Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 27/01/2021 | Actualizada ás 17:23
O xuízo contra os nove activistas militantes do BNG denunciados pola familia Franco por unha protesta realizada na Casa Cornide para pedir a súa devolución terá lugar o próximo día 4 de febreiro ás 10,00 horas no Xulgado de Instrución número 4 da Coruña.
Diso informou o colectivo '19 de Meirás' nun comunicado remitido aos medios, no que explica que Armando Carril, Manuel Méndez, Elvira Branco, Carolina Fernández, André López, Salvador González, Óscar Calvo, Dani Carballada e Bieito Lobeira serán xulgados por un delito leve de coaccións.
No comunicado, este nove persoas denunciadas aseguran que a acción realizada o 26 de setembro de 2017 consistiu en despregar unha faja da varanda da Casa Corinde, para reclamar que este edificio, que foi "expoliado" en 1962 polo Franco, sexa restituído ao patrimonio público.
"Esta denuncia é o mundo ao revés. Que nove persoas teñamos que sentarnos diante dun xuíz por unha acción simbólica e totalmente pacífica mentres a familia dun ditador que deixou miles de mortos no noso país leva toda a vida campando impunemente e gozando o patrimonio expoliado, di moito de como están as cousas neste Estado", sinala o comunicado.
Ademais, sostén que as acusacións feitas "carecen de fundamento e esperan que a acción sexa considerada como o que foi: un acto pacífico e de expresión democrática ante unha situación inxusta que ademais sabemos que é compartida por todas as persoas demócratas".
En solidariedade con estas nove persoas, que reclaman que as administracións públicas interveñan con contundencia tamén no caso da Casa Cornide, foi convocada unha concentración que terá lugar a partir das 9,30 horas do día 4 de febreiro ante o xulgado no que se celebrará a sesión.
PETICIÓN DE GALICIA EN COMÚN
Por outra banda, o deputado de Unidas Podemos e portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, reuniuse co secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, para tratar cuestións relacionadas coa memoria histórica en Galicia.
No encontro, do que informou en parlamentario nun comunicado remitido aos medios, Gómez-Reino puxo sobre a mesa a súa preocupación polos usos futuros do Pazo de Meirás tras o que considera un "intento" da Xunta de "esconder parte da historia e contala de maneira descafeinada auspiciándose na figura de Pardo Bazán".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.