Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/12/2020 | Actualizada ás 13:00
Defensa do Común mantén, a pesar das restricións sanitarias derivadas da covid-19, a concentración do domingo 27 de nadal ás 12,30 h en fronte á Casa Cornide, na Coruña, para esixirlle á familia Franco, actual propietaria do inmoble, a súa devolución ao Concello herculino.
A manifestación, baixo a lema 'A Casa Cornide é da Coruña. Devolución, xa', será apoiada pola asociación de veciños da cidade vella. Ademais, ao final do acto intervirán o xornalista e escritor Manuel Rivas e o arqueólogo, exdirector do Castelo de San Antón, Felipe Senén.
Tal e como explicou a asociación nun comunicado, a Xunta Directiva de Defensa do Común tomou a decisión de manter a concentración tras as advertencias formuladas o pasado martes por veciños da cidade vella, así como polo propio Bloque Nacionalista Galego (BNG), sobre a presenza no inmoble de "varias furgonetas que procedían a retirar diversos obxectos do seu interior".
A asociación destacou que estes indicios foron confirmados posterior e "presencialmente" por membros da Xunta Directiva. Unha ratificación que se suma ás fotografías achegadas polo BNG nas que se ve a unha furgoneta branca saíndo do edificio.
"A familia Franco non ignora que a condición de Ben de Interese Cultural (BIC) dificulta a venda do inmoble, así como a prohibición de retirar calquera obxecto sen a previa autorización", lembrou Defensa do Común, que considera "imprescindible" que se impida calquera intento de retirada de elementos do interior da casa mentres non finalicen os trámites do BIC.
Neste sentido, a asociación apoiouse no informe remitido pola Universidade da Coruña (UDC), que consideraron "clarificador", e polo que a entidade conclúe que "os procesos de permuta, poxa e venda" da Casa Cornide foron "ilegais".
Por iso, a organización reiteroulle ao Concello da Coruña a necesidade de presentar unha denuncia no xulgado "para investigar se foron subtraídos obxectos da Casa Cornide nos últimos días", así como a urxencia de formalizar a demanda "para que o palacete volva ao pobo da Coruña".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.