"Se non traballo, como pago?": hostalaría e autónomos, firmes na súa protesta

A marcha finaliza de maneira simbólica na Cociña Económica porque "este pode ser o final de moitos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2021 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

Sobre un centenar de persoas manifestouse na mañá deste mércores, 3 de febreiro, polas rúas de Ferrol nunha mobilización convocada polo colectivo Hostaleiros e Autónomos Ferrolterra (HAF), para demandar solucións ante o peche dos seus negocios, xa que se non poden traballar, "non poden pagar", tal e como apuntou un dos portavoces deste colectivo, Toni Torres.

Así, a protesta iniciouse ás 11,00 horas cunha concentración ante o edificio administrativo da Xunta na Praza de España, onde moitos dos participantes fixeron soar as súas potas e cacerolas, para logo discorrer pola rúa Real. Ademais, realizaron outra parada na Praza de Armas, ante o Concello de Ferrol, antes de retomar a marcha e pór fin a esta protesta ante a sede da Cociña Económica, na rúa Rubalcaba, unha maneira simbólica de representar este colectivo que "este pode ser o final de moitos hostaleiros e autónomos se non se actúa xa".

ESIXENCIAS DAS AXUDAS

Segundo manifestou Torres, a manifestación decidiuse facela en horario de mañá porque agora están "xa todos pechados e ten unha maior repercusión". Así o indicou en declaracións a Europa Press, ademais de detallar que "os hostaleiros seguen igual, a pesar dos grandes titulares nos medios de comunicación, as axudas non chegan a nada, por chamalas dalgunha forma, onde a achega é cero". "Xa que se me esixe manter o meu negocio aberto tres ou seis meses e para iso indemnízasme con 3.000 euros, pero é moito máis caro manter un negocio pechado durante este tempo", matizou.

Toni Torres tamén se referiu ás achegas ás salas de concertos, "que son miserables, xa que falan de 20.000 euros, pero o que che esixen sáeche nuns 25.000 euros, máis ou menos, onde ademais hai que achegar un diñeiro anticipado, xa que o IVE vancho cobrar, coa esixencia dunha contratación de quince grupos ata o 31 de outubro", polo que estiman "que as axudas non son reais".

MÁIS MOBILIZACIÓNS

Torres xa adiantou que van "continuar" manifestándose porque non hai ningún tipo de axuda, "xa que aquí o que non se pode facer é non ter un negocio, por que ten que estar pechado a pesar de querer traballar". "E tes que seguir pagando os impostos, xa que che chega o cargo todo, onde o único que che están facendo é pagando a cota de autónomo, pero se non facturas nada, non ganas nada, entón é imposible", lamenta.

Por iso, un dos portavoces de Hostaleiros e Autónomos Ferrolterra detallou que mentres non teñan "unhas indemnizacións reais", seguirán manifestándose. "Se non podo traballar non podo pagar, e alguén se ten que facer cargo", sentenciou.

Mobilización de hostaleiros e autónomos en Ferrol.
Mobilización de hostaleiros e autónomos en Ferrol. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta