Por Alberto Quian | Madrid | 26/12/2020 | Actualizada ás 22:00
Continuamos pola historia da Gallaecia de mármore a través do proxecto ‘Marmora Galicia’ para estudar o uso desta rocha calcaria metamórfica en época romana, tardorromana e medieval no Noroeste peninsular, do que pouco se sabía até agora.
ESCULTURAS GALEGAS NO MUSEO ARQUEOLÓGICO NACIONAL
Como parte deste proxecto, en 2018, Investigadores do Museo Arqueológico Nacional (Madrid) e da Université Bordeaux Montaigne analizaron por primeira vez os restos cromáticos de varias pezas de arte románicas galegas en mármore que se gardan na capital de España: as columnas do mosteiro de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela, o parteluz da igrexa de Santiago de Vigo que representa a Cristo Salvador e o relevo coa escena do bautismo de Cristo de Montefaro, en Ares.
O Museo Arqueológico Nacional alberga varias xoias do románico galego que poden ser admiradas na Sala 27, dedicada aos reinos cristiáns medievais da Península Ibérica.
O traballo estivo enmarcado no proxecto de investigación 'Graver dans le marbre: Routes et Origine des Marbres Antiques d’Aquitaine et d’Espagne (ROMAE)', financiado polo Laboratoire d’Excellence Sciences Archéologiques de Bordeaux (Francia) e integrado por investigadores do IRAMAT-CRP2A (Institut de recherche sur les Archéomatériaux – Centre de recherche en physique appliquée à l'archéologie, Francia), da Universidade de Vigo, do Institut Català d'Arqueologia Clàssica e da Universidad de Zaragoza. O traballo tamén se encadrou no marco do proxecto ‘Marmora Galicia: identificación y estudio de la explotación, empleo y circulación de los mármoles del NW peninsular desde época romana’.
O Museo Arqueológico Nacional alberga varias xoias do románico galego que poden ser admiradas na Sala 27, dedicada aos reinos cristiáns medievais da Península Ibérica. En decembro de 2017 xurdiu a posibilidade de realizar un primeiro estudo analítico, non invasivo, a algunhas das pezas románicas realizadas en mármore que se expoñen no MAN. O obxectivo foi analizar tanto a colorimetría do mármore como a posible presenza de restos de policromía.
O traballo permitiu realizar unha primeira caracterización arqueométrica das canteiras de mármore do Incio
As seleccionadas foron dúas pezas procedentes do mosteiro leonés de San Benito de Sahagún –o relevo da Virxe co Neno e a cuberta do sepulcro de Alfonso Ansúrez–, así como catro de procedencia galega –dúas columnas do mosteiro de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela, o parteluz da igrexa de Santiago de Vigo que representa a Cristo Salvador e o relevo coa escena do bautismo de Cristo procedente de Montefaro (A Coruña)–.
O traballo permitiu realizar unha primeira caracterización arqueométrica das canteiras de mármore do Incio (Lugo), a miúdo citadas como posible procedencia local de moitas das pezas escultóricas marmóreas do noroeste ibérico.
Os resultados das análises distinguiron tres tipos de mármores de gran fino-medio opacos no Incio: unha variedade branca, unha bandeada e unha gris escuro.
Entre os métodos utilizados, a colorimetría foi empregada para definir de maneira cuantitativa a cor do mármore e introducir esta información nunha base de datos colorimétrica de mármores peninsulares.
Os restos de policromía conservados nas pezas analizadas mostráronse escasos e, na súa maioría, de dimensións moi reducidas (case sempre inferiores a un centímetro cadrado).
Doutra banda, non foi posible definir a datación exacta dos restos dos pigmentos analizados debido a que, do mesmo xeito que se sabe que na súa orixe a escultura románica en pedra estaba habitualmente policromada, é tamén sabido que este tipo de pezas foron obxecto de sucesivos repintes, sendo frecuente a superposición de varias capas pictóricas ao longo dos séculos, explican os investigadores.
En todas as pezas analizadas se constatou a presenza dalgún tipo de aplicación pictórica, agás na cuberta do sartego de Alfonso Ansúrez, onde non se detectou traza algunha de cor
As columnas do mosteiro de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela son as pezas que conservan o maior número de evidencias de policromía
As análises das pezas permitiron aos investigadores constatar que non se utilizou nelas ningunha capa de preparación, polo que a pedra puido recibir a pintura de forma directa. Ademais, o vermello e o amarelo foron as cores presentes con maior frecuencia. Con todo, os investigadores matizan sobre a presenza do vermello, xa que, en realidade, son os ocres os que predominan, sendo a única excepción polo uso de vermello intenso a inscrición do relevo da Virxe co Neno de Sahagún.
