Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2021 | Actualizada ás 09:00
Novas críticas á Xunta de Galicia da man do movemento ecoloxista galego. Desta vez, o contido da denuncia desenvolta por Amigas das Árbores pasa por un vello coñecido da cuestión medioambiental: o eucalipto. A plataforma en cuestión vén de denunciar que esta especie invasora está a “okupar” un monumento natural “sen que a Xunta de Galicia faga nada” para “evitar a desfeita deste ecosistema único”.
A denuncia da Amigas das Árbores, lonxe de ser unha cuestión recente, vén de atrás. Segundo destacan nun comunicado, xa en 2019 deixaron claro que a “restauración e recuperación medioambiental” de espazos como o monumento de Pena Corneira son obrigatorios por lei, xa que a área foi atacada por un incendio forestal. Por iso cargan contra as autoridades autonómicas: “nin sequera son capaces de cumprir o que dictan as súas propias leis e normativas”.
A problemática de Pena Corneira é que, ante o retroceso da vexetación autóctona como consecuencia dos lumes, “milleiros e milleiros de eucaliptos invadindo os montes”, que antes, subliñan, estaban ocupados por carballeiras e piñeirais. A densidade desta especie invasora sobre a zona é enorme, xa que, de acordo coa plataforma, chega a haber 25 eucaliptos por metro cadrado e algúns dos espécimes teñen 6 metros de alto.
As críticas á Xunta de Galicia polo tema eucaliptal veñen de lonxe. Dende as mobilizacións na Costa da Morte aos moitos produtos audiovisuais desenvoltos sobre o tema, son longas e extensas as críticas contra a actitude da entidade autonómica e a súa posición pública sobre a problemática. “Como a Xunta de Galicia di cos eucaliptos non son unha especie invasora, temos que buscarlle logo unha denominación ao seu descontrolado espallamento”, subliñan retranqueiros dende Amigas das Árbores antes de referir a “okupación ilegal” a mans destas árbores invasoras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.