Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2020 | Actualizada ás 13:49
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que a súa formación esixirá que se acorde unha lista de novas comparecencias na comisión de reactivación posta en marcha no Parlamento de Galicia despois de que o Grupo Popular volvese pedir a presenza do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, para falar dos proxectos para os fondos europeos Next Generation.
Nunha rolda de prensa ofrecida este luns na Cámara autonómica, o tamén portavoz parlamentario do PSdeG considerou que a petición dos populares confirma as críticas dos socialistas, que consideran que o PP e o BNG pactaran "tempos demasiado curtos" para este órgano parlamentario, así como unha lista limitada de comparecencias que lle quitaba "ambición e posibilidades de traballo".
Así mesmo, asegurou que o feito de que o grupo maioritario volva pedir a comparecencia de Francisco Conde reflicte que o PP está "desnortado", que "carece de rumbo e de orientación estratéxica" para orientar a reconstrución en Galicia tras a pandemia da covid-19.
"Está sen orientación para a economía, para a reactivación e para os proxectos europeos", sostivo Gonzalo Caballero, que considera que a comisión "non é unha prioridade" para o Partido Popular.
Ante estas cuestións, asegurou que "se o PP quere novas comparecencias" debe de tirar da lista exposta pola súa formación. "O PSdeG reclamará que se reabra para facer un conxunto de novas comparecencias das que presentamos e o PP vetou, e querémolo facer porque o PP xa levou a Conde e, agora, un mes despois, quere que volva para rectificar aquilo que non se dixo hai un mes", censurou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.