Das obras galegas, as Columnas de San Paio de Antealtares son as que conservan o maior número de evidencias de policromía do conxunto de pezas analizadas.
Estas columnas forman parte dun conxunto de catro que constituían os soportes da mesa do altar maior da igrexa do mosteiro de San Paio de Antealtares, en Santiago de Compostela. Do conxunto de catro columnas consérvanse tres, dúas delas custodiadas desde 1930 polo Museo Arqueológico Nacional, representando nun caso a San Pablo, San Pedro e San Andrés, e, noutro, a Santiago o Maior, Bartolomeu e Mateo; e unha terceira, con Simón, Matías e Xudas Tadeo, atópase no Fogg Art Museum da Universidade de Harvard (Estados Unidos), onde ingresou en 1932 grazas a unha permuta de pezas realizada co MAN (no troco puido ser recuperada para España a cuberta do sartego de Alfonso Ansúrez, incluída neste estudo).
Estas columnas simbolizaban os catro alicerces sobre os que se sustentaba a Igrexa de Xesucristo e nelas aparecen as imaxes dos apóstolos.
As pezas, segundo os investigadores, mostran certas diferenzas de estilo, o que permite atribuílas, polo menos, a dúas mans ou equipos escultóricos distintos, podendo datarse, por comparación con outras pezas compostelás afíns, a inicios da segunda metade do século XII.
Mediante observación macroscópica do material empregado na elaboración destas pezas, observouse que se trata dun mármore de boa calidade, en ambos os casos branco/gris, de gran fino-medio e con translucidez media.
Segundo os científicos, aseméllanse á calidade estética do material das canteiras portuguesas do Anticlinal de Estremoz, sen descartar por completo unha posible procedencia local, ao existir mármores bandeados similares.
En canto á policromía, a primeira das columnas, con San Pablo, San Pedro e San Andrés, mostra trazas de negro nas letras das inscricións. Por exemplo, no libro que porta Pablo (Filipenses 1,23), lese en latín: “Eu Pablo desexo morrer e estar con Cristo, pois creo que é moito mellor”. Os investigadores non aprezaron baixo o negro restos doutras capas de cor.
A figura de San Pablo presenta, ademais, trazas de marrón/ocre nunha das uñas do seu pé dereito. Debaixo, e en diversos puntos do fondo, observáronse marcas dun bordo negro que discorre ao redor da parte inferior da peza, así como outros bordos de cor branca e vermella.
O nimbo de San Pedro mostrou restos de pigmentación avermellada, podendo analizarse na unión entre o nimbo e o pescozo do apóstolo, á súa esquerda.
A figura de San Andrés presenta restos de vermello no beizo superior, así como un punto amarelo sobre o seu ollo esquerdo.
A segunda columna, coa imaxe de Santiago o Maior, Bartolomeu e Mateo, mostra tamén restos na parte inferior dun bordo negro, pero tamén cores grises. A escocia da base, así como o ancho listel que separa a base dos apóstolos, presentaron un ton avermellado que, neste caso, non se corresponde con restos de pigmentos, senón coa impregnación que estes provocaron na superficie do mármore.
Non se detectaron restos de pigmentos nos orificios dos ollos dos personaxes, polo que os científicos se aliñan coa hipótese de que neses orificios encaixaría algún elemento (pedra dura, vidro...) que achegaría realismo á súa mirada.
O parteluz da antiga Igrexa de Santiago de Vigo puido realizarse con mármore da variedade branco-gris identificada nas canteiras do Incio
Do parteluz con Cristo Salvador, os expertos consideran que se trata dunha peza da desaparecida igrexa de Santiago de Vigo, seguramente realizada por un mestre ou taller vinculado con Santiago de Compostela.
Por comparación coas producións escultóricas románicas compostelás, esta obra dátase no segundo terzo do século XII.
Observouse que a peza foi tallada a partir da reutilización do que parece ser un fuste de columna, posiblemente de época romana, pois a metade traseira da peza é semicilíndrica.
O parteluz da antiga igrexa de Santiago de Vigo puido realizarse con mármore da variedade branco-gris identificada nas canteiras do Incio
A obra representa a Cristo Salvador sostendo un libro aberto e cos pés sobre dous leóns. No nimbo aparece a inscrición en latín “Señor eterno, omnipotente e clemente, reitor de todas as cousas”.
As análises permitiron constatar que a pedra non foi tallada seguindo a orientación xeolóxica do bandeado da pedra, senón de maneira perpendicular a este, algo propio doutras obras do románico galego, como o relevo de Montefaro que tamén se incluíu neste estudo.
Nesta peza atopáronse unicamente escasos restos de vermello, na zona inferior do nimbo, á dereita de Cristo e nos bordos externos dos seus pés, á altura dos nocellos.
