Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2020 | Actualizada ás 14:28
Técnicos do Departamento Rexional de Gestão e Valorização da Foresta do Instituto da Conservação da Natureza e das Forestas de Portugal desprazáronse estes días a Galicia para formarse no emprego da técnica do 'helimulching' para contribuír a evitar a erosión do chan tras os incendios forestais.
En concreto, visitaron cun grupo de investigadores do Centro de Investigación Forestal de Lourizán a parroquia de Río Caldo, no concello ourensán de Lobios, para ver os traballos de recuperación levados a cabo en máis de 80 hectáreas.
Na xornada formativa, os responsables da xestión do monte do goberno portugués destacaron a importancia do protocolo de actuación promovido pola Xunta para rexenerar de forma operativa os terreos afectados polos lumes, así como a implicación do persoal encargado de desenvolver estas tarefas. Tamén se analizaron os criterios de selección das áreas a tratar en función do dano na vexetación e no chan.
O Goberno galego está a executar traballos de recuperación para paliar as consecuencias dos incendios de setembro no municipio ourensán de Lobios, pero tamén nos de Verín, Monterrei, Cualedro, Vilar de Barrio, Vilariño de Conso e Manzaneda. En total, está a actuarse en máis de 200 hectáreas de terreo, creando unha cuberta protectora do chan con materiais como a palla de cereais, co fin de evitar a escorrentía superficial e a erosión.
Estes traballos lévanse a cabo cun helicóptero -helimulching- nas zonas de máis pendente, como é o caso de Lobios, e de forma manual -mulching- nas áreas accesibles a pé, sempre baixo as directrices dos técnicos especialistas do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.