Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2020 | Actualizada ás 22:00
Salvo sorpresas, as lexislaturas da democracia española son definidas por dous momentos cruciais. A primeira é a aprobación dos presupostos. A segunda é a lei de educación. Despois de 7 presidentes e 14 lexislaturas, o Estado español conta cun total de sete leis de educación á que vén de sumarse, nas últimas semanas, a LOMLOE, que pasará á historia como Lei Celaá pola ministra do ramo.
Como cada catro anos, o baile de siglas vén de colleitar dúas reaccións no debate público. Están, por un lado, os tradicionais lamentos ante unha lei "non consensuada" e "partidista"; unha protesta que non por repetida deixa de ter sentido. Coa lei emerxe tamén, por suposto, a polémica, que nas últimas semanas vén de agromar contra varias novidades da Lei Celaá, comezando polo tan cuestionado papel das linguas oficiais e cooficiais.
Xunto con este, o cambio de rumbo máis atacado da LOMLOE está a ser o papel da escola concertada. O sector considera que a Lei Celaá pon en grave risco a pervivencia do modelo mixto porque retira boa parte das concesións que o goberno de Rajoy cristalizou na tamén polémica Ley Wert. O recorte máis salientable da nova lei de educación é o principio da "demanda social", pola cal o Estado estaba obrigado a facer novos concertos se así o pedían os pais.
Unha posibilidade que non debeu gustar á ministra Celaá láa ou, quizais, aos seus socios de Goberno, que están a sacar máis peito pola reforma que o propio Presidente. En calquera caso, o Estado, a partir de agora, construirá preferentemente escolas públicas, desbotando o criterio da "demanda social". En liñas semellantes, a Lei Celaá impedirá á administración ceder chan público para a concertada --unha das actividades preferidas dos últimos gobernos madrileños-- e dá preferencia aos centros mixtos sobre os segregados á hora de facer novos concertos; unha posibilidade que xa de por si semella remota baixo esta nova lei.
FEIJÓO, COA CONCERTADA
Os recelos e mobilizacións contra o anuncio do Goberno foron automáticos. Alberto Núñez Feijóo manifestouse abertamente en contra da lei, anunciando que manobraría para que esta se aplicara "o máis mínimo posible" en territorio galego. A proximidade do goberno da Xunta coa concertada, porén, non é flor dun día. O goberno galego anunciou, o pasado mes de novembro, unha axuda de 7'2 millóns para estes centros. Pouco antes, segundo informa El Plural, a Consellería de Educación anunciaba a creación de 31 unidades de alumnos na concertada e a disolución de 54 na pública.
A oposición de Feijóo e os seus nos despachos tivo a súa contrapartida nas rúas. As protestas da concertada cristalizaron axiña na plataforma Más Plurales, que suma a "pais, profesionais e centros" fronte á norma. Acumulan máis dun millón de sinaturas pedindo que se lle poña freo. Segundo destacan, a Lei Celaá "limita a liberdade de escolla" para impoñer unha determinada ideoloxía, interferindo nos dereitos dos pais. Galicia Confidencial puido conversar con Pilar Ónega, que ademais de liderar as protestas de Más Plurales en Galicia forma parte da xunta directiva dun colexio concertado de Lugo. Esta entrevista realizouse en galego.
Por que se mobiliza a concertada contra a Lei Celaá?
Uf... a ver por onde comezo porque hai moitos factores. Á parte de que non hai consenso, a Lei Celaá fala dun dereito que non existe: o dereito á educación pública. O dereito que recollen a Unión Europea, a Constitución e DUDH é que eu teño dereito á educación, e a escoller a educación dos meu fillos, como recolle o art. 27 da Constitución. Os responsables dos menores de idade somos os pais e os titores, non o estado.
A ministra Celaá fixo, a este respecto, unhas declaracións polémicas meses atrás. Dixo que se non podía pensar que os fillos foran “propiedade” dos pais. Lembras?
Lembro perfectamente porque foi unha frase que disparou a alerta. Estamos na comunidade europea e baixo unha normativa que non ten nada que ver con estados doutro signo político, como os comunistas. A función do Estado, recolle a Constitución, é garantir o exercicio dos dereitos, non asumir o papel das familias ou privalas dos seus dereitos. Se os centros que nacen na sociedade civil teñen demanda social hai que financialos.
Precisamente, un dos grandes cambios desta lei é que se suprime o principio da “demanda social”. Que implica?
Quere dicir que será a administración pública a que distribúa o alumnado por centros. Esta lei vulnera o dereito a decidir dos pais a entre a oferta educativa ao dar prioridade ás prazas públicas, de xeito que non haberá novos centros sostidos con fondos públicos [concertados].
