos máis pequenos quedan á marxe, incomunicados, e isto impide a cohesión do territorio. De aí que se vexa necesario implementar tren de medias distancias.
Luís Caramés apunta finalmente que non se lle deu a importancia necesaria á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal desde diferentes administracións. Aínda así “desde Galicia temos unha vantaxe que é ter un goberno autonómico que pode facer panca en Madrid”. Isto non sucede en Portugal onde os gobernos son centralistas e, polo de agora, non están polo labor de conceder máis autonomía ás rexións.
Portugal espera articular unha conexión por toda a liña atlántica desde Lisboa ata Vigo, polo menos. O executivo lisboeta sinalaba a “imposición” de Madrid para a construción da liña AVE entre as dúas capitais de ambos países. De momento, desde a parte galega a solución para a saída sur de Vigo parece un dos obstáculos físicos máis importante, aínda que, como sinalan políticos e entidades sociais, as políticas de Madrid parecen mirar máis ao Mediterráneo que ao Atlántico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.