O baixorrelevo de Montrefaro presenta a mesma calidade marmórea que a peza de Santiago de Vigo
Por último, o Relevo do Baustismo de Cristo por San Xoán Bautista é unha peza procedente do antigo mosteiro de Montefaro, en Ares (A Coruña), aínda que a súa cronoloxía –século XII– é anterior ao mesmo, polo que os expertos cren que puido proceder dun enclave eclesiástico máis antigo.
Esta obra ten unha particularidade iconográfica: representa a San Xoán vestindo alba e dalmática, o que, segundo os investigadores, reforza o vínculo da escena coa liturxia bautismal da época.
O baixorrelevo presenta a mesma calidade marmórea que a peza de Santiago de Vigo. Trátase, por tanto, dun mármore tamén bandeado branco-gris de gran fino-medio sen translucidez, tallado de maneira perpendicular á orientación das vetas da pedra.
Os restos de policromía son tamén de cor vermella, detectándose na parte posterior de San Xoán Bautista. Ademais, detectáronse decenas de trazas de cor amarela, como na liña do cabelo de Cristo que discorre por enriba do seu ollo dereito.
CATEDRAL DE SANTIAGO
Estudos recentes no marco do proxecto ‘Marmora Galicia’ corroboraron a presenza de mármol lusitano na catedral de Santiago de Compostela. En concreto, desde o Institut Català d'Arqueologia Clàssica (ICAC) informan de que se identificou, “na súa parte románica, un número reducido pero moi significativo de elementos escultóricos e arquitectónicos en mármore que destacan nun conxunto esencialmente construído en granito”.
Un equipo de tres investigadoras realizou unha inspección visual exhaustiva dos compoñentes pétreos do friso e tímpanos da fachada de Praterías. Tamén se realizou unha mostraxe dunha selección dos relevos románicos e esculturas en mármore que alí se atopan.
Os investigadores puideron "corroborar analiticamente, por primeira vez, a presenza de mármores lusitanos na Catedral de Santiago”
“O estudo analítico das mostras pretende pescudar se os mármores utilizados na fachada son unicamente do territorio galego, ou ben se tamén se empregaron mármores de territorios máis afastados”, explican.
O ICAC considera “excepcionais” os resultados conseguidos até agora, xa que “corroboran analiticamente, por primeira vez, a presenza de mármores lusitanos na Catedral de Santiago”.
Previamente, este grupo de investigación comprobara xa que na fachada principal da catedral, o Pórtico da Gloria, empregáronse mármores de territorios afastados e non só galegos.
“En contra do que se asumiu tradicionalmente, a investigación confirmou que na elaboración destes elementos usáronse dous tipos de mármore diferentes”, salientan desde o ICAC. Unha é xa mencionada mármore do Anticlinal de Estremoz (Alentejo, sur de Portugal), para as tres columnas entorchadas integradas nos piares e mainel do arco central. A outra variedade é mármore local, para a cuarta columna e a cabeza do apóstolo, situados en puntos visualmente menos centrais.
A GALLAECIA DESCOÑECIDA
Os autores destes achados na catedral compostelá consideran que o seu estudo “pon en evidencia unha maior complexidade no uso do mármore no extremo noroccidental da Península Ibérica”.
Deste xeito, ‘Marmora Galicia’ vén achegando desde 2012 evidencias que contradín o que as coordinadoras deste proxecto, Silvia González Soutelo e Anna Gutiérrez García-M, cualifican como “unha percepción desfasada dun noroeste peninsular á marxe dos principais circuítos comerciais de época romana”. Unha idea que, din, “foise rebatendo con novos e mellores estudos sobre a cultura material de Galicia, aos que se suma o estudo dos mármores”.
O que xa sabemos grazas a estes estudos é que Galicia importou mármore de Alentejo (Portugal), material utilizado para elaborar o sartego de Tui, ou a placa funeraria de Mos. Pero tamén se corroborou, por exemplo, a chegada de mármore de Carrara (norte de Italia), identificado en pezas escultóricas.
Mais a Gallaecia non só importaba mármore, tamén o explotaba en canteiras locais cunha “envergadura maior da que se anticipaba”, afirman as coordinadoras do grupo de investigación ‘Marmora Galicia’, que falan dun “predominio xeneralizado do emprego de mármores locais xa desde os séculos II-III d.C.” na Gallaecia, “cun uso destacado entre os séculos III-IV d.C., fundamentalmente no caso de elementos arquitectónicos”, e que se prolongou durante a Idade Media.
Un bo exemplo do uso de mármore local é o da placa de Amiadoso (San Martiño de Pazó, Allariz), que se confirmou a súa orixe na área do Incio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.