"OS PAIS DA CONCERTADA VOTAMOS A TODOS OS PARTIDOS"
Feijóo referiu este tema hai unhas semanas nestas palabras: “las rentas medias y bajas también tienen derecho a la concertada”. Coincidides en que a Lei Celaá pon trabas a educar nuns ideais determinados?
Non se trata de ideais soamente. A educación concertada enténdese mal ao pensar que os
pais levamos os fillos á concertada por unha característica socioeconómica. E isto non é certo. Os pais da concertada votamos a todos os partidos políticos e temos distintos estatus económicos. Formamos parte dunha heteroxeneidade incrible...
Pero os valores si teñen unha importancia. A escola concertada está xestionada na súa maioría por entidades relixiosas, ou non?
Si, pero iso non quere dicir que os teus fillos teñan que estar bautizados ou levar a etiqueta de católicos. Como pai escolles un ideario de centro, uns valores...
Igualmente, paréceme fundamental o que dicía Feijóo. Esta lei vulnera a equidade e propicia a desigualdade porque prioriza o criterio de proximidade á hora de escoller centro educativo. Con este criterio dificultas a liberdade de elección fóra do seu domicilio. Se eu vivo nunha zona socioecononicamente baixa non podo enviar aos meus fillos a outro tipo de colexio. Este criterio fai guetos: como tamén pasaría se se aplica nun barrio moi podente. Polo tanto si coincido coas palabras de Feijóo.
"NON SABEMOS SE FEIJÓO É ALIADO"
Vedes un aliado en Feijóo fronte ao goberno central?
Realmente non o sei. Nós estamos a reclamar uns dereitos dende a sociedade civil, non estamos achegados a ningún partido político. Nós non queremos seguir a LOE, ou a LOMCE: só queremos dicir que esta lei falla, e hai que reformulala.
Non sei que fará o PP. En reunións si nos escoitaron, pero de aí a que leven a cabo o que pedimos...
Volvendo sobre a reforma, na web falades dunha lei “adoutrinadora”. En que sentido?
Por exemplo, en canto ao que estar pasar coa materia de relixión. Queda relegada a unha materia de segunda, xa que non vai contar para a avaliación.
Polo que sei, somos o único país da UE con este problema. É máis, a Carta de Dereitos Fundamentais da UE recolle o dereito a elixir a educación dos nosos fillos segundo as nosas conviccións relixiosas, filosóficas, etc. Non é o Estado quen para dicir se os nenos estudan relixión ou non...
A RELIXIÓN, "MARXINADA"
Pero a problemática, neste caso, é que o Estado paga esa educación.
Bueno, iso de que o Estado paga non estou de acordo. Quen o paga somos a sociedade cos nosos impostos. A respecto da relixión este plan de estudos vai en contraposición coa práctica totalidade dos países europeos. Como vas explicar historia, arquitectura ou filosofía sen o fenómeno da relixión? É imposible, trátase dunha cuestión de cultura xeral.
Vedes un ataque á relixión na Lei Celaá?
Absolutamente. Non se entende a materia de relixión: penso que se entendo como un catecismo cando en realidade se trata dun contido practicamente transversal. Dende a formación dos calendarios ata a orixe do románico de Santiago... como explicas a importancia da cidade capital de Galicia sen a relixión? Creo que hai que entender as cousas dunha forma máis pausada e sen tantas etiquetas, sen tanto adoutrinamento.
Agora o Estado pretende facer unha materia de civismo e iso está moi ben; pero, perdoe, non pode ser o seu civismo politizado e partidista, debe ser unha cuestión que vaia máis alá.
"QUEN QUEIRA EDUCACIÓN PRIVADA QUE A PAGUE?"
As voces detractoras da concertada adoitan dicir que “quen queira educación privada ou relixiosa que a pague”. Como respondedes a esta postura?
A ver, os centros da concertada teñen idearios asentados sobre a relixión católica pero non quere dicir que todos os contidos teñan base relixiosa. Estes están sometidos a unha serie de leis educativas nacionais e son controlados por inspectores.
Quen queira educación privada que a pague?... obviamente non estamos de acordo con iso. Nós non estamos en contra da rede pública: querémola de calidade, inclusiva e acorde cos tempos. O único que demandamos é poder escoller, e esta lei impídenolo.
"A CONCERTADA NON É A ESCOLA DOS RICOS"
A concertada nace cando, nos 80, Felipe González quere universalizar a educación pero atópase con que non hai fondos para facer escolas. É dicir, foi un recurso temporal. Por que debemos manter a concertada agora que -supoñemos- si hai recursos?
Porque con ela os pais escollemos outra forma de educar, acorde coas nosas ideas. Eliximos un ideario, unha forma de educar. O que escollemos non son unhas características socioeconómicas. Do mesmo xeito que, se no futuro hai demanda social para colexios de nenos con altas capacidade, penso que deberían existir. A oferta educativa forma parte da democracia.
Por iso pensades que a Lei Celaá pretende “homoxeneizar” ideoloxicamente?
Absolutamente, claro que si. Cando falamos de educación debemos ser plurais e inclusivos, e ter en conta que cada quen ten as súas conviccións. A cuestión é que, por motivos económicos, a retirada da demanda social obriga aos pais que non queiran escolarizar os seus fillos na pública a recorrer á privada. Xa está a acontecer no caso de educación de 0 a 3 anos.
Pensas que, entre certos sectores políticos, hai unha imaxe mala ou distorsionada da concertada?
Si, e non deberían, porque moitos deles levan os seus fillos a centros concertados [en referencia á ministra Celaá]. Que a min encántame porque poden elixir. Na clase da miña filla hai persoas cuxos pais están no PSOE e non pasa nada porque a iso estamos. Pero hai moita xente que di: a concertada é igual á escola de ricos. Pero non, os datos da concertada non son eses, cando menos en Galicia.
"PROVOCARÁ SEGREGACIÓN"
Antes sinalabas que co criterio de proximidade créanse ‘guetos’. Isto non acontece na concertada?
Non, eu non o percibín nunca. A miña filla sempre estudou con xente de outros países, orixes, culturas... dependerá do centro do que esteamos a falar, pero non vexo eu que sexan centros que segregan por unha cuestión económica.
Xustamente, non se segrega porque están financiados por fondos públicos: cando se deixe de financiar comezará a segregación. Co criterio de proximidade as familias van dicir “A ver se vivimos no barrio A porque hai un colexio moi bo”, e iranse deteriorando outros barrios da cidade.
A lei propicia as desigualdades con este criterio?
Si, por suposto, porque o domicilio pasa a ser un criterio prioritario. E os pais non pensan na proximidade do domicilio cando están escollendo a educación dos seus fillos. Pode ser algo que me condicione á hora de organizarme, pero non pode ser unha prioridade para min. Hai que analizar a política educativa, que oferta dan... teñen extraescolares? Comedor? Penso que os pais pensamos en máis que na proximidade.
A nivel xeral, como valorades dende a concertada o papel de Celaá á fronte do Ministerio? Lembremos polémicas pasadas como o do pin parental.
Non entendín moi ben que houbera tanta polémica co do pin. E esta é unha cuestión que trato persoalmente, non como a plataforma. Eu nunca me vin afectada porque a miña filla fora instruída ou adoutrinada en charlas ou talleres sobre identidade de xénero ou diversidade LGTBI. A primeira que pretende achegar á miña filla a estas cuestións somos eu e o seu marido. Ten que haber unha educación, xa dende o fogar, en feminismo e diversidade.
"VAI ACABAR COA CONCERTADA"
En conxunto, credes que a Lei Celaá pon en risco a supervivencia da concertada?
Si, é que vai acabar con ela. Quizais non no primeiro ou segundo ano, pero si. E non se fala de que, a tres meses de aprobala, vaian rematar no paro miles de profesores. Van baleirar as aulas. Non temos ningunha dúbida de que o que queren facer é rematar coa escola concertada.
Con todo, moitos dos principios que deroga a Lei Celaá só levan en efecto dende a Lei Wert, de 2013. Porén, a educación concertada existe dende 1985. Por que a pon agora en risco se antes sobreviviu?
Porque queren facer que a demanda social non sexa prioridade...
Claro, pero o principio da demanda social vén de 2013. Que pasaba antes? Porque non había este principio pero seguíanse sumando concertos.
As leis téñense que fundamentar no contexto da sociedade. A concertada xorde, como ben dicías, porque nos anos 80 non hai prazas para absorber tanta demanda da concertada, porque non había prazas públicas, para ese alumnado...
O de Felipe González non é exactamente así. Eles recorreron aos concertos porque non había escolas públicas.
Referíame a iso, que non podían absorber ese alumnado. Por iso comezan o alumnado. Máis que preguntarnos por que non había antes o principio da demanda social, debemos cuestionarnos por que o queren retirar agora. E está claro por que: queren rematar coa educación concertada.
Por que esa vontade?
Hai unha politización, unhas bases ideolóxicas que non teñen en conta a liberdade de elección. Non se atenden a peticións da sociedade civil: é o Estado o que garante e ordena. Aí hai unha cuestión ideolóxica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.